Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Martes, 13 de setembro de 2022 Páx. 48421

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico A Ruña III, sito no concello de Mazaricos e promovido por Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. (expediente IN408A/2017/043).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. en relación coa autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do parque eólico A Ruña III, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 22.12.2017, Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico A Ruña III, sito no concello de Mazaricos (A Coruña), e achegou xunto coa solicitude a documentación técnica correspondente e o xustificante da garantía económica para o cumprimento do establecido no artigo 59.bis do Real decreto 1955/2000.

Segundo. Con data do 22.5.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro (en adiante, a Lei 8/2009). O 30.5.2018, achegaron o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos, de acordo co artigo 33.3 da Lei 8/2009.

Terceiro. Con data do 29.5.2020, a promotora solicitou unha modificación substancial do proxecto do parque eólico. A modificación solicitada consistía, de forma xeral, no cambio do modelo de aeroxerador, na redución do seu número debido á maior potencia unitaria da nova máquina, e no desprazamento das súas posicións, así como no desprazamento da torre meteorolóxica. Con data do 28.8.2020 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Cuarto. Con data do 5.11.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, no cal se indica o procedemento ambiental que hai que seguir e os organismos que hai que consultar durante a fase de información pública.

Quinto. Con data do 27.11.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que o proxecto do parque eólico cumpre os requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable, establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Sexto. Con data do 12.1.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico A Ruña III á Xefatura Territorial da Coruña para a continuación da tramitación de acordo co establecido no artigo 33.6 da Lei 8/2009.

Sétimo. Mediante o Acordo do 3 de marzo de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto do parque eólico A Ruña III, no concello de Mazaricos (expediente IN408A 2017/43).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 10 de marzo de 2021 e no xornal La Voz de Galicia do 10.3.2021. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (Mazaricos), así como nas dependencias da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Coruña e da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, as cales se recollen no anexo 1 desta proposta:

• Na planificación eólica de Galicia primáronse os intereses empresariais obviando ou minusvalorando os criterios ambientais.

• Avaliacións ambientais non adecuadas.

• Vulneración flagrante da Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación de hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

• Impactos ambientais severos e ausencia de estudos que garantan a non afección.

• Afección aos recursos hídricos e aos hábitats naturais: o proxecto supón a eliminación tanto de hábitats prioritarios como de interese comunitario.

• Afección severa á avifauna e á paisaxe: o parque eólico proxectado é incompatible coa conservación e a protección destas especies vulnerables.

• Afección ao patrimonio inmaterial sen avaliar.

• Fragmentación, para os efectos da avaliación ambiental, das infraestruturas compartidas con outros proxectos industriais. Efectos acumulativos sen avaliar.

• Desde o punto de vista urbanístico o proxecto eólico A Ruña III é incompatible. A promotora pretende unha recualificación urbanística non amparada legalmente en relación co solo rústico de protección forestal e co solo rústico de protección agropecuaria.

• Aeroxerador RIII 4 moi próximo á aldea de Loureiro.

• Metodoloxía proposta para o estudo dos morcegos no marco do proxecto dun parque eólico non realizado correctamente.

• Dereito ao acceso á información e á participación do público na toma de decisións.

• O Plan sectorial eólico de Galicia non está vixente. Que se teña en conta que o Plan sectorial eólico de Galicia é un regulamento que non está adaptado á actual normativa de avaliación de impacto ambiental e que está desfasado, caduco e obsoleto, e que carece de avaliación ambiental.

Oitavo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Red Eléctrica de España, S.A., Retegal, S.A., Parque Eólico de Currás, S.L., Eurus Desarrollos Renovables, S.L., Desarrollos Eólicos, S.A. (actualmente EDP Renovables España, S.L.), Parque Eólico A Ruña, S.L., Líneas Eléctricas de Galicia II, Concello de Mazaricos e Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

De acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibírense estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Noveno. Con data do 12.3.2021, o Servizo de Enerxía e Minas da Coruña emitiu informe indicando que na poligonal que define a área afectada pola instalación non existen dereitos mineiros afectados.

Décimo. Con data do 3.4.2021, Retegal achegou o correspondente condicionado, establecendo que, unha vez construído o parque eólico, a promotora se comprometerá á realización dunha campaña de medidas de cobertura nas localidades da contorna, coa finalidade de comprobar que non se produciu perda ou degradación desta. Neste suposto, proporcionará os medios necesarios ou acometerá algunha actuación de extensión da cobertura que permita o restablecemento da calidade e a correcta recepción dos sinais TDT. Con data do 29.4.2021, a promotora remitiu a súa conformidade.

Décimo primeiro. Con datas do 19.4.2021 e do 22.11.2021, EDP Renovables España, S.L. emitiu o condicionado técnico relativo á instalación do parque eólico A Ruña III. Con datas do 12.5.2021 e do 2.3.2022, a promotora respondeu ao dito condicionado técnico. Con data do 23.3.2022, EDP Renovables España, S.L. presentou a súa conformidade.

Décimo segundo. Con data do 20.4.2021, Augas de Galicia emitiu informe establecendo o correspondente condicionado para o parque eólico A Ruña III. Con data do 19.5.2021, a promotora contesta ao dito informe emitindo á súa conformidade.

Décimo terceiro. Con data do 23.4.2021, Red Eléctrica de España, S.A. emitiu o condicionado técnico relativo á instalación do parque eólico A Ruña III indicando que non presenta obxección a este ao non existiren afeccións ás instalación da súa titularidade. Con data do 26.5.2021, a promotora presentou a súa conformidade.

Décimo cuarto. Con data do 21.6.2021, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal emitiu informe establecendo o correspondente condicionado para o parque eólico A Ruña III e indicando os montes de utilidade pública e montes veciñais en man común afectados. Con data do 26.7.2021, a promotora contesta ao dito informe emitindo á súa conformidade.

Décimo quinto. Con data do 8.11.2021, a xefatura territorial emitiu informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009 sobre o proxecto do parque eólico.

Décimo sexto. Con data do 9.11.2021, a xefatura territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo sétimo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia-Costa), Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Mazaricos.

Formalizada a tramitación ambiental, o 17.6.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico.

Décimo oitavo. Con data do 22.6.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriu a promotora para que presentase o proxecto de execución refundido coa configuración definitiva do parque eólico.

Décimo noveno. Con data do 22.6.2022, Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. presenta a documentación técnica mencionada no antecedente de feito décimo oitavo.

Vixésimo. Con data do 28.6.2022 a xefatura territorial emitiu informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009 sobre o proxecto refundido do parque eólico presentado pola empresa promotora.

Vixésimo primeiro. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede, segundo os informes do xestor da rede do 21.5.2018 e do 2.8.2018.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 20 do Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 5, do 11 de xaneiro de 2021), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro) e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo desta resolución, e resumidas no antecedente de feito sétimo, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. No que respecta a todas as alegacións de carácter ambiental e afeccións ao patrimonio cultural, natural e paisaxístico, hai que indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 17.6.2022, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias.

2. Con respecto á fragmentación do expediente do parque eólico A Ruña III (IN408A/2017/043) con outros proxectos industriais, compre efectuar as seguintes consideracións:

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria). Dito noutras palabras, as presuntas vantaxes que desde o punto de vista da tramitación ambiental podería ter un fraccionamento non son tales, xa que a existencia doutros parques eólicos nas proximidades obriga á realización do trámite ambiental ordinario para o novo parque.

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, esa suposta «fragmentación» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O estudo de impacto ambiental do parque eólico obxecto da presente resolución inclúe un estudo dos efectos sinérxicos con parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «no podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo e reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, o parque eólico A Ruña III comparte infraestruturas de evacuación co parque eólico de A Ruña II, o que non impide que os dous teñan carácter unitario e que poidan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipamentos de corte e medida da enerxía, e que ao mesmo tempo supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

3. Respecto ás alegacións relativas á necesidade de promover a participación dos administrados con respecto ás afeccións, cabe remitirse ao indicado no antecedente de feito sétimo, momento en que se somete a información pública o proxecto de execución e o estudo de impacto ambiental do parque eólico, e se recollen as diferentes publicacións do Acordo do 3 de marzo de 2021 (Diario Oficial de Galicia do 10 de marzo de 2021 e no xornal La Voz de Galicia do 10.3.2021).

Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas no Concello de Mazaricos e na xefatura territorial.

4. As alegacións de carácter urbanístico, relativas á cualificación do solo correspondente aos terreos afectados, serán consideradas no momento de resolución da aprobación do proxecto de interese autonómico. No que respecta ás distancias aos núcleos de poboación, cómpre manifestar que o proxecto que se aproba mediante esta resolución conta co informe favorable da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como se recolle no antecedente de feito quinto e onde se acredita que todos os núcleos poboacionais se encontran a unha distancia superior aos 500 m da instalación.

5. No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en canto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos, a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e o acordo publicouse no DOG do 15 de decembro.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3 de xaneiro de 2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5 de decembro de 2002 polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo, este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico A Ruña III, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 17.6.2022, e recollida no antecedente de feito décimo sétimo desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu «formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico A Ruña III, concluíndo que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións parque eólico A Ruña III.

Nos números 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico A Ruña III, sito no concello de Mazaricos (A Coruña) e promovido por Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U., cunha potencia de 12 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico A Ruña III, composto polo documento: Proxecto de execución modificado. Parque eólico A Ruña III, asinado o 10.12.2021 polo enxeñeiro industrial Juan José González Fernández colexiado nº 1267 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U.

Enderezo social: rúa Carreira do Conde, nº 2, 1º B, 15701 Santiago de Compostela (A Coruña).

Denominación: parque eólico A Ruña III.

Potencia instalada: 12 MW.

Potencia autorizada: 12 MW.

Produción neta: 42,3 GWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.525 h.

Concello afectado: Mazaricos (A Coruña).

Orzamento de execución material: 11.088.211,73 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

V1

494.750,00

4.755.080,00

V2

495.315,00

4.755.080,00

V3

495.884,00

4.754.163,00

V4

495.940,00

4.752.430,00

V5

496.557,00

4.751.790,00

V6

497.184,00

4.750.819,00

V7

497.175,00

4.750.175,00

V8

497.785,00

4.750.089,00

V9

497.971,00

4.749.580,00

V10

497.798,00

4.750.796,00

V11

498.566,00

4.750.796,00

V12

498.924,00

4.749.887,00

V13

498.430,00

4.748.790,00

V14

497.050,00

4.748.790,00

V15

496.921,00

4.750.074,00

V16

496.900,00

4.750.857,00

V17

496.326,00

4.751.662,00

V18

495.640,00

4.752.140,00

V19

495.600,00

4.753.830,00

V20

495.395,00

4.754.280,00

V21

494.750,00

4.754.280,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

RIII-1

498.154,00

4.750.398,00

RIII-2

498.338,00

4.750.152,00

RIII-3

498.533,00

4.749.888,00

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

T.M.

498.477,00

4.749.645,00

Coordenadas da cela de conexión do parque eólico A Ruña III na subestación colectora 30/66 kV A Ruña:

Cela conexión

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

494.898,00

4.754.572,00

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

• 3 aeroxeradores modelo Vestas V136 de 4,00 MW de potencia unitaria, con velocidade e paso variable, altura ata a buxa de 112 m e un diámetro de rotor de 136 m.

• 3 centros de transformación montados no interior do fuste, de potencia unitaria de 4.500 kVA e relación de transformación de 0,72/30 kV, coas súas correspondentes celas metálicas de seccionamento, manobra e protección.

• Rede eléctrica soterrada a 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación transformadora A Ruña 30/66 kV (obxecto de proxecto independente), composta por 1 circuíto con condutores tipo RHZ1-2OL 18/30 kV Al de diferentes seccións (150-400 mm²).

• Rede de terras xeral con condutor Cu-50 mm², de modo que as instalacións electromecánicas forman un conxunto equipotencial.

• 1 torre meteorolóxica de medición de 112 metros.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 83.162 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria do 23 de xaneiro de 2009 pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Eurus Desarrollos Renovables, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

12. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 17.6.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

13. A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

ANEXO

Alegacións presentadas durante a tramitación do expediente

Sociedade Galega de Historia Natural o 12.3.2021; Asociación Ambiental e Cultural Petón do Lobo o 21.3.2021; Carlos Penedo Casmartiño o 22.3.2021 e o 30.3.2021; Pedro Rodríguez López o 22.3.2021; Alicia López Pardo o 24.3.2021; Miguel Varela-Portas Castro o 9.4.2021; Raquel Fernández Rodríguez, en nome e representación da Asociación Amigos da Terra o 19.4.2021; Brasilia Louro Lago, en nome e representación do Comité de Defensa das Rías Altas o 20.4.2021; Belén Rodríguez Fernández, en nome e representación da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) o 22.4.2021; o Concello de Mazaricos o 20.4.2021; a Asociación Drosera-Morcegos de Galicia o 25.4.2021; David Arias Arnejo o 7.6.2021.