Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Xoves, 22 de setembro de 2022 Páx. 49379

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 13 de setembro de 2022 pola que se modifica a Resolución do 29 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento MR708A).

Mediante a Resolución do 29 de decembro de 2021 aprobáronse as bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e convocáronse as correspondentes ao ano 2022 (DOG núm. 16, do 25 de xaneiro de 2022), modificada pola Resolución do 22 de febreiro de 2022 (DOG núm. 39, do 25 de febreiro).

Mediante as resolucións do 13 e do 27 de xullo de 2022 a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural resolveu o procedemento para a concesión das axudas.

A escaseza de subministración de materiais e compoñentes está a demorar con carácter xeral os procesos de fabricación e subministración da maquinaria e equipamentos subvencionados, e afecta, igualmente o ritmo de execución das obras no caso de proxectos para a posta en marcha de novas actividades empresariais en aldeas modelo, o que require prever prazos máis amplos dos inicialmente previstos para executar e xustificar os investimentos subvencionados na anualidade 2022.

As razóns expostas aconsellan ampliar o prazo de execución e xustificación dos investimentos correspondentes á anualidade 2022 previsto no artigo 5 da Resolución do 29 de decembro de 2021 (30 de setembro de 2022), co fin de asegurar a execución dos investimentos subvencionados.

Tendo en conta o anterior, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección da Axencia, do 11 de xullo de 2013, feito público mediante a Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto),

RESOLVO:

Artigo único. Modifícase o artigo 5 da Resolución do 29 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2022, que queda redactado como segue:

«Artigo 5. Prazo para a execución dos investimentos

Para as dúas tipoloxías de proxectos subvencionables, o prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2022 será o 5 de decembro de 2022.

No caso de proxectos de posta en marcha de novas actividades empresariais en aldeas modelo, o prazo para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2023 será o 1 de agosto de 2023. A esta xustificación poderán imputarse, igualmente, os gastos executados desde a finalización do prazo de xustificación correspondente á anualidade 2022».

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2022

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural