Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Venres, 29 de xullo de 2022 Páx. 41785

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 132/2022, do 14 de xullo, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Allariz da estrada provincial OU-0152 Allariz (OU-320)-Allariz (N-525).

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Pleno da Deputación Provincial de Ourense, o día 17.12.2021, solicita ao Concello de Allariz a conformidade ao cambio de titularidade dun treito da estrada provincial de clave OU-0152, e denominación Allariz (OU-320)-Allariz (N-525), desde o punto quilométrico inicial 0+000 ao punto quilométrico final 1+100.

O Concello de Allariz, no pleno extraordinario do día 11.3.2022, aproba por unanimidade a transferencia proposta pola Deputación Provincial de Ourense.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, afirma que o treito da estrada OU-0152 Allariz (OU-320)-Allariz (N-525), cunha lonxitude de 1.100 m, cumpre co estipulado no número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente, a través da rede de estradas da Administración cedente ou das redes de estradas de titularidade de administracións de maior ámbito territorial, polo que se formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catorce de xullo de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Allariz do treito da estrada OU-0152, Allariz (OU-320)-Allariz (N-525):

Clave

Denominación

PQi

Coordenadas UTM (ETRS89) fuso29

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89) fuso29

Lonx. (m)

OU-0152

Allariz (OU-320)-Allariz (N-525)

0+000

X=599.152

Y=4.671.355

1+100

X=599.963

Y=4.671.657

1.100

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre Concello e Deputación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Allariz, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de xullo de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade