Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Martes, 13 de setembro de 2022 Páx. 48401

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 1 de setembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se inicia o prazo para a inscrición de aspirantes nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de persoal técnico/a superior en ciencias da información no ámbito das institucións sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 13 de xuño de 2016 (DOG núm. 123, do 30 de xuño) publicouse o Pacto subscrito pola Administración sanitaria coas organizacións sindicais CIG, CESM-O´Mega, CC.OO., UGT e CSIF sobre a selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia.

Na súa epígrafe I disponse que este sistema de selección será de aplicación a todos os nomeamentos temporais que resulte necesario formalizar nas diversas categorías estatutarias no ámbito do Servizo Galego de Saúde e nas entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, baixo as modalidades establecidas no artigo 9 da Lei 55/2003, do 16 de decembro.

Ao abeiro da citada regulación e logo de ser informada a Comisión Central de Seguimento do Pacto de selección de persoal estatutario temporal na súa reunión de 30 de xuño de 2022, esta dirección xeral, en uso das competencias que lle atribúe o artigo 7 da Orde do 22 de abril de 2020 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade, do Servizo Galego de Saúde e da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (DOG nº 82, do 29 de abril),

RESOLVE:

Primeiro. Iniciar o prazo para a inscrición das persoas interesadas nas listas de aspirantes para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia na categoría de persoal técnico/a superior en ciencias da información do Servizo Galego de Saúde.

Segundo. A selección de aspirantes efectuarase consonte o disposto na Resolución do 13 de xuño de 2016 pola que se aproba o Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (DOG nº 123, do 30 de xuño).

En desenvolvemento das normas referidas no parágrafo anterior, tamén serán de aplicación as bases contidas no anexo I desta resolución.

Terceiro

1. Esta resolución e as súas bases vinculan a Administración e as persoas aspirantes que soliciten participar no procedemento de selección.

2. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou poderase interpor directamente recurso contencioso-administrativo nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2022

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I

Bases do procedemento de selección

I. Requisitos de participación e méritos.

1. Requisitos comúns:

Poderán inscribirse nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais na categoría de persoal técnico/a superior en ciencias da información as persoas interesadas que, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes que se indica na base cuarta, reúnan os seguintes requisitos:

a) Nacionalidade: posuír a nacionalidade española ou a dun Estado membro da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, estar incluída no ámbito de aplicación dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España en que sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as, ou ter recoñecido tal dereito por norma legal.

Así mesmo, poderán participar o cónxuxe dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, así como os seus descendentes e os do seu cónxuxe, sempre que non estean separados de dereito e sexan menores de vinte e un anos ou maiores desa idade dependentes.

b) Idade: ter cumpridos os 16 anos de idade e non exceder a idade de xubilación forzosa.

c) Capacidade funcional: posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do/dos correspondente/s nomeamento/s.

d) Habilitación: non ter sido separado/a do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores, nin estar inhabilitado con carácter firme para o exercicio de funcións públicas nin, se é o caso, para a correspondente profesión.

No caso dos/das nacionais doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a, por sanción ou pena, para o exercicio profesional ou para o acceso a funcións ou servizos públicos nun Estado membro, nin ser separado/a, por sanción disciplinaria, dalgunha das administracións ou dos servizos públicos nos seis anos anteriores.

e) Titulación: estar en posesión da titulación que se especifica no anexo II desta resolución ou estar en condicións de obtela dentro do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para efectos profesionais.

f) Protección xurídica do menor. Non ter sido condenado/a por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, que inclúe agresión e abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por tráfico de seres humanos, de conformidade coa previsión contida no artigo 57 da Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia.

g) Aboamento das taxas por dereito de primeira inscrición que, se é o caso, correspondan segundo o disposto na base oitava.

Os requisitos de participación deberán reunirse dentro do prazo de presentación de solicitudes e manterse durante o período de permanencia na lista ata a formalización do oportuno nomeamento.

2. Baremo de méritos.

A orde de prelación das persoas aspirantes na lista virá determinada pola puntuación que resulte de aplicar o seguinte baremo:

2.1. Formación: 30 % (12 puntos).

2.1.1. Formación académica.

a) Grao:

a.1. Licenciatura:

Plan antigo:

– Por cada matrícula de honra: 0,50 puntos.

– Por cada sobresaliente: 0,25 puntos.

– Por cada notable: 0,10 puntos.

Non se valorará o sobresaliente cando se obtivese matrícula de honra.

A suma das puntuacións dividirase polo número total de materias avaliadas no plan de estudos expresarase o cociente con dous decimais.

Non se valorarán as materias de idioma, relixión, formación política e educación física.

Plan novo:

A puntuación correspondente aos estudos de cada aspirante obterase mediante a aplicación do seguinte algoritmo:

0,10 Cn + 0,25 Cs + 0,50 Cmh

Ca + Cn + Cs + Cmh

As anotacións Ca, Cn, Cs e Cmh corresponden ao número total de créditos que na certificación académica estean adscritos a materias troncais e obrigatorias e nos cales, respectivamente, se obtiveron as cualificacións de aprobado, notable, sobresaliente e matrícula de honra. Non se puntuará o sobresaliente cando se obtivese matrícula de honra.

Non serán valorados os créditos correspondentes a materias optativas ou de libre elección/configuración.

A puntuación resultante expresarase con dous decimais.

Non se valorarán as materias de idioma, relixión, formación política e educación física.

a.2. Exame de grao ou memoria de licenciatura: 0,25 puntos (con sobresaliente ou matrícula de honra, 0,15 puntos máis).

a.3. Premio extraordinario: 0,25 puntos.

b) Posgrao.

b.1. Pola realización de todos os cursos de doutoramento (sistema anterior ao Real decreto 185/1985) ou pola realización do programa de doutoramento ata o nivel de suficiencia investigadora segundo os reais decretos 185/1985 e 778/1998, ou pola obtención do diploma de estudos avanzados (DEA): 0,50 puntos.

b.2. Título de doutor/a: 1 punto.

b.3. Premio extraordinario de doutoramento: 0,25 puntos.

As alíneas b.1 e b.2 son excluíntes entre si.

b.4. Máster universitario oficial, máster universitario –título propio, experto universitario, especialista universitario–, que teña un contido relacionado coas funcións propias da categoría:

b.4.1. En caso de estar computado en créditos ECT:

Título oficial: 0,05 puntos/crédito.

Título propio: 0,025 puntos/crédito.

b.4.2. En caso de estar computado só en horas:

Título oficial: 0,005 puntos/hora.

Título propio: 0,0025 puntos/hora.

A titulación de máster debe rexistrala o/a aspirante en Fides/expediente-e na epígrafe de formación continuada recibida/máster.

b.5. Docencia universitaria impartida: 0,5 puntos/curso académico, ata un máximo de 1,5 puntos.

2.1.2. Formación continuada.

a) Pola asistencia debidamente xustificada a cursos de formación e perfeccionamento convocados e impartidos pola Administración estatal, autonómica, as universidades, o Servizo Público de Emprego, a Cruz Vermella, colexios profesionais, organizacións sindicais ou avalados polo Servizo Galego de Saúde ou por calquera organismo público, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría a que se opta.

b) Pola asistencia, debidamente xustificada, a cursos de formación continuada realizados en aplicación dos acordos de formación continuada das administracións públicas, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría a que se opta.

Valoración:

– Por crédito: 0,30 puntos.

– Por hora: 0,030 puntos.

A puntuación que se lles outorgará aos/ás aspirantes que impartisen os anteditos cursos de formación continuada será de 0,060 puntos por hora de docencia impartida. Valorarase a formación impartida que teña un contido relacionado coas funcións propias da categoría a que se opta.

Para o caso de que o certificado indique os créditos e as horas de duración, a valoración realizarase sempre polos créditos que figuren nel.

Os cursos de formación continuada valoraranse con independencia da data de obtención do título exixido para o acceso á categoría.

Os cursos de prevención de riscos, informática, xestión clínica, bioestatística e metodoloxía da investigación valoraranse en todas as categorías cunha puntuación máxima de 4 puntos.

Así mesmo, valorarase en todo caso a formación en igualdade entre mulleres e homes e en prevención e loita contra a violencia de xénero.

Non serán obxecto de valoración os diplomas relativos á realización de xornadas, seminarios, simposios, talleres ou similares.

2.2. Experiencia: 70 % (28 puntos).

2.2.1.a) Por cada mes completo de servizos prestados na mesma categoría e titulación en virtude de nomeamento administrativo ou contrato laboral por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias do sistema sanitario público dun país da Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza: 0,20 puntos/mes.

2.2.1.b) Por cada mes completo de servizos prestados na mesma categoría e titulación en virtude de nomeamento administrativo ou contrato laboral por conta e baixo a dependencia doutras administracións públicas de España ou dun país da Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza, ou en programas de cooperación internacional debidamente autorizados ao servizo de organizacións de cooperación internacional: 0,10 puntos/mes.

2.2.1.c) Por cada mes completo de servizos prestados na mesma categoría e titulación por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias privadas concertadas e/ou acreditadas para a docencia de España ou dun país da Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza: 0,07 puntos/mes.

2.2.1.d) Por cada mes completo de servizos prestados noutra categoría da mesma área funcional, en virtude de nomeamento administrativo ou contrato laboral por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias públicas dun país da Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza: 0,05 puntos/mes.

2.2.1.e) Por cada mes completo de servizos prestados noutra categoría, distinta das previstas no punto anterior, en virtude de nomeamento administrativo ou contrato laboral por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias públicas dun país da Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza: 0,04 puntos/mes.

Para os efectos deste baremo, terán a consideración de servizos prestados noutra categoría da mesma área funcional os servizos prestados noutra categoría en gabinetes de comunicación.

2.2.2. Puntuación específica polo exercicio de dereitos de conciliación:

Polo exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ata o máximo de 0,5 puntos:

– Permiso por parto, adopción ou acollemento: 0,2 puntos/licenza.

– Permiso do outro proxenitor por nacemento, acollemento ou adopción de fillo: 0,2 puntos/permiso.

– Redución de xornada por motivos familiares: 0,02 puntos/mes completo.

– Excedencia por coidado de fillos e familiares: 0,02 puntos/mes completo.

Para estes efectos dividirase o número total de días entre 30 e valorarase o cociente enteiro.

A acreditación de cada unha destas circunstancias deberá efectuala o/a aspirante na forma prevista no anexo IV.

2.2.3. Puntuación adicional pola prestación de servizos en centros sanitarios illados.

Polos servizos efectivamente prestados nos hospitais públicos do Barco, Verín, A Mariña, Cee e Monforte de Lemos: 0,5 puntos/ano completo ou a parte proporcional.

Para estes efectos só se valorarán os servizos que consten ter sido efectivamente prestados en tales centros, con independencia da súa realización ou non en virtude de vínculo directamente formalizado con tales institucións.

De conformidade co disposto no anexo IV desta convocatoria, non será necesario que o/a aspirante acredite este mérito.

Coa valoración dos puntos 2.2.2 e 2.2.3 non se poderá superar a puntuación máxima prevista para o punto da experiencia profesional.

Normas xerais de valoración.

Primeira. Os meses serán computados por días naturais.

Salvo para os nomeamentos de atención continuada ou gardas en atención extrahospitalaria, o cómputo dos servizos prestados efectuarase por meses. Para iso calcularase en cada epígrafe do baremo o número total de días e dividirase entre 30, de tal xeito que o que se valorará en cada punto será o cociente enteiro, desprezando os decimais.

En ningún caso a suma dos servizos prestados con distintos nomeamentos dentro do mesmo mes natural poderá valorarse por enriba da puntuación establecida para o devandito período dun mes.

En ningún caso un mesmo período de servizos prestados poderá ser obxecto de valoración en distintos puntos do baremo. De igual xeito, un mesmo período de tempo de servizos prestados non poderá ser obxecto de valoración en máis dunha categoría/especialidade, ou en varios servizos ou unidades, tanto do mesmo como de diferente centro.

Os servizos prestados con nomeamento de atención continuada ou gardas en urxencias extrahospitalarias computaranse co criterio de equivalencia dun mes completo por cada 130 horas traballadas no devandito mes, ou a parte proporcional que corresponda á fracción. Se dentro dun mes natural se realizaron máis de 130 horas, soamente se poderá valorar un mes de servizos prestados, sen que o exceso de horas efectuado poida ser aplicado para o cómputo de servizos prestados noutro mes.

Segunda. Os servizos prestados durante o período en que se goce dunha redución de xornada por algunha das causas legalmente previstas serán valorados como servizos prestados en réxime de xornada completa.

Os servizos prestados polo persoal especificamente nomeado a tempo parcial serán valorados coa conseguinte redución. Cando nun mesmo período o/a interesado/a acredite distintos nomeamentos a tempo parcial, realizarase unha acumulación, sen que poida resultar, en ningún caso, unha xornada acumulada superior á xornada completa.

Os períodos de permiso sen soldo, así como a permanencia en situación de servizos especiais, valorarase como tempo de servizos efectivamente prestados na categoría para os efectos deste baremo.

Os servizos prestados noutra categoría en promoción interna temporal polo persoal estatutario fixo valoraranse como servizos temporais nesa categoría.

Serán obxecto de valoración na alínea c) os servizos prestados na mesma categoría en institucións sanitarias privadas con concerto sanitario ou autorización de uso co Sistema público de saúde, na data de prestación de servizos, que consten debidamente acreditados.

Terceira. A experiencia profesional valorarase a partir da data de superación do período formativo conducente á obtención do título exixido para o acceso á categoría.

2.3. Coñecemento da lingua galega: 5 puntos.

Valorarase nesta epígrafe o coñecemento da lingua galega por parte das persoas aspirantes que acrediten estar en posesión do certificado Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia (curso de perfeccionamento de galego), de conformidade coa Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007, que regula os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.

II. Solicitude de inscrición.

2.1. A inscrición resulta obrigatoria para todas as persoas interesadas en figurar nas listas que se elaboren para o acceso a nomeamentos estatutarios temporais desta categoría.

2.2. As persoas interesadas deberán cubrir unha única solicitude de participación, en modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e), á cal se accederá seguindo as instrucións que se establecen no anexo V e que, logo de formalizada electronicamente, deberán asinar e presentar nos lugares e no prazo indicados nas bases terceira e cuarta, respectivamente.

2.3. No formulario de inscrición farase constar expresamente a categoría a que se opta, así como o distrito ou distritos sanitarios que a persoa aspirante seleccione como opción/s preferente/s. De non concretar ningún, entenderase que opta por calquera deles.

2.4. Non se admitirán as solicitudes que conteñan algunha emenda, marca ou riscada no formulario de inscrición, así como en calquera dos documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos exixidos.

2.5. As solicitudes vincularán as persoas aspirantes nos termos consignados no modelo normalizado. Non entanto, e dentro do prazo de presentación de instancias, admitiranse as renuncias á inscrición así como as modificacións que resulte necesario efectuar nalgún dos datos contidos nela.

III. Lugar de presentación.

O formulario de inscrición, logo de formalizado electronicamente, dirixirase a unha unidade de validación das relacionadas no propio formulario electrónico de inscrición e poderase presentar por rexistro electrónico, de forma presencial no Rexistro Xeral dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

IV. Prazo de presentación.

4.1. Para a primeira xeración de listas poderanse formalizar as solicitudes no prazo dos quince días hábiles seguintes á publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Os méritos computables serán os causados ata o día inmediatamente anterior a esta publicación, que consten acreditados na data límite de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

4.2. Unha vez xeradas as primeiras listas, a inscrición será aberta e permanente e a súa actualización efectuarase consonte as datas e o procedemento contido na Resolución do 13 de xuño de 2016 pola que se publica o Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia.

V. Ámbito de inscrición.

O ámbito territorial de inscrición nestas listas será autonómico, ben que as persoas aspirantes poderán seleccionar aquel distrito e/ou distritos en que soliciten prestar os seus servizos con carácter preferente, de entre todos os que figuran no anexo III.

VI. Acreditación de requisitos e méritos.

6.1. Cada unha das persoas interesadas en participar neste procedemento de selección deberá proceder a rexistrar no seu expediente electrónico persoal (Fides/Expedient-e) os seus datos persoais, requisitos e méritos. O acceso ao expedient-e efectuarase a través da páxina web (www.sergas.es) na forma que se indica na Orde do 8 de maio de 2012 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente electrónico dos profesionais do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 92, do 15 de maio).

6.2. Unha vez efectuado o rexistro electrónico dos requisitos e méritos, deberá imprimirse a solicitude de validación, que estará dispoñible en Fides/expedient-e, na epígrafe de informe.

6.3. Xunto coa solicitude de validación deberá achegarse a documentación acreditativa dos requisitos e méritos rexistrados no formulario de inscrición do expedient-e. Tal acreditación deberá efectuala a persoa interesada mediante o documento orixinal ou a copia compulsada antes de que remate o prazo previsto na base cuarta, de non telo efectuado con anterioridade nun momento posterior ao 20 de xullo de 2011, suposto no cal non terá que achegarse novamente a documentación presentada, agás a que supoña actualización de méritos xa presentados.

A documentación acreditativa dos requisitos e méritos deberá dirixirse a unha unidade de validación e presentarse nalgún dos lugares previstos na base terceira desta resolución.

6.4. Aquelas persoas que, con anterioridade á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, rexistrasen no sistema informático os seus requisitos e méritos sen que presentasen a documentación correspondente, deberán solicitar a súa validación e acreditar documentalmente a súa posesión dentro do prazo previsto na base cuarta desta resolución para que poidan ser, se é o caso, valorados no primeiro proceso de xeración de listas.

6.5. Non será necesario acreditar documentalmente a seguinte información ao dispor dela a Administración sanitaria:

– A experiencia profesional como persoal estatutario nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

– A formación impartida pola antiga Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria xunto coa impartida pola actual Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS).

– Os datos validados no sistema informático Expedient-e. Non obstante, a Administración poderá requirir en calquera momento a achega de documentación complementaria acreditativa de calquera requisito ou mérito aínda que conste validado.

6.6. A falta de acreditación por parte da persoa interesada do cumprimento dos requisitos de admisibilidade consignados na solicitude de inscrición, así como a consignación de datos falsos nela, comportará a perda do dereito a figurar inscrita na lista correspondente, sen prexuízo das demais responsabilidades a que houber lugar.

6.7. Transcorrido o prazo de presentación de solicitudes para a primeira xeración de listas, non será tida en conta, para este primeiro proceso, a presentación de ningún documento acreditativo de méritos.

Os méritos que non consten rexistrados en Fides/Expedient-e nin acreditados documentalmente na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de cada proceso de xeración non serán obxecto de valoración nese proceso.

VII. Procedemento de elaboración das listas.

7.1. As listas elaboraranse de conformidade co previsto no punto II.4 do vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia, así como segundo o disposto nas bases precedentes desta resolución.

7.2. A xeración das listas efectuarase a través do sistema informático (FIDES/Expedient-e/Procesos), ao que se accederá a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde.

7.3. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase na páxina web do Servizo Galego de Saúde, logo do anuncio no Diario Oficial de Galicia, a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas, coa asignación ás primeiras da puntuación correspondente segundo o disposto no baremo aplicable, consonte o disposto na norma II.3 do pacto vixente ou daquel que o substitúa.

7.4. As persoas excluídas, respecto da causa e/ou causas concretas da súa exclusión, así como as persoas admitidas, respecto dos resultados provisionais de baremación, poderán presentar reclamación ante as xerencias del área sanitaria e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade nun prazo de dez días hábiles a partir do día seguinte ao da súa publicación.

As persoas que, presentando debidamente a solicitude de inscrición, non consten admitidas nin excluídas, disporán do mesmo prazo para formular a súa reclamación.

7.5. A estimación ou desestimación das emendas solicitadas entenderase implícita na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se anunciará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaren, con carácter definitivo as/os aspirantes excluídas/os e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e a orde de prelación definitiva das persoas aspirantes admitidas nas referidas listas.

7.6. Contra a exclusión definitiva, así como contra os resultados da baremación definitiva, poderanse interpoñer os recursos administrativos e/ou xudiciais que prevexa a resolución de referencia no número 7.5 anterior.

VIII. Aboamento das taxas.

8.1. De conformidade co disposto na Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, como requisito necesario para participar neste proceso, as persoas aspirantes deberán aboar previamente, en concepto de dereitos de inscrición nas listas, o importe de 18,40 € e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, mediante ingreso ou transferencia bancaria nalgunha das sucursais das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación.

8.2. O impreso de autoliquidación, así como os códigos para a súa formalización, seralles facilitado ás persoas interesadas nas xerencias das áreas sanitarias e estarán publicados, así mesmo, na páxina web do Servizo Galego de Saúde. A non presentación deste impreso de autoliquidación, no que deberá figurar o selo da entidade bancaria, xunto co formulario de solicitude de inscrición determinará a exclusión da persoa aspirante.

8.3. Así mesmo, poderase facer efectivo o aboamento da taxa pola internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. En tal caso, accederase á páxina web da Consellería de Facenda (www.conselleriadefacenda.es) e, dentro desta, á lenda «Oficina Virtual Tributaria». Premerase entón a lenda «Servizos de acceso libre», e logo, situándose no menú da marxe esquerda, premerase «Taxas, prezos, multas e sancións», e escollerase a opción «Pago telemático de taxas e prezos». Unha vez realizado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de tela aboado (modelo 730) e achegarase coa solicitude.

En ningún dos casos o devandito xustificante substituirá o trámite de presentación da solicitude no tempo e na forma establecidos.

8.4. Estarán exentas do aboamento desta taxa as persoas que acrediten un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, así como as que sexan integrantes de familias numerosas clasificadas na categoría especial; no caso de seren membros de familia numerosa de categoría xeral, terán unha bonificación do 50 %. Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50 % as persoas que figurasen como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses antes da data de publicación da presente resolución, e que non estivesen percibindo prestación ou subsidio por desemprego. Tamén terán unha bonificación do 50 % as vítimas do terrorismo.

Tales circunstancias deberán ser acreditadas, respectivamente, mediante fotocopia compulsada da cualificación de discapacidade, a través do título oficial de familia numerosa, con certificación negativa da percepción actual de prestación/subsidio por desemprego e da antigüidade como demandante de emprego expedida polo Servizo Público de Emprego, ou con sentenza xudicial firme ou resolución administrativa pola que se recoñece a condición de vítima do terrorismo.

8.5. As persoas excluídas disporán do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se aproben as listas definitivas de persoas aspirantes excluídas, para solicitaren a devolución das taxas aboadas en concepto de inscrición.

IX. Nomeamentos a tempo parcial.

As persoas interesadas que soliciten a inclusión nas listas deberán facer constar no espazo habilitado no formulario de inscrición a súa voluntaria aceptación ou non das ofertas de nomeamentos a tempo parcial que poidan xurdir na categoría e no ámbito respectivo.

Na falta de consignación expresa, entenderase que a persoa aspirante non acepta voluntariamente a formalización do devandito tipo de nomeamentos.

X. Indispoñibilidade transitoria de aspirantes.

De non existir nun distrito sanitario aspirantes dispoñibles que seleccionaran como opción preferente ese ámbito, o chamamento efectuarase por rigorosa orde de prelación na lista, con independencia da opción de preferencia manifestada polo/a aspirante, segundo se recolle no punto III.2 do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia.

XI. Entrada en vigor das listas.

As listas que se elaboren en execución desta convocatoria entrarán en vigor na data que se indique na resolución pola que se publique a relación definitiva de persoas aspirantes excluídas e as puntuacións definitivas e a orde de prelación final das persoas aspirantes admitidas. A publicación efectuarase a través da páxina web do organismo (www.sergas.es).

No período comprendido entre a finalización do prazo de inscrición previsto no punto 4 e a data de publicación das listas definitivas que se xeren en desenvolvemento desta resolución, o chamamento das persoas aspirantes para a formalización de nomeamentos temporais desta categoría efectuarase respectando a orde prevista para os supostos de indispoñibilidade de aspirantes que se contén no anexo III.a), punto sexto, da Resolución do 13 de xuño de 2016 pola que se publica o Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 123, do 30 de xuño).

ANEXO II

Titulación

Categoría

Titulación

Persoal técnico/a superior en ciencias da información

Título universitario oficial de graduado/a ou licenciado/a en ciencias da información, xornalismo ou equivalente

ANEXO III

Distritos sanitarios que se poden seleccionar como opción preferente

1. A Coruña.

2. Ferrol.

3. Lugo.

4. Ourense.

5. Pontevedra.

6. Santiago de Compostela.

7. Vigo.

ANEXO IV

Procedemento de acreditación de méritos

a) Formación académica

Acreditarase, segundo o suposto, mediante orixinal ou copia compulsada do título expedido polo ministerio con competencias en materia de educación ou certificación da respectiva universidade, debidamente asinado, que deixe constancia de cada un dos méritos invocados polo/a aspirante e a data en que foron causados. No relativo aos cursos de doutoramento, para que tal mérito poida ser obxecto de valoración, a certificación que se achegue deberá deixar constancia expresa de que o/a aspirante realizou todos os cursos de doutoramento e indicar o programa e os créditos obtidos. Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado o mérito.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro (UE), achegarase xunto coa copia compulsada do título, tradución xurada del ou equivalente e credencial de recoñecemento da titulación expedida polo Ministerio de Educación español.

As titulacións obtidas no estranxeiro (non UE) deberán acreditarse coa achega da copia compulsada do título, tradución xurada del ou equivalente e documento de homologación ou validación expedido polo Ministerio de Educación español.

O expediente académico e as cualificacións obtidas requiren, para a súa valoración, a presentación da certificación de recoñecemento ou equivalencia oficial.

Supostos específicos.

A acreditación da formación de máster efectuarase mediante orixinal ou copia compulsada do título ou certificación da universidade en que conste ter sido superada polo/a aspirante a formación conducente á obtención do referido título, as datas de realización e o número de horas ou créditos ECT asignados á devandita actividade formativa.

Poderá requirirse a persoa aspirante a achega do programa formativo nos supostos en que non quede suficientemente acreditada a relación do seu contido co ámbito das ciencias da saúde.

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado o mérito.

b) Formación continuada

a) Recibida: acreditarase tal mérito mediante copia compulsada do certificado de asistencia ao curso en que deberá constar o organismo ou a entidade que convocou e impartiu a devandita actividade formativa, as datas de realización, o contido do curso e o número de créditos e/ou as horas asignados. Poderá requirírselle á persoa aspirante a achega do programa formativo ou as categoría/s destinataria/s.

Normas específicas para a formación en liña.

Serán válidos aqueles diplomas asinados dixitalmente por Dixital Learning cun certificado dixital emitido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), así como aqueles que se poidan referenciar a unha web verificable ou cotexable polo órgano de selección. Noutro suposto, deberá achegarse certificación orixinal asinada polo órgano que impartiu a actividade formativa que conterá toda a información exixida neste punto.

No suposto de formación en liña con desenvolvemento nun rango de datas, será válida a formación que conste superada dentro de tales datas.

Valoraranse os módulos ou as partes integrantes dun curso nos supostos en que quede debidamente acreditada a carga lectiva e as horas/créditos asignados de forma diferenciada.

Non se valorarán nesta epígrafe os cursos/módulos que sexan parte dunha titulación de formación académica.

O órgano de selección resérvase o dereito de poder exixirlle ao aspirante calquera documentación complementaria e/ou rexeitar calquera certificado en liña cando existan dúbidas razoables sobre a súa autenticidade.

b) Impartida: acreditarase mediante certificación do organismo ou da entidade convocante, na cal deberá constar o contido da actividade formativa así como o número de horas de docencia impartidas.

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

c) Experiencia profesional

A experiencia profesional en institucións públicas acreditarase mediante certificación emitida pola Dirección de Recursos Humanos do centro ou órgano equivalente, na cal deberá constar a seguinte información: categoría/especialidade, tipo de vínculo (fixo, temporal, atención continuada, formación, promoción profesional temporal), réxime xurídico de vinculación (laboral, funcionario, estatutario), data de inicio e fin de cada unha das vinculacións/nº de horas no suposto de vínculos de atención continuada, total de días de vinculación, réxime de xornada (xornada completa, tempo parcial).

A experiencia profesional en centros privados acreditarase mediante certificación da empresa, na cal deberá constar a información anteriormente indicada ou o contrato laboral. En ambos os supostos, xunto coa citada documentación deberá presentarse un informe da vida laboral emitido polo INSS.

No suposto de institucións sanitarias públicas, tal certificación deberá facer constar expresamente a natureza pública da institución e a súa integración no sistema sanitario público do Estado respectivo. Noutro caso, a experiencia profesional non será obxecto de valoración.

No suposto de institucións sanitarias privadas concertadas ou con autorización de uso, deberá quedar debidamente acreditada no certificado a existencia dun concerto ou autorización de uso co respectivo servizo de saúde autonómico ou sistema sanitario público dun país da Unión Europea nos períodos de vinculación. Noutro suposto, tal mérito non será valorado.

No suposto de institucións sanitarias privadas acreditadas para a docencia, deberá quedar debidamente acreditado no certificado que se achegue a condición de institución acreditada no ámbito do SNS ou sistema sanitario público dun país da Unión Europea para a formación de especialidades de profesións sanitarias.

Non será necesario acreditar documentalmente a experiencia profesional nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e das entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, así como a condición de centro concertado co Servizo Galego de Saúde.

Puntuación específica por conciliación.

As situacións de permiso por paternidade e maternidade, redución de xornada por motivos familiares e excedencia por coidado de fillos/as e familiares acreditaranse mediante certificación da súa concesión expedida pola Dirección do centro en que deberán constar as datas de inicio e fin.

O persoal fixo ou temporal que nos últimos cinco anos anteriores á data de publicación da convocatoria viñese prestando os seus servizos no Sergas non terá que presentar ningunha documentación acreditativa de tales situacións.

d) Compulsa de documentos

As copias dos documentos acreditativos de méritos que se acheguen deberán estar cotexadas/autenticadas polo responsable do rexistro onde se presenten ou compulsadas por notario ou funcionario público acreditado para a realización de tales funcións.

e) Tradución de documentos

Aos títulos ou certificacións que estean redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español deberá xuntarse a súa tradución ao castelán ou galego, que deberá efectuarse:

a) Por tradutor/a xurado/a, debidamente autorizado ou inscrito en España.

b) Por calquera representación diplomática ou consular do Estado español no estranxeiro.

c) Pola representación diplomática ou consular en España do país de que é cidadán/cidadá o/a solicitante ou, de ser o caso, do de procedencia do documento.

Respecto dos traballos científicos e de investigación redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español, non será necesario presentar copia traducida.

ANEXO V

Instrucións de acceso ao expediente electrónico (Fides)

1. Acceso desde a internet.

1.1. Acceso desde a internet con certificado dixital.

Poderase acceder desta forma ao Fides a través do enderezo https://fides.sergas.es

É requisito indispensable dispor dun certificado dixital para acceder a través desta vía. Os certificados aceptados son os expedidos pola FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre) e o DNI electrónico (DNIe).

Para obter o certificado dixital expedido pola FNMT será preciso solicitalo a través da internet (no enderezo www.cert.fnmt.es), ou ben en calquera oficina da Axencia Tributaria (Ministerio de Economía e Facenda).

Se o/a usuario/a xa dispón dunha tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico, esta xa contén un certificado da FNMT, polo que non será necesario solicitar un novo. De feito, a solicitude dun novo certificado inhabilitará o que existe na tarxeta sanitaria.

Pola súa parte, o DNI electrónico (DNIe) poderase solicitar nas oficinas da Dirección Xeral da Policía.

Para a identificación do/da usuario/a mediante tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico ou a través do DNI electrónico, será preciso, con carácter xeral, dispor dun lector de tarxetas. Non se requirirá lector de tarxetas unicamente no suposto de dispor dun certificado dixital da FNMT instalado no propio equipo.

Os/as usuarios/as poderán solicitar información e obter asesoramento sobre a acreditación electrónica nos PAE (punto de acreditación electrónica) habilitados polo Servizo Galego de Saúde nos diversos centros sanitarios de atención hospitalaria e atención primaria do organismo.

A primeira vez que un profesional acceda con certificado dixital ao Fides, solicitaráselle que cubra un formulario de alta cos datos básicos.

1.2. Acceso desde a internet sen certificado dixital.

O acceso ao Fides desde a internet sen certificado dixital pode efectuarse a través do enderezo https://fides.sergas.es, mediante o sistema Chave365, que lles permite aos/ás cidadáns/cidadás maiores de idade identificarse tanto no Fides como na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de usar certificados dixitais nin DNI electrónico.

Pódese atopar toda a información relativa ao sistema Chave365 neste enderezo: https://sede.xunta.gal/chave365

2. Acceso desde a intranet do Servizo Galego de Saúde.

Esta vía só estará dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e desde equipamentos informáticos situados fisicamente na súa rede corporativa.

Neste suposto, o acceso ao Fides realizarase mediante o código de usuario e contrasinal que os/as profesionais en activo xa teñen asignado e utilizan habitualmente para acceder ao resto de funcionalidades do sistema.

3. Manual de instrucións de acceso e funcionamento do expediente electrónico e validación da documentación.

Na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) figura á disposición dos/das aspirantes un manual de instrucións sobre o acceso e funcionamento do expediente electrónico, os diferentes estados en que pode atopar a información relativa aos seus méritos e as normas de validación da documentación que hai que achegar.