Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Venres, 29 de xullo de 2022 Páx. 41846

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 28 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas por danos nas explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras previstas polo Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022, e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento MR616A e MR616C). Convocatoria de axudas para a reposición de explotacións forestais afectadas por incendios forestais.

BDNS (Identif.): 641672.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas propietarias ou arrendatarias de terreos forestais, con exclusión das administracións ou entidades do sector público. No caso de danos causados á maquinaria e ao equipamento nos labores de extinción, as persoas beneficiarias serán as persoas físicas ou xurídicas propietarias deles, con exclusión das administracións ou entidades do sector público.

Unha mesma persoa solicitante poderá solicitar unha ou varias das tres liñas de axuda indicadas no artigo 18. O solicitante de varias liñas de axuda deberá realizar solicitudes individualizadas por cada liña na cal teña interese. Estas xerarán un número homólogo de expedientes en tramitación para ese solicitante.

As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

No caso das comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC), deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de Montes Veciñais en Man Común, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, con xunta reitora ou equivalente actualizada, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, no momento da solicitude da axuda.

As liñas obxecto de axuda para a convocatoria de axudas para a reposición de explotacións forestais afectadas por incendios forestais serán as seguintes:

a) Axuda para a reparación dos danos causados a infraestruturas de titularidade privada (liña I-F).

b) Axuda para a reparación da maquinaria e equipamento forestal danados en tarefas de colaboración na extinción dos incendios forestais ou ocasionados polos mesmos (liña II-F).

c) Axuda aos gastos da madeira amoreada queimada e de corta, recolla e esteladura da madeira queimada non comercial ou traballos de sinalización, cubicación e/ou taxación de madeira comercial en montes sen xestión pública (liña III-F).

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria das axudas previstas polo Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022, para a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras danadas. Convocatoria de axudas para a reposición de explotacións forestais afectadas polos incendios forestais (MR616C).

O ámbito territorial das axudas será o da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co establecido no Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 28 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas por danos nas explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras previstas polo Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022, e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento MR616A e MR616C).

Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural