Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Mércores, 7 de setembro de 2022 Páx. 47754

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 1 de agosto de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello da Laracha (expediente IN407A 2022/005-1).

Expediente: IN407A 2022/005-1.

Promotora: Hidroeléctrica de Laracha, S.L.

Denominación da instalación: LMT, CT e RBT A Torre-Lestón.

Concello: A Laracha.

Feitos:

Primeiro. O 29.12.2021, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da devandita instalación eléctrica, co fin de mellorar a rede de distribución en media tensión existente, como consecuencia do aumento da potencia punta de demanda en baixa tensión, así como a necesidade de atender novos puntos de subministración en BT no núcleo urbano da Torre-Lestón, do concello da Laracha. Proxéctase a desmontaxe dun tramo de liña de distribución de media tensión aérea e un centro de transformación de 100 kVA de intemperie, na LMT ao CT Torre-Lestón (expte. 08/96) e a instalación dun novo tramo soterrado e dun novo centro de transformación compacto de 160 kVA.

Achegan o proxecto que inclúe a memoria, os planos e o orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, e que abrangue os seguintes documentos:

• Proxecto de execución denominado LMT, CT e RBT A Torre-Lestón, asinado por Juan Jesús Arijón Lafuente, enxeñeiro técnico industrial nº de colexiado 2608 da Coruña, o 16.11.2021 con nº de visado 3378/21-CO, do 1.12.2021.

Segundo. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro). En cumprimento do artigo 46.e) da devandita lei, o solicitante declara que dispón de acordos previos con todas as persoas titulares dos bens e dereitos afectados.

Terceiro. Consonte os artigos 127.1 e 127.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado dunha separata do proxecto ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas, na parte en que a instalación puider prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Solicitouse o preceptivo informe ao Concello da Laracha e Nedgia. UFD Distribución Electricidad, S.A. manifestou a súa conformidade coas condicións emitidas.

Cuarto. Os servizos técnicos da Xefatura Territorial emitiron informe favorable sobre a solicitude.

Consideracións legais e técnicas

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

2. A lexislación que se aplicará neste expediente é a que a seguir se relaciona:

A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 ao 09.

O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 ao 23.

O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para a baixa tensión.

A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As instalacións están no lugar da Torre, na parroquia de San Martiño de Lestón, no concello da Laracha, e as súas características técnicas son as seguintes:

– LMTS a 15 kV, de 140 m, condutor tipo RHZ1-12/20 kV, 3 (1x150 Al) mm2 Al, con orixe no PA/S proxectado no apoio nº 18-8-11 proxectado, que fará as funcións de final de liña, de tipo HVH-17/2500, que substituirá o existente de tipo HV-11/630 da LMT a CT A Torre-Lestón (expte. 08/96), e remate no CTC proxectado. Desmontaxe dun treito da LMTA ao CT A Torre-Lestón (expte. 08/96), en condutor nu de tipo LA-30, de 80 m. Os condutores existentes nus de tipo LA-30 retensaranse entre o apoio nº 18-8-10 e o 18-8-11 (101 m).

– Novo CT A Torre-Lestón prefabricado de manobra interior, cunha potencia de 160 kVA, unha relación de transformación de 20.000/400-230 V e configuración 2L (unha en reserva)+1P. Desmontaxe do CTI A Torre-Lestón (expte. 08/96) existente de 100 kVA.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o sinalado,

RESOLVO:

Primeiro. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á devandita instalación de distribución eléctrica.

Segundo. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

I. As declaracións de conformidade relativas ao material ou ao equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

II. Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e as prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

Cuarto. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo á lexislación vixente, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 1 de agosto de 2022

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña