Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Venres, 29 de xullo de 2022 Páx. 42078

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 12 de xullo de 2022, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución do recurso extraordinario de revisión contra a revisión do esbozo do monte de Narla, do concello de Friol (expediente 42_75/2018_89).

Na sesión do xurado provincial do día 28.6.2022, figura o seguinte acordo:

Monte Narla, da parroquia de Narla, no concello do Friol. Expediente 42_75/2018_89.

Os días 25.9.2021 e 2.12.2021 presentáronse dous escritos asinados por Manuel Río Vidal, que son tratados como recurso extraordinario de revisión, de acordo co establecido nos artigos 115.2 e 125.1.b) da Lei 30/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neles solicitaba a exclusión de 4 parcelas incluídas na revisión de esbozo do dito monte.

Dado trámite aos interesados, con data 31.3.2022 o xurado formulou unha proposta de resolución para remitir ao Consello Consultivo de Galicia co fin de que emitise ditame preceptivo previsto para estes recursos. Nela propoñíase o seguinte:

«Estimar parcialmente o recurso presentado, no senso de excluír do esbozo revisado, como consecuencia da resolución impugnada, a parcela 35 do polígono 38 do termo municipal de Friol.

A anterior exclusión faise unicamente polo feito de considerar que procedementalmente non cabía facer unha inclusión ex novo da dita parcela na revisión realizada porque antes do procedemento xa constaba inscrita no Rexistro da Propiedade a favor dun particular (da documental conclúese que está inscrita desde o ano 1996).

Porén, o anterior en ningún caso implica que este xurado determine que a documental achegada polo interesado é suficiente para a acreditación da propiedade por aquel nin que se recoñeza que posúe ningún dereito sobre os ditos terreos».

Sobre este recurso, o Consello Consultivo de Galicia emitiu un ditame o 1.6.2022, en que emite informe desfavorable sobre a proposta anterior, basicamente polos seguintes motivos:

– Entende que nestes recursos o feito de non invocar expresamente a causa taxada en que se basea a reclamación impide a súa admisión.

– E, por outra banda, entende que o que está expoñendo o interesado é un conflito de propiedade e, polo tanto, considera que este debe dilucidarse na vía xurisdicional civil.

De acordo co disposto no artigo 126.1 da Lei de procedemento administrativo común das administracións públicas, e seguindo o criterio emitido polo Consello Consultivo de Galicia, o xurado, por unanimidade, acorda non admitir o solicitado por Manuel Río Vidal nos escritos presentados, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución.

Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 12 de xullo de 2022

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Lugo