Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 1 de xullo de 2022 Páx. 37484

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2022, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural a cheminea da central termoeléctrica das Pontes de García Rodríguez.

I

A central termoeléctrica das Pontes de García Rodríguez constitúe un elemento esencial, relevante e representativo do patrimonio industrial de Galicia, tanto pola súa contribución ao sistema eléctrico de Galicia e do Estado, en que producía o 5 % do total, así como especialmente para as persoas das Pontes de García Rodríguez e toda a comarca, cunha fonda pegada nas súas formas de vida e na forma en que perciben o seu territorio, especialmente desde o seu redimensionamento no último cuarto do século XX.

A cheminea de formigón de 36,40 metros de diámetro exterior na base e 356 metros de altura é o elemento máis destacable, único e singular do conxunto, tanto en termos cuantitativos como no relativo á caracterización da paisaxe e representatividade do total das instalacións e a súa actividade. Esta construción foi no seu momento a máis alta de Europa, do mesmo xeito que simboliza todo un conxunto excepcional na súa capacidade de produción eléctrica como na súa relación coa mina de lignitos e a súa historia de máis de cen anos desde que se comezaron a estudar as posibilidades do seu aproveitamento.

II

O 21.3.2022 o Ministerio para a Transición Ecolóxica do Goberno de España emitiu unha resolución pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de desmantelamento dos grupos 1, 2, 3 e 4 da central termoeléctrica das Pontes de García Rodríguez no termo municipal das Pontes de García Rodríguez (A Coruña), no cal non se recolle ningunha medida de conservación polo seu valor cultural de ningunha das partes das súas construcións e instalacións.

Previamente, o 4.2.2021, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitira un informe no devandito procedemento en que se indicaba a existencia de elementos potencialmente integrantes do patrimonio cultural de Galicia que non foran convenientemente estudados desde a perspectiva dos seus valores culturais na súa avaliación e que, en conclusión, se estimaba de forma desfavorable a demolición da cheminea.

III

A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16.5.2016) (en diante, LPCG), establece no seu primeiro artigo que «O patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo».

Así mesmo, no seu artigo 8.2 determina que: «[...] terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei». Máis adiante este artigo establece que os bens poden ser inmobles, mobles ou inmateriais.

Por outra parte, o artigo 10.1.a) da LPCG, referido ás categorías de bens inmobles, define como monumento «a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico».

No referido á especificidade tipolóxica do patrimonio cultural, a LPCG describe no capítulo V do título VII o patrimonio industrial integrado por: «[...] os bens mobles e inmobles e os territorios e paisaxes asociados que constitúen testemuños significativos da evolución das actividades técnicas, extractivas, tecnolóxicas, da enxeñaría, produtivas e de transformación cunha finalidade de explotación industrial, en que se recoñeza a súa influencia cultural sobre o territorio e a sociedade e que manifesten de forma significativa e característica valor industrial e técnico».

Ben que o artigo 104 da LPCG indica que se presume a existencia deste valor cultural do patrimonio industrial para os bens anteriores a 1936, o punto terceiro do mesmo artigo indica que pode ser recoñecido este valor a bens construídos con data posterior se así o xustifica un estudo polo miúdo do ben. A documentación e informes que existen no expediente xustifican o carácter singular e excepcional de parte das instalacións da central termoeléctrica.

IV

Tendo en conta o dito, coas evidencias da existencia dun valor cultural sobranceiro e o risco da súa desaparición que derivan da recente declaración de impacto ambiental do proxecto de desmantelamento da central, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural considera xustificado incoar de oficio o procedemento de declaración de ben de interese cultural do seu elemento icónico e máis representativo, a cheminea de formigón.

En consecuencia co anterior, a directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias establecidas no artigo 24 do Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se dispón a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, en virtude do disposto no título I da LPCG e no Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural a cheminea da central termoeléctrica das Pontes de García Rodríguez conforme o descrito no anexo I desta resolución e proceder cos trámites para a súa declaración.

Segundo. Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se lle comunique á Administración xeral do Estado para os efectos da súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Aplicar de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para os bens inmobles do patrimonio industrial en particular. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro (24) meses, desde a data desta resolución ou producirase a súa caducidade e o remate do réxime provisional establecido.

Cuarto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Quinto. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao Concello das Pontes de García Rodríguez.

Sexto. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación, co fin de que as persoas que poidan ter interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente.

Sétimo. Solicitar o ditame dos órganos consultivos relativos á concorrencia dun valor cultural sobranceiro no ben obxecto desta resolución.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2022

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: cheminea da central termoeléctrica das Pontes de García Rodríguez.

2. Descrición xeral.

• Natureza: inmoble.

• Categoría: monumento.

• Especificidade: patrimonio industrial.

• Interese cultural: histórico, arquitectónico, antropolóxico, industrial e científico e técnico.

• Localización: As Pontes de García Rodríguez (A Coruña).

• Coordenadas centrais UTM ETRS89 Fuso 29: 592.045, 4.810.459.

3. Referencia histórica.

Os lignitos das Pontes de García Rodríguez foron descritos polo ilustrado José Cornide y Saavedra cara a finais do século XVIII, e xa durante o século XIX por Guillermo Schulz na Descrición xeonóstica do Reino de Galicia, que se identificaban con materiais de doada extracción. Os dereitos de explotación e estudos da viabilidade da súa explotación comezaron a xestionarse xa a principios do século XX.

A central térmica das Pontes de García Rodríguez comeza coa explotación dos lignitos coa maior canteira a ceo aberto de todo o territorio nacional, por Encaso (Empresa Nacional Calvo Sotelo) nos anos 40 do século XX, nun contexto dunha gran depresión económica mundial derivada da inmediata posguerra e a dependencia dun petróleo inaccesible, que promovería unha fábrica de combustibles e lubricantes derivados do lignito, que non resultaría viable, e cunha central térmica que complementaría as hidráulicas da contorna e que alimentaría a partir de finais dos anos cincuenta unha industria de fertilizantes.

Este complexo desenvolvemento industrial asociado ao carbón e á electricidade leva a un crecemento da poboación das Pontes de García Rodríguez próximo ao 40 % entre os anos 1960 e 1970.

Nos anos 70 as reestruturacións promovidas desde o Estado, a través do III Plan de desenvolvemento económico e social, de todo o sector enerxético derivado da alza de prezos do petróleo levaron á creación de Endesa (Empresa Nacional de Electricidade), orientada cara o sector eléctrico. As necesidades neste novo contexto de desenvolvemento industrial da provincia da Coruña e de todo o sistema eléctrico nacional levan a unha gran transformación que multiplica por 40 a capacidade de produción eléctrica, auspiciada tamén polos resultados de novos estudos que confirmaban a existencia dun maior potencial enerxético dos lignitos existentes nas Pontes de García Rodríguez. Todas as instalacións da antiga fábrica de fertilizantes e da central eléctrica existente derrúbanse por completo para dar paso ás novas instalacións, agás os poboados mineiros como o da Veiga, construídos para acoller a nova poboación que a actividade industrial requiría.

En 1972 comeza a construción da nova central que xa en 1974 se considera que se pode duplicar de novo ata a formalización dun sistema de catro ciclos de 350 MW, o que supón a meirande capacidade enerxética nacional do seu momento con 1.400 MW. A cheminea foi construída entre 1972 e 1976 e, dado o seu volume e dimensións, atópase entre as meirandes construcións de todo o planeta.

A construción da central implicou, así mesmo, a extensión de toda a ocupación de terreos, especialmente os destinados á explotación mineira pero tamén os das instalacións da central, coa desaparición ou traslado de ducias de lugares e edificacións de todo tipo, o que produciu unha fonda pegada no carácter e lembranzas da poboación local, que así mesmo atopou nas propias actividades industriais unha nova forma de vida laboral. Durante este período e como parte da zona de urxente reindustrialización de Ferrol, a vila desenvolve un conxunto de actividades industriais e doutro tipo que configuran a súa identidade.

O combustible empregado para a produción eléctrica eran os propios lignitos locais, a pesar da súa baixa condición calorífica, e na fábrica chegaron a traballar máis de 3.000 persoas de forma directa, determinando a case exclusiva dependencia das súas instalacións de toda a poboación local e moita da bisbarra.

Nos anos 90 o sistema de produción implicou a importación de carbón de maior capacidade calorífica e menor produción de contaminantes de xofre, coa adaptación das instalacións para a xestión de decenas de miles de toneladas transportadas desde o porto de Ferrol, e cara a finais da primeira década do século XXI incorpórase un novo ciclo de produción eléctrica coa base do combustible de gas natural, que permitiu, así mesmo, a redución da pegada contaminante, momento en que tamén se produce a rexeneración ambiental das zonas de escavación a ceo aberto co gran lago artificial que cobre as canteiras de lignitos.

Nestas novas condicións, a súa lonxevidade activa estaba prevista para máis aló do ano 2030, ben que as condicións derivadas dos custos ambientais e económicos da súa pegada de carbono, que tamén a situaban entre as máis contaminantes do continente, e as políticas enerxéticas estatais e europeas, levaron á solicitude da empresa enerxética de peche no ano 2019 e o consecuente proceso de desmantelamento.

4. Datos descritivos.

A cheminea da central termoeléctrica das Pontes de García Rodríguez é unha construción de formigón armado de sección troncocónica oca, cunha base de 36,40 metros de diámetro e un cumio de 18,90 metros de diámetro, a 356,50 metros de altura, e un grosor tamén variable entre 110 e 30 cm.

Serve catro grupos de combustión de carbón que se recolle desde un parque cuberto cunha malla de celosía estrutural metálica no cal se poden almacenar ata 250.000 toneladas de combustible, e catro torres de refrixeración en forma de paraboloides hiperbólicos, tamén de formigón. Estes inmobles e o resto de elementos da instalación está previsto que desaparezan como consecuencia do proceso de desmantelamento da central.

O fuste de formigón da cheminea ten por función protexer e sustentar os condutos metálicos de evacuación dos gases de combustión dos catro grupos á atmosfera. Tamén recolle outras instalacións como escaleiras, un ascensor, plataformas, elementos de seguridade, etc. Considérase que nas condicións de desmantelamento da instalación, a protección debera alcanzar a estrutura de formigón, sen prexuízo da conservación, ou substitución, dos elementos de comunicación vertical interiores, co obxectivo do seu mantemento.

O formigón foi tratado para a súa conservación durante o ano 2012 e durante o ano 2021 non se observaban danos apreciables que ameacen a súa integridade.

Ben que os datos concretos sobre a súa condición interna son escasos, a lonxevidade estimada para este tipo de estruturas tería xa alcanzado a súa vida útil e, en consecuencia, sería preciso un mantemento e revisión periódica do estado de conservación, e actuacións de conservación tamén de xeito regular.

5. Valoración cultural.

A central termoeléctrica das Pontes de García Rodríguez constitúe un elemento esencial, relevante e representativo do sistema eléctrico de Galicia e como consecuencia na súa actividade industrial e na vida cotiá de todas as persoas, especialmente desde o seu redimensionamento no último cuarto do século XX.

Existen elementos de xuízo obxectivos e cuantificables que permiten destacar algún dos elementos que constitúen o sistema de produción termoeléctrica das Pontes de García Rodríguez. Ben que a súa antigüidade non é un deles, xa que a produción eléctrica comeza nesta localización nos anos 40 e non é ata mediados os anos 70 do século XX cando se formalizan as actuais instalacións, o seu redimensionamento coloca no seu momento a central como a de maior capacidade de produción do Estado, con 350 MW (que no último momento superaba os 2.300 MW nos seus cinco diferentes ciclos), e un elemento significativamente extraordinario, a cheminea de 36 metros de base e 356 metros de altura.

A paisaxe das Pontes de García Rodríguez foi reconfigurada como resultado das actividades mineiras e industriais como unha paisaxe industrial da enerxía, e os seus elementos máis recoñecibles son os que resultan máis evidentes e que contrastan coas formas naturais da xeografía. A actividade industrial é o eixe sobre o que se constrúe a identidade das últimas xeracións.

As primeiras instalacións dos anos 40 e as aspiracións de producir un combustible propio que garantise a independencia enerxética do comercio exterior é un símbolo propio do proceso histórico da autarquía franquista.

A segunda etapa da térmica tamén constitúe un fito na capacidade de produción eléctrica, a meirande non nuclear, e transcendendo amplamente o seu significado local, pola súa importancia no sistema eléctrico nacional, polas súas colaboracións no desenvolvemento e na investigación química, ou tamén como obxecto dos debates desde un primeiro momento sobre os seus efectos ambientais e a contaminación.

O proceso de peche das centrais térmicas nun contexto de evitar a súa pegada contaminante e a dependencia dos combustibles fósiles comporta o risco da perda dun patrimonio cultural que polas súas características tamén pode resultar en risco de perda irrecuperable.

Ben que a aposta pola transición enerxética e a descontaminación é irrenunciable, o interese para o patrimonio cultural histórico, industrial e científico e técnico que a actividade industrial das Pontes de García Rodríguez posúe debe ser conservado pola pervivencia, cando menos, dos seus fitos icónicos máis relevantes e recoñecibles. Neste caso, os elementos máis característicos do conxunto, ou cando menos aquel que resulta máis representativo, pode asumir a conservación simbólica dos feitos históricos e os coñecementos científicos e técnicos asociados ao patrimonio industrial.

A gran cheminea posúe características que permiten xustificar a súa singularidade e monumentalidade, polo seu tamaño que a mantén como a máis alta de España e a segunda de Europa, así como a súa representatividade, como parte icónica do conxunto e elemento máis identificable polas súas condicións de apreciación e visualización.

A cheminea é, polo tanto, o elemento máis recoñecible e salientable do conxunto industrial, que condiciona a interpretación do espazo en que se localiza, pero tamén un monumento destacable polas súas propias características construtivas e formais.

Os procesos de valoración activa da paisaxe polas comunidades que a habitan e a desfrutan pode sustentarse en fitos e símbolos que acadan unha especial importancia cultural. A potencia formal de elementos como a cheminea, caracterizados polas súas inmensas dimensións e o material do formigón, son observadas á mesma escala que os elementos xeográficos da contorna.

A conservación deste elemento favorece, polo tanto, o testemuño da funcionalidade que xustificou a súa construción e o mantemento da caracterización dunha paisaxe moldeada ao longo do último medio século segundo os requirimentos da produción eléctrica estratéxica na economía de todo o país.

O seu mantemento permitiría conservar un fito relevante na identidade da comarca, manter un elemento de memoria da actividade a que estaba ligada e reivindicar un lugar no contexto dunha transformación cara a un proceso industrial e enerxético máis compatible coa conservación do medio.

O papel simbólico e representativo da cheminea neste contexto, ademais dos seus beneficios para o patrimonio cultural, podería encadrarse nas políticas xerais de transición ecolóxica de forma responsable coas comunidades que ao longo dos anos sustentaron e padeceron de forma máis intensa tamén os efectos do paradigma industrial existente.

6. Réxime de protección e salvagarda.

6.1. Réxime xeral.

A incoación para declarar ben de interese cultural determinará a aplicación inmediata, aínda que provisional, do réxime de protección previsto na presente lei para os bens xa declarados, segundo o artigo 17.4 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG).

Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección e, de forma resumida:

• Autorización: as intervencións que se pretendan realizar no ben ou no seu contorno de protección terán que ser autorizadas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e o seu uso quedará subordinado a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

• Deber de conservación: as persoas titulares de dereitos sobre o ben están obrigadas a conservalo, mantelo e custodialo debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas titulares de dereitos sobre o ben están obrigadas a permitirlle o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador e ao persoal técnico da Administración.

• Visita pública: as persoas titulares de dereitos sobre o ben deberán permitir a visita pública nas condicións establecidas na normativa vixente.

• Transmisión: toda pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute deberalle ser notificada á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar, e a Administración poderá exercer os dereitos de tanteo ou retracto nas condicións legais establecidas.

6.2. Réxime específico.

• Conservación e mantemento: durante o período da incoación do procedemento de declaración poderán ser autorizadas tanto as actuacións de mantemento e conservación da cheminea.

• Obras de interese xeral de carácter inaprazable: estimando que os obxectivos ambientais de desmantelamento do conxunto da central termoeléctrica resultan de interese xeral e inaprazable, poderán ser autorizadas as actuacións que no seu interior e no contorno proposto deriven do proceso de desmantelamento da central termoeléctrica, en especial aquelas que teñan o obxectivo da retirada de elementos contaminados, ben que deberán adaptarse á necesaria conservación desta estrutura e das instalacións complementarias que faciliten o seu uso, nomeadamente as escaleiras, guindastres e ascensor existente, e outros beneficiosos para a súa interpretación.

• Outras obras fóra do contorno de protección: os límites que se propoñen teñen por obxecto garantir que as actuacións que poidan desenvolverse non afecten a integridade para a conservación da estrutura de formigón da cheminea. Do mesmo xeito, considérase que o desenvolvemento doutras actividades industriais ou a súa integración en espazos libres ou destinados a dotacións ou actividades públicas poden ser compatibles coa conservación do inmoble obxecto de protección.

7. Delimitación do ben e contorno de protección provisional.

7.1. Delimitación do ben.

A cheminea da central termoeléctrica das Pontes de García Rodríguez, obxecto da protección proposta, está constituída pola estrutura de formigón e a súa cimentación, de base 36,40 m de diámetro.

Os elementos e instalacións interiores que permiten as comunicacións verticais e acceso ás súas partes non serán obxecto de protección, ben que serán preferentemente conservadas na medida que facilitan as tarefas de mantemento e conservación, así como outros elementos que resulten compatibles e colaboren na súa interpretación.

O resto de elementos poderá ser obxecto de retirada e eliminación no caso de que se xustifique o seu beneficio para a conservación ou por estar xustificada a súa retirada no proceso de desmantelamento da central. Especialmente serán retirados neste proceso os materiais contaminantes que poidan existir.

7.2. Contorno de protección.

Proponse un contorno de protección da cheminea configurado por unha área que circunscribe a cheminea a unha distancia de 45 metros do perímetro da súa base, distancia que se considera como necesaria para as tarefas de conservación e mantemento segundo a documentación consultada no expediente de desmantelamento, sinalado no plano cunha liña azul descontinua ao redor da cheminea.

7.3. Plano base da planimetría do Plan básico autonómico orientado ao norte coa identificación do ben e o contorno de protección e coordenadas centrais aproximadas.

missing image file