Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Martes, 23 de agosto de 2022 Páx. 45515

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 3 de agosto de 2022, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado A Pedreira, solicitado a favor da veciñanza da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Antas, na parroquia de Antas, do concello da Lama.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 14 de xuño de 2022, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, xefe territorial; coa asistencia dos vogais: Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes; Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC da provincia; Xesús Santaló Ríos, representante do Colexio de Avogados da provincia; María Louro Justo e Manuel Barreiro Lubián, representantes da CMVMC de Antas, e da secretaria do Xurado, Ana Belén Fernández Dopazo, funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico-Administrativo, adoptou a seguinte resolución:

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data de entrada do 11.4.2019, Sandra Crespo Muíños, como presidenta da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Antas, concello da Lama, presenta solicitude de clasificación como monte veciñal en man común do monte denominado A Pedreira. Achega certificación da aprobación pola súa asemblea xeral do acordo de solicitude de clasificación e certificación catastral descritiva e gráfica dese monte.

Con data do 30.4.2019 o Servizo de Montes indica que os datos achegados pola comunidade solicitante permiten identificar plenamente o monte, que non está clasificado e que a comunidade figura como titular catastral. Tamén se indica que este monte se encadra dentro da Rede Natura Serra do Cando e na zona de policía do río Verdugo.

Segundo. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou, na súa sesión do 16.10.2019, incoar o correspondente expediente de clasificación do citado monte a favor da Comunidade de Montes de Antas, concello da Lama.

Con data de entrada do 5.5.2020, a Comunidade de Montes de Antas achega informe pericial con documentación histórica e información técnica sobre o monte A Pedreira.

O 5.10.2020 recíbese do Servizo de Montes o informe preceptivo conforme o artigo 20 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 do outubro, de montes veciñais en man común.

Terceiro. A rexistradora da Propiedade de Redondela-Ponte Caldelas, en escrito do 11.11.2020, certifica que o monte denominado A Pedreira non figura inscrito no Rexistro da Propiedade.

Cuarto. O Diario Oficial de Galicia publicou o 6.4.2021 o anuncio do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra co acordo de iniciación deste expediente de clasificación que abría o período dun mes para que as persoas interesadas puidesen examinar o expediente e efectuar as alegacións oportunas, de conformidade co disposto no artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro. O período de audiencia pechouse sen que se presentasen alegacións.

Quinto. Á vista da documentación achegada pola comunidade solicitante e do informe do Servizo de Montes, o monte obxecto do presente expediente obedece á seguinte descrición:

Concello: A Lama.

Parroquia: Antas.

1. Nome do monte: A Pedreira.

Cabida: 111.553 m2 (superficie alegada na solicitude).

Referencia catastral: 36025A020010180000GT.

Estremas:

Polígono

Parcela

Titulares

Norte

20

9101

Augas de Galicia (río Verdugo)

20

603

Rosa Pura Cortizo Justo

20

9047

Concello da Lama

Sur

20

395

Manuel Ogando Rivas

20

396

Rosa Barreiro Suárez

20

397

Benigno Manuel Redondo Grela

20

398

María Ángeles Fernández Pérez

20

9039

Concello da Lama (camiño veciñal)

Leste

20

9041

Concello da Lama (camiño veciñal)

20

9039

Concello da Lama (camiño veciñal)

Oeste

20

596

Manuel Ogando Rivas

20

601

En investigación, segundo o artigo 47 da Lei 33/2003

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter ao abeiro do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e co artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, débese entender por montes veciñais en man común «os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro. O informe preceptivo do Servizo de Montes establece que este monte ten «...vexetación fundamentalmente arbustiva formada por xestas e toxos, con algún eucalipto... e bosquetes de rexenerado de carballo. Obsérvanse na parte sueste restos de corta de piñeiro... Aprécianse signos de aproveitamento recente (corta duns 4-5 piñeiros)».

Cuarto. O monte A Pedreira solicitado de clasificación corresponde cun predio catastral de titularidade da Comunidade de Montes de Antas. O Concello da Lama non presentou alegacións contrarias á clasificación, o que supón o recoñecemento implícito de carácter veciñal desta parcela por parte do Concello.

Finalmente, o feito de que durante a tramitación do expediente non consten alegacións opoñéndose á clasificación como monte veciñal en man común de terceiros que acreditasen un uso privativo deste monte, demostra que existe un aproveitamento aberto, pacífico e continuado en común por parte dos veciños da parroquia de Antas.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o xurado, por unanimidade, acorda clasificar como veciñal en man común o monte A Pedreira a prol dos veciños da CM de Antas (A Lama), de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito quinto e conforme a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes que forma parte inseparable da presente resolución.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 3 de agosto de 2022

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra