Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Venres, 29 de xullo de 2022 Páx. 42080

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 12 de xullo de 2022, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución do recurso extraordinario de revisión contra o deslindamento do monte Baamonde, do concello de Begonte (expediente 1_77/6DES_2019).

Na sesión celebrada polo xurado provincial o día 28.6.2022, figura o seguinte acordo:

Monte Baamonde, da parroquia de Baamonde, no concello de Begonte. Expediente Begonte/1_77/6DES_2019.

O 2.6.2021, con base nunha solicitude feita pola comunidade propietaria do monte, e tras a tramitación dun expediente en cumprimento do establecido no artigo 54 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, o Xurado Provincial acordou o deslindamento do monte con propiedades particulares, por considerar a proposta da comunidade xustificada histórica e legalmente.

O 25.2.2022, a sociedade Promociones Fernuma, S.L. presentou un escrito relativo ao dito procedemento de deslindamento en que, en síntese, manifesta o seguinte:

– Que no deslindamento aprobado quedou dentro dos límites do monte a parcela 6 do polígono 7 do concello de Begonte, que é propiedade da dita sociedade, e figura ao seu nome no Catastro inmobiliario e inscrita a favor da mercantil no Rexistro da Propiedade (achega a información rexistral do inmoble e certificación catastral).

– Por outra banda, manifesta que, pese á publicidade a que está sometido o procedemento de deslindamento, entende que houbo indefensión por non lle comunicar, nin a comunidade nin a Administración, a inclusión da dita parcela no perímetro resultante do deslindamento do monte.

Por estas razóns, e por entender que a inclusión da parcela dentro do perímetro do MVMC de Baamonde é un erro, solicita que se corrixa.

O 7.3.2022, a sociedade Promociones Fernuma, S.L. presentou un escrito complementario do anterior, no que indica:

– Que o escrito presentado o 25.2.2022 se considere como recurso extraordinario de revisión contra a anterior resolución, pola causa establecida no artigo 125.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

– E, a maiores, achega documental complementaria sobre distintos actos de transmisión da propiedade da parcela, comezando por unha escritura de compravenda formalizada o 22.12.2009 a favor de Comeza, S.L., representada por Carlos Luis Ferreiro Janeiro (representante actual da sociedade recorrente).

Tras darlle traslado do recurso, o 1.4.2022 a CMVMC Baamonde presenta un escrito en que alega que a parcela en cuestión ten unha natureza histórica veciñal e de comunidade xermánica. En síntese, manifesta que o recorrente non acredita o tracto sucesivo da propiedade da parcela; que a inscrición no rexistro da propiedade é posterior ao inicio dos traballos de deslindamento iniciados pola comunidade; que no Catastro Histórico de Rústica, das antigas parcelas que engloba a actual parcela 6 do polígono 7 todas teñen de titular o Concello de Begonte excepto unha delas, que figuraba como particular. Parte desta última está dentro da actual parcela 108 do polígono 7, da que hai unha declaración da súa propietaria en que manifesta que non é dela senón do MVMC de Baamonde.

Examinado o devandito recurso, o xurado, por unanimidade, acorda non admitilo, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución.

Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 12 de xullo de 2022

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Lugo