Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Venres, 29 de xullo de 2022 Páx. 41787

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 28 de xullo de 2022 pola que se modifica a Orde do 25 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as axudas para o pagamento da comisión de apertura destinadas ás persoas beneficiarias dos préstamos para o adianto das axudas directas da política agrícola común, así como as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control da campaña 2022 (código de procedemento MR242A).

A Orde do 25 de maio de 2022 (DOG núm. 109, do 8 de xuño) pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as axudas para o pagamento da comisión de apertura destinadas ás persoas beneficiarias dos préstamos para o adianto das axudas directas da política agrícola común, así como as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control da campaña 2022 (código de procedemento MR242A) regula, entre outras cousas, o seu o obxecto e ámbito, as persoas beneficiarias, a solicitude das axudas e a presentación de documentación xustificativa, as funcións e obrigas das entidades colaboradoras e a compatibilidade e contía das axudas.

A Comisión Europea habilitou en marzo de 2022 o mecanismo previsto no artigo 219 da organización común de mercados agrarios, para axudar aos agricultores e gandeiros a afrontar a alza de prezos das materias primas e dos custos de produción producidos como consecuencia da invasión rusa de Ucraína, cunha dotación total de 500 millóns de euros da reserva de crises, dos que España recibiu un total de 64,5 M €, que España incrementou nun 200 % adicional para axudas directas destinadas aos produtores españois de carne de vacún, ovino e caprino, polos, coellos e cítricos, cun total de 193,5 millóns de euros, fixándose os criterios de repartición mediante o Real decreto 428/2022, do 7 de xuño, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión directa dunha axuda excepcional de adaptación para compensar as dificultades económicas derivadas do conflito bélico en Ucraína en determinados sectores agrarios, correspondéndolle á Comunidade Autónoma de Galicia un total de 11.872.154 €.

De acordo co artigo 6.1 do indicado Real decreto 428/2022, as axudas outorgadas ao sector da carne son compatibles con outras axudas financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

Así mesmo, o director do Fondo Galego de Garantía Agraria, mediante Resolución do 15 de xullo de 2022 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas excepcionais a determinadas explotacións gandeiras para compensar as dificultades económicas derivadas da invasión rusa de Ucraína (DOG núm. 140, do 22 de xullo), aproba o procedemento para conceder as axudas ó abeiro do Real decreto 428/2022, do 7 de xuño, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión directa dunha axuda excepcional de adaptación para compensar as dificultades económicas derivadas do conflito bélico en Ucraína en determinados sectores agrarios.

No mes de maio 2022, a Comisión Europea propuxo, cunha modificación do Regulamento (UE) 1305/2013, permitir ás comunidades autónomas, entre elas a Galicia, dispoñer de ata un 5 % do Feader asignado ás anualidades 2021-2022, para poder destinalo a axudas directas aos sectores afectados pola invasión rusa de Ucraína.

A situación actual fai necesario que a Consellería do Medio Rural actúe con mecanismos que permitan inxectar liquidez de forma inmediata ao sector da gandaría de carne durante o ano 2022 e considera que a distribución da partida económica que a modificación do Regulamento 1305/2013 estableceu, permitirá dedicar axudas directas para os sectores máis afectados pola crise actual e debería prever unha contía igual á axuda do Estado recollidas no Real decreto 428/2022 para os sectores do vacún de cebo, ovino e caprino, polos e coellos, incrementada nun 46% no caso do vacún extensivo, dada a súa importancia no territorio e a situación actual provocada pola crise.

Neste contexto, a Consellería do Medio Rural asinou unha addenda ao convenio de colaboración con diversas entidades financeiras para a formalización dos préstamos preferentes para o anticipo das axudas da PAC, isto é, as axudas directas e as axudas do Feader SIXC, reguladas na Orde do 21 de xaneiro de 2022 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (códigos de procedemento MR250A, MR239K, MR239G, MR239O, MR240D, MR241C e MR241D) (DOG núm. 20, do 31 de xaneiro), co fin de mellorar a liquidez do sector agrario, co obxecto de modificar as cláusulas segunda «Persoas beneficiarias», terceira «Obriga das partes», cuarta «Condicións dos préstamos», quinta «Condicións operativas nas concesións e formalizacións de préstamos do convenio» e o Anexo «Modelo de solicitude de préstamo subsidiado para o adianto das axudas directas da PAC».

A modificación da cláusula segunda ten como obxecto estender a condición de persoa beneficiaria a aqueles gandeiros que teñan presentada a declaración establecida no anexo II do Real decreto 428/2022, do 7 de xuño, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión directa dunha axuda excepcional de adaptación para compensar as dificultades económicas derivadas do conflito bélico en Ucraína en determinados sectores agrarios.

Asemade, esta modificación busca incrementar, se é o caso, o importe obxecto do adianto da PAC coas axudas que se vaian percibir na convocatoria de axudas complementarias destinadas aos sectores máis afectados, que serán financiadas con fondos Feader do PDR Galicia 2014-2020.

Polo que se refire aos distintos prazos que se modifican, recóllese, por unha banda, a ampliación de dous prazos, o prazo para a solicitude do préstamo ata o 15 de agosto de 2022 e o prazo límite de formalización do préstamo ata o 15 de setembro de 2022 e, por outra banda, determinase prorrogar ata o 30 de setembro de 2022 a data límite para que a entidade financeira notifique á Consellería do Medio Rural a información completa relativa aos préstamos formalizados acollidos a este convenio.

Así as axudas reguladas na modificación da orde concederanse a favor das persoas agricultoras e gandeiras de Galicia con dereito a percibir axudas (directas e Feader SIXC) no marco da PAC na campaña 2022.

Por isto, co fin de reducir as cargas administrativas e acelerar a xestión, as axudas concederanse a favor de todas as persoas agricultoras e gandeiras que, cumprindo os requisitos, presenten a solicitude única no ano 2022, prevista no marco do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, e que acrediten a formalización coas entidades financeiras dun préstamo para o adianto da PAC.

En consecuencia, en conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confiren a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

A Orde do 25 de maio de 2022 (DOG núm. 109, do 8 de xuño) pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as axudas para o pagamento da comisión de apertura destinadas ás persoas beneficiarias dos préstamos para o adianto das axudas directas da política agrícola común, así como as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control da campaña 2022 (código de procedemento MR242A) queda modificada como segue:

Primeiro. O punto 1 do artigo 1 queda redactado do seguinte modo:

«1. Esta orde ten por obxecto convocar e establecer as bases para a concesión de axudas de minimis para o pagamento da comisión inicial de apertura pola concesión dos préstamos para o adianto das axudas directas da PAC da campaña 2022, así como as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control ou das axudas que se van percibir na convocatoria de axudas complementarias destinadas aos sectores máis afectados, que serán financiadas con fondos Feader do PDR Galicia 2014-2020, ou ambas, destinadas a favor das persoas beneficiarias dos préstamos».

Segundo. O punto 1 do artigo 2 queda redactado do seguinte modo:

«1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas físicas ou xurídicas, ou entes sen personalidade xurídica, que cumpran todos os requisitos que se indican a seguir:

a) As persoas agricultoras e gandeiras solicitantes das axudas correspondentes á política agrícola común (PAC), que presenten ou presentasen a súa solicitude consonte o previsto na Orde do 21 de xaneiro de 2022 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control

ou

b) as persoas físicas ou xurídicas, ou entes sen personalidade xurídica que presenten ou presentasen a declaración responsable establecida no anexo II do Real decreto 428/2022, do 7 de xuño, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión directa dunha axuda excepcional de adaptación para compensar as dificultades económicas derivadas do conflito bélico en Ucraína en determinados sectores agrarios ao abeiro do seu artigo 8 e que sexan financiadas con fondos Feader do PDR Galicia 2014-2020

ou

c) as persoas físicas ou xurídicas, ou entes sen personalidade xurídica que presentasen a declaración responsable establecida no anexo II do Real decreto 428/2022, de acordo co artigo 9 da Resolución do 15 de xullo de 2022, para a concesión directa, mediante resolución, das axudas excepcionais a determinadas explotacións gandeiras para compensar as dificultades económicas derivadas da invasión rusa de Ucraína (DOG núm. 140, do 22 de xullo), e que sexan financiadas con fondos Feader do PDR Galicia 2014-2020

ou

d) as persoas físicas ou xurídicas, ou entes sen personalidade xurídica que presentasen a solicitude das epígrafes a) e/ou a declaración responsable das epígrafes b) ou c).

e) Que subscriban ou teñan subscrito un préstamo persoal do anticipo da PAC 2022 con algunha das entidades financeiras que se relacionan no anexo IV, asinantes do convenio entre a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Consellería do Medio Rural e diversas entidades financeiras para a formalización de préstamos preferentes para o anticipo das axudas directas, así como as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control correspondentes PAC, relativas á Orde do 21 de xaneiro de 2022 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control ou das axudas que se van percibir na convocatoria de axudas complementarias destinadas aos sectores máis afectados, e que sexan financiadas con fondos Feader do PDR Galicia 2014-2020, ou ambas».

Terceiro. O punto 1 do artigo 4 queda redactado do seguinte modo:

«1. A solicitude da axuda entenderase realizada:

a) pola presentación, no ano 2022, da solicitude única regulada na Orde do 21 de xaneiro de 2022 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos a agricultura e a gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control

ou

b) pola presentación da declaración responsable establecida no anexo II do Real decreto 428/2022, do 7 de xuño, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión directa dunha axuda excepcional de adaptación para compensar as dificultades económicas derivadas do conflito bélico en Ucraína en determinados sectores agrarios ao abeiro do seu artigo 8 e que sexan financiadas con fondos Feader do PDR Galicia 2014-2020

ou

c) pola presentación da declaración responsable de acordo co artigo 9 da Resolución do 15 de xullo de 2022 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas excepcionais a determinadas explotacións gandeiras para compensar as dificultades económicas derivadas da invasión rusa de Ucraína (DOG núm. 140, do 22 de xullo) e que sexan financiadas con fondos Feader do PDR Galicia 2014-2020

ou

d) pola presentación da solicitude das epígrafes a) e/ou a declaración responsable das epígrafes b) ou c).

e) As persoas solicitantes deberán ter subscrito un préstamo para a campaña da PAC 2022 coas entidades financeiras asinantes do convenio, xa fosen subscritos os préstamos antes da sinatura do convenio como con posterioridade á súa entrada en vigor, e que se considere o préstamo para o adianto da axuda da PAC da campaña 2022».

Cuarto. O punto 2 do artigo 5 queda redactado do seguinte modo:

«2. As entidades colaboradoras deberán comunicar, antes do 30 de setembro de 2022, a acreditación da formalización do préstamo do adianto da PAC 2022, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, xunto coa documentación complementaria indicada no artigo 6».

Quinto. O punto 2 do artigo 13 queda redactado do seguinte modo:

«2. A contía da axuda será do 2 % do importe do préstamo concertado entre a persoa solicitante da PAC e as entidades financeiras para o adianto de ata o 100 % dos importes das axudas directas, así como das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control ou das axudas a percibir na convocatoria de axudas complementarias destinadas aos sectores máis afectados, que serán financiadas con fondos Feader do PDR Galicia 2014-2020, ou ambas. A contía calcularase tomando como referencia o importe pagado anteriormente a cada persoa solicitante polas axudas correspondentes».

Sexto. Elimínase o punto 3 do artigo 14

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural