Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Mércores, 20 de xullo de 2022 Páx. 40756

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Crecente (expediente IN407A 2022/015-4).

Expediente: IN407A 2022/015-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: substitución apoio AQKPXDQR//16 na FRI804 e LMTA.

Concello: Crecente.

Feitos:

Primeiro. O 21 de xaneiro de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública do proxecto de execución da instalación Substitución apoio AQKPXDQR//16 na FRI804 e LMTA.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na substitución do apoio existente AQKPXDQR//16 no tramo FRI8040689 do circuíto aéreo da liña de media tensión FRI804 por un apoio de tipo C-1000/14 e instalación dun van en condutor LA-110 de 123 metros de lonxitude entre o apoio existente APMIA032//15 e o apoio proxectado. Estas actuacións están previstas para o lugar de Ribeira de Abaixo, na parroquia de Ribeira, no concello de Crecente.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Crecente e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados técnicos emitidos.

Terceiro. Mediante anuncio do 10 de febreiro de 2022, publicado no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado do 3 de marzo de 2022, notificouse a afección da única parcela afecta pola solicitude de declaración de utilidade pública que figura na relación de bens e dereitos achegada pola empresa. Este anuncio foi publicado de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para aqueles casos en que non foi posible efectuar notificacións.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 10 de febreiro de 2022 publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 7 de marzo de 2022.

Xornal Faro de Vigo: 28 de febreiro de 2022.

Taboleiro de anuncios do Concello de Crecente.

Durante o mencionado trámite non se recibiron alegacións.

Quinto. O 10 de marzo de 2022, UFD comunicou que chegou a un acordo coa persoa propietaria da parcela afectada e, polo tanto, xa non é necesaria a declaración de utilidade pública das instalacións obxecto do proxecto. Coa solicitude, UFD achega copia do acordo acadado.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG nº 5, do 11 de xaneiro de 2021) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresarias en Galicia (DOG núm. 203, de 25 de outubro).

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión aérea (LMTA) a 20 kV, con condutor LA-110, de 123 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente HV-1000/15, APMIA032//15 da FRI804, e final no apoio proxectado C-1000/14 na FRI804, que substitúe o existente AQKPXDQR//16. A instalación está situada en Ribeira de Abaixo, no municipio de Crecente (Pontevedra).

Conforme con todo o indicado,

Resolvo:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Substitución apoio AQKPXDQR//16 na FRI804 e LMTA (expediente IN407A 2022/015-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 28 de xuño de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra