Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Venres, 29 de xullo de 2022 Páx. 41783

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 28 de xullo de 2022 mediante a que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria das axudas previstas polo Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022, destinadas a titulares de terreos cinexéticos ordenados (Tecor) de Galicia afectados polos incendios, no ámbito da competencia desta consellería (código de procedemento MT100A).

BDNS (Ident.) 641518.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán acollerse a estas axudas as persoas titulares de terreos cinexéticos ordenados (Tecor) de Galicia, regulados no artigo 13 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, afectados pola vaga de incendios que se produciron en Galicia no mes de xullo de 2022.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto o establecemento de axudas específicas para sufragar os gastos derivados das actuacións que se leven a cabo para paliar os danos causados nos terreos cinexeticamente ordenados como consecuencia dos incendios que se produciron durante o mes de xullo do ano 2022 en Galicia (código de procedemento MT100A).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 28 de xullo de 2022 mediante a que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria das axudas previstas polo Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022, destinadas a titulares de terreos cinexéticos ordenados (Tecor) de Galicia afectados polos incendios, no ámbito da competencia desta consellería (código de procedemento MT100A).

Cuarto. Contía

O importe asignado é de trescentos mil euros (300.000 €).

Establécense as seguintes contías do investimento subvencionable para cada unha das actuacións que se realicen:

a) A axuda económica para actuacións de recuperación de hábitats e protección do solo, cun límite máximo por entidade de 30.000 euros.

b) A axuda económica para a recuperación de infraestruturas, cun límite máximo por entidade de 12.000 euros.

A porcentaxe da axuda poderá chegar ata o 100 % do custo dos investimentos.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día seguinte da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda