Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Martes, 23 de agosto de 2022 Páx. 45519

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 3 de agosto de 2022, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Charruas ou Coutada, solicitado a favor da veciñanza da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Liñares, na parroquia de Liñares, do concello das Neves.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 14 de xuño de 2022, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, xefe territorial; coa asistencia dos vogais: Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes; Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC da provincia; Xesús Santaló Ríos, representante do Colexio de Avogados da provincia; Jorge Juan Macayo López e Raquel Novoa Gómez, representantes da CMVMC de Liñares, e da secretaria do Xurado, Ana Belén Fernández Dopazo, funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico-Administrativo, adoptou a seguinte resolución:

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 24.1.2020, a CMVMC de Liñares, parroquia de Liñares, concello das Neves, solicita a clasificación como monte veciñal en man común (en diante, MVMC) a parcela Charruas, tamén chamada Coutada, a favor dos veciños da parroquia de Liñares, concello das Neves, provincia de Pontevedra:

Parcela: Charruas.

Referencia catastral: 36034A005012790000HS.

Superficie: 3.082 m2.

Linde norte: camiño público estrada PO-400.

Linde sur: camiño público.

Linde leste: Luciano Tiago Durán, María Luz Rodríguez Soto, Francisco José Rodríguez, María del Carmen González Soto, Victoriano Avalle Alcántara, Josefa Lira Alfonso, Argimiro González Rocha, María Esther Souto Estévez e Pura Tielas Rodríguez.

Linde oeste: María del Carmen González Rocha.

Coa solicitude xunta a seguinte documentación:

– Certificado do secretario da CMVMC de Liñares coa conformidade do seu presidente da aprobación en asemblea xeral do 17.11.2018 de solicitude de clasificación como MVMC a parcela Charruas a favor dos veciños de Liñares.

– Imaxe do catastro de 1956.

– Gastos de limpeza da parcela Charruas nas contas da CMVMC de Liñares do ano 1999-2000 e oferta por compra da madeira da parcela no ano 1996.

– Expediente de partición de bens.

– Informe de validación gráfica catastral coa titularidade a favor da CMVMC de Liñares.

Segundo. O 10.3.2020, o xefe da Sección de Topografía informa da posibilidade de identificación da parcelas Charruas e que non está clasificada como MVMC.

Terceiro. O 10.8.2020, o Xurado de Montes acorda incoar expediente de clasificación da parcela Charruas e nomear instrutora a Amalia Elsa Pazos Pintos. Este acordo notifícase o 11.8.2020 á CMVMC de Liñares e o 17.8.2020 ao Concello das Neves.

Cuarto. O 28.12.2020, a xefa da Área de Montes Veciñais en Man Común emite informe preceptivo do Servizo de Montes:

«1. O terreo solicitado corresponde na súa totalidade coa parcela catastral 36034A00501279 a nome da Comunidade de Montes Veciñais da parroquia de Liñares, cunha superficie de 3.082 m2.

2. É unha parcela illada á cal se accede por un camiño asfaltado. Encóntrase moi preto da parcela: 36034A00300765, que figura a nome en catastro da Asociación de Veciños Santa María de Liñares, e que contén un cemiterio e o seu aparcadoiro.

Está delimitada ao norte e sur por un camiño asfaltado e ao leste e oeste por marcos de pedras que delimitan as parcelas dos particulares.

Ao norte da parcela, bordeándoa, hai una liña eléctrica de baixa tensión.

3. A parcela encontrase reforestada co castiñeiro dun zume, duns 40-60 cm de altura, cun 36 % de faltas e plantados a un marco aproximado de 3×3.

Ten numerosos rebrotes de eucalipto, 1 ou 2 individuos adultos de 20 e 50 cm de diámetro, un piñeiro do país duns 20 cm, e un estrato arbustivo e subarbustivo composto por toxos, xestas e carpazos.

4. Obsérvase que a parcela está reforestada pola Comunidade de Liñares e a existencia dun cartel da comunidade que informa sobre esta plantación».

Quinto. O 30.3.2021, o Rexistro da Propiedade de Ponteareas certifica que o predio de que se insta a clasificación non se atopa inscrito no Rexistro. Ordénanse as anotacións preventivas no Rexistro da Propiedade de Ponteareas, notifícase o trámite de audiencia, publícase edicto no Concello das Neves e no DOG o Anuncio do 25 de maio de 2021, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo de inicio do expediente de clasificación do monte Charruas ou Coutada, a favor da CMVMC de Liñares, do concello das Neves (DOG núm. 110, do 11 de xuño).

Sexto. Dentro do período do trámite de audiencia non se reciben alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter ao abeiro do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. O artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, define o monte veciñal en man común:

«Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Deste xeito para que un monte sexa declarado veciñal en man común o aproveitamento debe quedar acreditado non só nun pasado, senón tamén no presente e de forma continuada, así o establece o antedito artigo 1 da Lei 13/1989 e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, concluíndo que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común, é que resulte acreditada a constante posesión do aproveitamento dos montes polos veciños promotores de xeito continuado.

Terceiro. O uso ou aproveitamento en man común da parcela Charruas queda suficientemente acreditado pola documentación achegada. Finalmente, o feito de que durante a tramitación do expediente non consten alegacións á clasificación como MVMC da parcela Charruas de terceiros que acreditasen un uso privativo destas parcelas demostra que existe un aproveitamento público, pacífico e continuado en común por parte dos veciños da parroquia de Liñares, concello das Neves.

En consecuencia, vista a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o Xurado, por unanimidade, acorda clasificar como monte veciñal en man común a parcela Charruas ou Coutada solicitada a favor da CMVMC de Liñares, parroquia de Liñares, concello das Neves, de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito primeiro e conforme a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes que forma parte inseparable da presente resolución.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 3 de agosto de 2022

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra