Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Mércores, 7 de setembro de 2022 Páx. 47758

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 1 de agosto de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Narón (expediente IN407A 2021/254-1).

Expediente: IN407A 2021/254-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación da instalación: aumento de potencia CT Cornide-Mandiá (15CVC5)

Concello: Narón.

Feitos:

1. O 10.12.2021, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación eléctrica, co fin de dar subministración de 6,9 kW a unha vivenda unifamiliar no lugar de Redondo, concello de Narón; proxéctase a ampliación de potencia do CT Cornide-Mandiá (15CVC5, expediente 315/02) de 250 kVA de potencia a un de 400 kVA, alimentado pola liña de distribución de media tensión SMR-711 (Campelo) procedente da subestación de Santa Mariña.

Achegan o proxecto que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que abrangue os seguintes documentos:

• Proxecto de execución denominado aumento de potencia CT Cornide-Mandiá (15CVC5), asinado por Susana, Casais Pérez, enxeñeira técnica industrial, nº colexiada 2033 de A Coruña, o 21.10.2021 con nº de visado 2934/21-CO, do 21.10.2021.

• Contestación ao requirimento, asinado por Susana, Casais Pérez, enxeñeira técnica industrial, nº colexiada 2033 de A Coruña, o 4.5.2022.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro de 2021). En cumprimento do artigo 46.e) da dita lei, o solicitante o solicitante declara que dispón de acordos previos con todas as persoas titulares dos bens e dereitos afectados.

3. Consonte os artigos 127.1 e 127.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte na cal a instalación poida prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Solicitóuselle o preceptivo informe ao Concello de Narón. Non consta no expediente, no día de hoxe, contestación do organismo á solicitude de condicionado nin á reiteración.

4. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

2. A lexislación aplicable neste expediente é a que a seguir se relaciona:

A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro de 2017).

3. As instalacións atópanse no lugar de Redondo, no concello de Narón, e as súas características técnicas son as seguintes:

– LMTS a 15 kV, de 18 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1x240 mm2 Al, con orixe no PA/S proxectado no apoio nº AOLKT56Q//63-7 existente da liña SMR-711 (Campelo) e remate no CTC proxectado. Desmantelamento da LMTS, condutor HZ1-2OL 12/20 kV 3(1x95) mm2 Al, que alimenta o CT Cornide-Mandiá (15CVC5, expediente 315/02) de 250 kVA existente.

– Novo CT Cornide-Mandiá (15CVC5) compacto prefabricado, cunha potencia de 400 kVA, unha relación de transformación de 15.000/400-230 V e configuración 2L+1P (unha cela telecontrolada libre para futuro anelamento). Desmantelamento do CT Cornide-Mandiá (15CVC5, expediente 315/02).

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o sinalado,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

I. As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

II. Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro de 2015), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren oportuno.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro de 2015).

A Coruña, 1 de agosto de 2022

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña