Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Martes, 9 de agosto de 2022 Páx. 43278

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 6 de xullo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 30 de xuño de 2022, polo que se outorga a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais, das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Farrapa II, sito nos concellos de Abadín e A Pastoriza (Lugo) e promovido por Norvento, S.L.U. (066-EOL).

A continuación, recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 30 de xuño de 2022, polo que se outorga autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción, declaración de utilidade pública, en concreto, e a compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais, das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Farrapa II.

a) Contido do acordo e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Farrapa II, sito nos concellos de Abadín e A Pastoriza (Lugo) e promovido pola sociedade Norvento, S.L.U., cunha potencia de 20 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Norvento, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 107.043 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

6. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas neste acordo e as demais que sexan de aplicación.

7. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Norvento, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

8. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

10. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 3.12.2021, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Lugo, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións nos que se basea o acordo:

1. Mediante a Resolución do 29 de xaneiro de 2007 pola que se publica a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidas a trámite ao abeiro da Orde do 22 de maio de 2006 (DOG nº 102, do 30 de maio), admitiuse a trámite o parque eólico Farrapa II (en adiante, o parque eólico), cunha potencia de 20 MW.

2. O 17.7.2020, Norvento, S.L.U. presentou solicitude de modificación substancial para o proxecto denominado parque eólico Farrapa II (expediente 066-EOL), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. O 19.1.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que indica o procedemento ambiental que debe seguir e os organismos que se consultarán durante a fase de información pública.

4. O 3.3.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, en que indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 m e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

5. O 16.3.2021, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica da modificación substancial do proxecto do parque eólico Farrapa II á Xefatura Territorial de Lugo para a continuación da tramitación.

6. Mediante o Acordo do 29 de abril de 2021, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo, someteuse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto do parque eólico Farrapa II, nos concellos de Abadín e A Pastoriza (Lugo) (expediente 066-EOL).

7. O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 12 de maio de 2021 e no xornal El Progreso do 12 de maio. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Abadín e A Pastoriza), e nas dependencias da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xefatura Territorial de Lugo e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación, resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, as cales se recollen no anexo 1 deste acordo:

– Vulneración flagrante da Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación de hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

– Impactos ambientais severos.

– Efectos acumulativos (aditivos, sumativos e globais) con parques eólicos próximos sen avaliar.

– Patrimonio cultural inmaterial sen avaliar.

– A totalidade das infraestruturas do proxecto eólico deberan estar incluídas para a súa consulta pública e avaliación global no presente documento de inicio e non noutros proxectos independentes, xa que se está a impedir á cidadanía a avaliación dos impactos ambientais globais do conxunto das infraestruturas do proxecto industrial.

– Actualmente, non existe normativa autonómica específica para regular a actividade eólica, xa que o Plan sectorial eólico de Galicia non está vixente.

– Preséntase a información pública un estudo de impacto ambiental que só achega información bibliográfica, que ademais é incompleta, e ningunha información propia, sobre un dos grupos de fauna (quirópteros) que vai sufrir os impactos máis graves do conxunto do proxecto.

– Que se exixa ao promotor do proxecto a implementación dun programa de vixilancia ambiental rigoroso.

– Que se teña en conta que o Plan sectorial eólico de Galicia é un regulamento que non está adaptado a actual normativa de avaliación de impacto ambiental e que está desfasado, caduco e obsoleto e que carece de avaliación ambiental estratéxica.

– O rexeitamento das solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) en relación co proxecto do parque eólico Farrapa II, nos concellos de Abadín e A Pastoriza (expediente 066-EOL), e a súa retirada definitiva pola súa incompatibilidade cos valores ambientais, patrimoniais, paisaxísticos e socioeconómicos presentes na área de afección do proxecto e a falla de licenza social.

– Que o estudo de impacto ambiental avalíe con detalle e rigor as posibles afeccións do proxecto sobre: hábitats de conservación prioritaria, hábitats de interese comunitario e a paisaxe desde os miradoiros naturais máis coñecidos.

– Que o estudo de impacto ambiental avalíe a mortalidade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nos viais de acceso (atropelo e atrapamento en gabias, taxeas, pasos canadenses, etc.) e nas liñas de evacuación e a adopción de medidas eficaces para mitigala.

– Que o estudo de impacto ambiental avalíe os impactos acumulativos e sinérxicos cos outros parques eólicos (autorizados ou proxectados, incluídas as repotenciacións), así como das restantes infraestruturas asociadas (tendidos eléctricos, subestacións, pistas de acceso, etc.), nun radio de 10-15 km.

– Vulneración da Directiva 2003/4/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 28 de xaneiro de 2003, relativa ao acceso do público á información ambiental, e do Convenio de Aarhus de 1998 sobre o acceso á información, a participación do público e o acceso á xustiza en materia de ambiente, que garanten o acceso público a información ambiental.

– Discrepancias sobre a titularidade de dúas parcelas identificadas na relación de bens e dereitos afectados (RBDA) polo proxecto do parque eólico.

8. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, Cellnex Telecom, S.A., Concello de Abadín, Concello da Pastoriza, Deputación Provincial de Lugo, Axencia Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Endesa Energía, Vodafone, Orange, Másmóvil Yoigo, Telefónica Movistar, e Viesgo.

De acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non se recibir estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

9. O 6.5.2021, a xefatura territorial emitiu informe en que indica que non existen dereitos mineiros vixentes afectados na área delimitada polas coordenadas perimetrais da poligonal do parque eólico Farrapa II.

10. O 2.6.2021, o Servizo de Montes de Lugo emitiu informe en relación cos aproveitamentos forestais afectados polo parque eólico, en que indica que o proxecto afecta:

• A CMVMC de Corda de Neda no Concello de Abadín.

• A CMVMC de Pico de Neda e Veiga de Pumariño (As Goás) no Concello de Abadín.

• A CMVMC de Pico de Neda (Cabaneiro) no Concello de Abadín.

11. O 11.6.2021, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a instalación do parque eólico e estableceu o correspondente condicionado.

12. Mediante a Resolución do 27 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Farrapa II (expediente 066-EOL), promovido por Norvento, S.L.U., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

13. O 2.9.2021, a xefatura territorial emitiu informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009 relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

14. O 16.9.2021, a xefatura territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

15. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Abadín e Concello da Pastoriza.

Cuberta a tramitación ambiental, o 3.12.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 9 de decembro de 2021 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG nº 244, do 22 de decembro).

16. O 3.3.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais efectuou o trámite de audiencia previsto no artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, cos titulares dos montes veciñais en man común afectados (Corda de Neda, Pico de Neda e Veiga de Pumariño (As Goás) e Pico de Neda (Cabaneiro) de acordo co informe do Servizo de Montes de Lugo recollido no antecedente de feito décimo segundo, concedéndolles un prazo de quince días para presentaren as alegacións que considerasen oportunas. Transcorrido o dito prazo, non se presentaron alegacións.

17. O 8.3.2022, Norvento, S.L.U. presentou a declaración responsable dos acordos alcanzados cos titulares dos bens e dereitos afectados, así como a relación dos titulares dos bens e dereitos afectados cos que non se chegou a acordos actualizada coa información das alegacións recibidas e os cambios de titularidade propostos derivados da investigación.

18. O 11.4.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

19. O 12.5.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais recibiu da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Lugo do 11.5.2022, en relación co artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en que informou favorablemente sobre a compatibilidade dos aproveitamentos forestais da modificación substancial do parque eólico Farrapa II.

20. O 18.5.2022, Norvento, S.L.U. presentou a documentación técnica refundida.

21. O 31.5.2022, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico.

22. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 20 MW, segundo o informe do xestor da rede do 15.10.2018.

23. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais