Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Venres, 29 de xullo de 2022 Páx. 41849

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 28 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas por danos nas explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras previstas polo Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022, e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento MR616A e MR616C). Convocatoria de axudas para para a reposición de explotacións agrícolas e gandeiras afectadas polos incendios.

BDNS (Identif.): 641679.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderanse acoller a estas axudas as persoas titulares de explotacións agrícolas e gandeiras, con exclusión das administracións ou entidades do sector público. No caso de danos causados á maquinaria e ao equipamento nos labores de extinción, as persoas beneficiarias serán as persoas físicas ou xurídicas propietarias deles, con exclusión das administracións ou entidades do sector público.

Unha mesma persoa solicitante poderá solicitar unha ou varias das catro liñas de axuda. O expediente de axudas será único.

As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

As explotacións agrícolas e gandeiras deberán estar rexistradas e en estado de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e, de ser o caso, no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras e, para o caso dos animais e colmeas, consideraranse unicamente para efectos das axudas os correctamente identificados e/ou declarados.

As liñas obxecto de axuda para a convocatoria de axudas para a reposición de explotacións agrícolas e gandeiras afectadas polos incendios son as seguintes:

a) Axuda para a reparación de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción das explotacións agrícolas ou gandeiras (liña I-G).

b) Axuda pola perda total ou parcial da produción agrícola das explotacións agrícolas e gandeiras (liña II-G).

c) Axuda pola morte de gando ou pola perda de colmeas das explotacións gandeiras e apícolas (liña III-G).

d) Axuda para a adquisición de alimentación complementaria para o gando en extensivo ou as colmeas nas zonas afectadas (liña IV-G).

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria das axudas previstas polo Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022, para a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras danadas. Convocatoria de axudas para a reposición de explotacións agrícolas e gandeiras afectadas polos incendios (código de procedemento MR616A).

O ámbito territorial das axudas será o da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co establecido no Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 28 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas por danos nas explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras previstas polo Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022, e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento MR616A e MR616C).

Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural