Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 1 de xullo de 2022 Páx. 37481

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 16 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais no ano 2022, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT238A).

BDNS (Identif.): 636554.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras, para o cal deben estar dadas de alta na epígrafe 476.1 Edición de libros do imposto de actividades económicas, e que conten cun departamento de edición en Galicia, antes do 1 de xaneiro de 2022, de acordo co establecido na presente orde.

2. Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aquelas solicitantes que se atopen nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras.

As axudas van dirixidas a apoiar o sector editorial galego, no que se refire aos gastos derivados da edición (produción), distribución e comercialización das súas publicacións, nos idiomas cooficiais en Galicia ou noutros idiomas, editadas e distribuídas entre o 1.9.2021 e o 30.9.2022.

Para os efectos da presente orde considéranse gastos de edición os de autoría, corrección, revisión, maquetación, custos de preimpresión e de impresión, dixitalización ou calquera outro gasto de similar natureza.

Distribución: transporte e calquera actuación que permita a chegada da obra ás canles de difusión, sexan físicos ou dixitais.

Comercialización: campañas de márketing e/ou publicidade en diferentes medios ou canles.

Polo menos a maquetación, impresión e distribución deberá estar realizada no período indicado no parágrafo segundo deste artigo.

2. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2022.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 16 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais no ano 2022, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT238A).

Cuarto. Importe

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.432A.770.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, por un importe de 200.000,00 €.

2. O importe inicial da convocatoria pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades