Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 30 de xuño de 2022 Páx. 37351

III. Outras disposicións

Valedor do Pobo

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2022 pola que se convocan dúas bolsas destinadas a persoas con discapacidade intelectual para a formación práctica neste organismo.

O artigo 9.2 da Constitución española establece que os poderes públicos promoverán as condicións para que a igualdade do individuo e dos grupos en que se integre sexan reais e efectivas, removerán os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitarán a participación de todos os cidadáns na vida política, económica, cultural e social.

O artigo 49 da Constitución española sinala que os poderes públicos realizarán unha política de prevención, tratamento, rehabilitación e integración das persoas con discapacidade, ás cales lles prestarán a atención especializada que requiran e ampararán especialmente para que gocen dos dereitos que o título I outorga a todos os cidadáns.

O artigo 35 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e a súa inclusión social, establece que as persoas con discapacidade teñen dereito ao traballo en condicións que garantan a aplicación dos principios de igualdade de trato e non discriminación. E o artigo 59 determina que os poderes públicos desenvolverán e promoverán, entre outras cousas, accións formativas para a promoción da igualdade de oportunidades e a non discriminación, en colaboración coas organizacións representativas das persoas con discapacidade e as súas familias.

En atención a tales previsións legais, a Valedora do Pobo convoca dúas bolsas de dez meses de duración, destinadas a persoas con discapacidade intelectual, con experiencia laboral limitada, para a súa formación práctica.

Para o desenvolvemento do proceso cóntase coa colaboración de Fademga-Plena Inclusión-Galicia, a federación galega de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual.

A Valedora do Pobo convocou, mediante a Resolución do 22 de xullo de 2021 (DOG nº 150, do 6 de agosto), dúas bolsas destinadas a persoas con discapacidade psíquica, e nesa convocatoria anunciaba que, ao finalizar esas bolsas, convocaría dúas para persoas con discapacidade intelectual, ambas co fin de proporcionar formación práctica ás ditas persoas vinculada cos seus estudos.

Así, en virtude das atribucións que me confire a Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo,

RESOLVO:

Convocar dúas bolsas para a formación práctica de persoas con discapacidade intelectual na Valedora do Pobo, de acordo coas seguintes

Bases

Primeira. Obxecto

As bolsas terán por obxecto a formación práctica na Valedora do Pobo de persoas con discapacidade intelectual, vinculada cos seus estudos, como medida para favorecer a súa inclusión.

Segunda. Requisitos

Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas que acrediten reunir os seguintes requisitos:

– Ser españolas ou nacionais dun Estado membro da Unión Europea ou daqueles Estados aos cales en virtude de tratados internacionais sexa aplicable a libre circulación de persoas.

– Ser persoas con discapacidade intelectual nun grao igual ou superior ao 33 %.

– Posuír a titulación de formación profesional que se pretende complementar coa formación práctica.

– Non contar con experiencia laboral, nin por conta propia nin por conta allea, no último ano, contado a partir da data de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia ou, cando menos, que tal experiencia non exceda os tres meses en tal período.

– Non ter bolsa ou práctica remunerada dalgunha Administración pública no último ano.

– Ser maiores de 18 anos.

As persoas nas cales concorran discapacidade intelectual e psíquica só poderán presentarse a unha das convocatorias do ciclo; é dicir, as persoas que xa se presentasen á anterior convocatoria para persoas con discapacidade psíquica non poden presentarse á presente para persoas con discapacidade intelectual, posto que, de acordo co disposto na anterior convocatoria, non poden presentarse ás dúas.

Terceira. Dotación económica e cobertura social

A persoa beneficiaria da bolsa disporá:

a) Dunha asignación mensual de 600 euros, suxeita á retención que legalmente proceda.

b) De protección social mediante a alta no réxime xeral da Seguridade Social, segundo a normativa vixente e dentro dos requisitos e condicións propios deste tipo de bolsas.

c) Dun seguro que inclúa como garantías o falecemento e a invalidez permanente por accidente, que cubra o período de duración da bolsa, cun importe máximo de 300 euros.

Cuarta. Duración

As bolsas terán unha duración de dez meses e desenvolveranse de forma simultánea.

As bolsas non poderán ser prorrogadas.

Ao finalizar entregarase un certificado acreditativo.

Quinta. Natureza

A adxudicación das bolsas non supón vinculación laboral ou funcionarial entre a persoa beneficiaria e a Valedora do Pobo, nin implica compromiso que transcenda o desenvolvemento das tarefas previstas na presente convocatoria.

Sexta. Desenvolvemento da bolsa

As persoas bolseiras realizarán o seu programa formativo baixo a dirección da Xefatura de Servizo de Administración e Persoal.

Desenvolverán as súas funcións de forma presencial durante 3 horas ao día, de luns a venres, entre as 8.00 e 15.00 horas. Habilitarase a posibilidade de acumular as horas en tres xornadas.

Terán dereito ao desfrute dos días festivos do calendario laboral, a vacacións e aos permisos necesarios por motivos persoais coa solicitude previa.

As anteriores circunstancias determinaranse segundo as necesidades do servizo.

Salvo baixa médica, a ausencia xustificada ou permitida das prácticas non superará o 20 % da xornada mensual de traballo. Se supera esta porcentaxe, a Valedora do Pobo poderá rescindir a bolsa.

As tarefas que desenvolverán as persoas seleccionadas serán obxecto dunha avaliación por parte de preparadores laborais especializados, que emitirán un informe de análise para o desenvolvemento da bolsa. As persoas seleccionadas disporán da correspondente adaptación nas instrucións de traballo, dos apoios individualizados que sexan necesarios e do auxilio de preparadores laborais.

Sétima. Convocatoria e solicitudes

1. Convocatoria.

A convocatoria será publicada no Diario Oficial de Galicia e na web da Valedora do Pobo.

2. Presentación das solicitudes.

As solicitudes e a documentación anexa presentaranse no rexistro da Valedora do Pobo (rúa Hórreo, nº 65, Santiago de Compostela, A Coruña) ou por calquera outro medio admitido en dereito.

3. Solicitudes e documentación.

As persoas interesadas deberán achegar o seguinte:

– Escrito de solicitude dirixido á Valedora do Pobo, cuberto e asinado, conforme o modelo do anexo I. Só se valorarán os méritos que figuren na solicitude, de acordo co anexo II.

– Copia do DNI ou equivalente.

– Certificado do recoñecemento, grao e tipoloxía da discapacidade.

– Declaración responsable de non contar con experiencia laboral, nin por conta propia nin por conta allea, no último ano, contado a partir da data de publicación da resolución de convocatoria das bolsas no Diario Oficial de Galicia ou, cando menos, que tal experiencia non excede os tres meses en tal período.

– Declaración responsable de non ter sido beneficiarias de bolsa ou práctica remunerada nalgunha Administración pública no último ano.

– Relación de méritos que as solicitantes someten a valoración consonte estas bases, presentados de acordo co anexo II da convocatoria.

4. Prazo de presentación.

O prazo de presentación será de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

5. Requirimento de documentación adicional.

A Comisión de Selección poderá requirir a documentación adicional que considere precisa para realizar a súa función. Deberá entregarse de tal forma que permita verificar a súa autenticidade.

6. Posibilidade de retirada posterior da documentación.

A documentación das persoas non seleccionadas poderá ser devolta por petición da interesada ou de quen fose debidamente autorizada, unha vez transcorridos dous meses desde a data en que se faga pública a adxudicación.

Oitava. Procedemento

Concluído o prazo de presentación de solicitudes, a Comisión de Selección comprobará o cumprimento dos requisitos. No caso de darse algunha exclusión, notificarase a causa para que no prazo de 10 días hábiles poidan presentarse alegacións e/ou emendas.

Posteriormente, a Comisión de Selección avaliará os méritos alegados polas persoas admitidas, conforme os criterios sinalados na base novena. Só se valorarán os méritos que figuren na solicitude.

Para o desenvolvemento destes labores poderá solicitar a achega da documentación que considere pertinente co obxecto de verificar as circunstancias postas de manifesto nas solicitudes.

Se no prazo concedido non se achega a documentación requirida para verificar o cumprimento dos requisitos da bolsa, entenderase que a persoa desiste da súa solicitude.

Se a documentación requirida fose orientada a verificar méritos alegados e esta non se entregase no prazo sinalado pola Comisión de Selección, en tal caso os ditos méritos non se terán en consideración.

Se a documentación requirida é para acreditar méritos de cursos oficiais, para telos en consideración como tales é necesario que se achegue certificado.

A Comisión de Selección elevará á Valedora do Pobo a súa proposta de concesión das bolsas e poderá incluír as persoas suplentes que considere.

A Valedora do Pobo resolverá a concesión das bolsas de acordo coa proposta da Comisión de Selección.

Novena. Criterios de valoración

A valoración dos méritos realizarase de acordo co seguinte baremo:

a) Titulación (ata 5 puntos):

– Formación profesional básica: 2 puntos.

– Formación profesional de grao medio. O certificado de profesionalidade será asimilado á formación profesional de grao medio: 3 puntos.

– Formación profesional de grao superior: 4 puntos.

Se os títulos de formación profesional son da rama administrativa: 1 punto máis.

No caso de que cos cursos profesionais para o emprego (FPE) se obtivese o certificado de profesionalidade, valorarase o máis favorable para a persoa solicitante.

Se a Comisión de Selección require que acredite a titulación que alega, deberá presentar o título ou o certificado de superalo do centro ou organismo educativo.

b) Cursos e prácticas laborais (ata 10 puntos):

– Cursos de formación ou perfeccionamento convocados, organizados, impartidos ou homologados por institutos, escolas oficiais, entidades de interese público e de defensa das persoas con discapacidade e/ou axentes sociais, excluída a formación regrada.

De 12 a 20 horas: 0,25 puntos.

De 21 a 40 horas: 0,50 puntos.

De 41 a 60 horas: 0,75 puntos.

De 61 a 90 horas: 1 punto.

De 91 a 120 horas: 1,25 puntos.

De 121 a 300 horas: 2 puntos.

De 301 a 600 horas: 5 puntos.

Máis de 600 horas: 7 puntos.

Cando a duración se exprese en anos ou se indique «curso escolar», calcularase a priori unha duración de 600 horas, sen menoscabo da verificación que se faga con base na documentación que se requira.

No suposto en que a duración se exprese en meses, estes serán computados da seguinte maneira: por cada mes computaranse 60 horas.

En caso de non constar a duración do curso, valorarase con 0,10 puntos.

Para o caso de que se sinalen diversos cursos de similar contido, só se computará aquel que permita obter maior puntuación.

Para valorar adecuadamente os cursos da presente epígrafe, na solicitude (anexo II) deberán constar as horas do curso ou, na súa falta, os meses ou anos de duración, ou que esta foi durante un curso escolar.

– As prácticas laborais desenvolvidas en organismos públicos ou avaladas ou homologadas por estes valoraranse como cursos oficiais, en función da súa duración. En todo caso, as prácticas integradas na formación regrada ou en cursos alegados non serán obxecto de valoración adicional.

c) Demandante de emprego:

Estar rexistrado como demandante de emprego, polo menos cun ano de antigüidade ininterrompidamente, contado desde a data de publicación da convocatoria: 1 punto.

d) Que na data da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia a persoa que solicite a bolsa ou a que desempeñe os seus apoios legais estea inscrita nalgunha entidade, asociación ou fundación que teña por fin a defensa dos dereitos e/ou a atención a persoas con discapacidade intelectual, ou acredite a participación nas súas actividades, ao menos no último ano ininterrompidamente contado desde a publicación da convocatoria: 1 punto.

e) Para decidir sobre empates substanciais por méritos equivalentes ou sensiblemente equivalentes, primaranse as mulleres, logo de informe de Fademga-Plena Inclusión-Galicia ou de quen se considere adecuado, do seu menor grao de inclusión laboral no ámbito da convocatoria (inclusión laboral das persoas con discapacidade intelectual); se persiste, ás persoas que teñan maior puntuación na titulación académica; se persiste, as persoas que teñan maior puntuación nos cursos despois de descartar o límite de puntos nese aspecto; e se persiste, ás que acrediten menor experiencia laboral nos últimos 15 anos.

Para os efectos de determinar as circunstancias do desempate, requirirase a información complementaria necesaria ás persoas solicitantes afectadas.

Décima. A Comisión de Selección

A Comisión de Selección estará composta polas seguintes persoas:

Presidencia, con voto de calidade en caso de empate: a persoa titular da Xefatura do Servizo de Administración e Persoal da Valedora do Pobo.

Vogais:

– Unha persoa designada por Fademga-Plena Inclusión-Galicia.

– Unha persoa designada polos sindicatos máis representativos, con carácter rotatorio dos seus representantes en cada convocatoria.

Secretaría, con voz e voto: a persoa titular da Xefatura de Sección da Valedora do Pobo.

A Valedora do Pobo designará membros suplentes da comisión, coa mesma procedencia, que substituirán os titulares en caso de renuncia xustificada ou de imposibilidade para o desempeño da función.

Os nomes das persoas que constitúan a Comisión de Selección e dos seus suplentes publicaranse na páxina web da Valedora do Pobo ao rematar o prazo de presentación de solicitudes.

A persoa titular da Secretaría Xeral da Valedora do Pobo asesorará sobre o curso da convocatoria nos aspectos xurídicos ou de calquera outro tipo cando así o solicite a Comisión de Selección.

A Comisión instruirá o procedemento de concesión da bolsa e, ademais:

a) Interpretará as bases e resolverá cantas dúbidas poidan derivar delas.

b) Examinará as solicitudes e a documentación achegada, e comprobará os datos en virtude dos cales se debe adoptar a proposta de adxudicación e a resolución de adxudicación.

c) Valorará as solicitudes de acordo co baremo que se establece na base novena desta convocatoria.

d) Requirirá as persoas solicitantes para a corrección das solicitudes e a achega de aclaracións, ampliacións de información ou documentación acreditativa.

e) Formulará a proposta de concesión das bolsas ás persoas seleccionadas.

f) Establecerá unha lista de suplentes para os casos de desistencia ou renuncia, revogación ou outras causas que deixen vacante algunha bolsa.

Décimo primeira. Publicidade da resolución de concesión das bolsas

A resolución da Valedora do Pobo pola que se concedan as bolsas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da institución.

A identificación das persoas beneficiarias e suplentes realizarase con suficiente grao de anonimización (por exemplo, MPG…678) e as puntuacións obtidas.

O resto das persoas participantes poderán solicitar a súa puntuación, aínda que no seu caso constaría que resulta provisional se non se lles require a acreditación dos méritos.

Décimo segunda. Incorporación e vacantes

As persoas seleccionadas deberán incorporarse para o desenvolvemento dos labores de formación no prazo que sinale a resolución de adxudicación, co fin de achegar os datos precisos para facer efectiva a bolsa.

Se, transcorridos 7 días naturais desde a data establecida de incorporación, esta non se produciu, a bolsa poderase entender rexeitada, salvo causa xustificada.

Se a bolsa resulta rexeitada ou queda vacante en período de vixencia, a Valedora do Pobo poderá propoñer ás persoas suplentes, na orde en que resultasen, a concesión das bolsas polo tempo que reste respecto do inicialmente previsto.

A bolsa reducirase proporcionalmente no caso de incorporación tardía, abandono ou renuncia.

Décimo terceira. Información en materia de protección de datos

O tratamento de datos farase de acordo co Regulamento (UE) nº 2016/679, coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e co resto da lexislación española aplicable nesta materia.

Os datos persoais facilitados no proceso serán tratados para a xestión das solicitudes e o proceso de selección.

Así mesmo, os datos das persoas que resulten adxudicatarias serán tratados para a xestión, a conformación do expediente persoal, o control de cumprimento de obrigas, o aseguramento, a xestión económica e o aboamento da bolsa.

Poden exercerse os dereitos de acceso, rectificación, supresión e portabilidade, de limitación e oposición ao seu tratamento, así como a non ser obxecto de decisións baseadas unicamente no tratamento automatizado dos datos, cando procedan, dirixindo comunicación á Valedora do Pobo, rúa do Hórreo nº 65, 15701 Santiago de Compostela (A Coruña).

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2022

María Dolores Fernández Galiño
Valedora do Pobo

ANEXO I

Modelo de solicitude de bolsas destinadas a persoas con discapacidade intelectual para a formación práctica na Valedora do Pobo

DATOS PERSOAIS:

– Primeiro apelido:

– Segundo apelido:

– Nome:

– DNI ou equivalente:

– Data de nacemento:

– Nacionalidade:

– Domicilio:

– Localidade:

– Teléfono:

– Correo electrónico:

MANIFESTA:

– Que reúne todos os requisitos exixidos para ser persoa beneficiaria da bolsa.

– Que reúne os méritos que indica a continuación, respecto dos cales se compromete a achegar a documentación acreditativa cando se lle requira.

DECLARACIÓN RESPONSABLE:

Fai declaración responsable:

– De non contar con experiencia laboral, nin por conta propia nin por conta allea, no último ano, contado a partir da data de publicación da resolución de convocatoria das bolsas no Diario Oficial de Galicia ou, cando menos, que tal experiencia non excede os tres meses en tal período.

– De non ter sido beneficiaria de bolsa ou práctica remunerada nalgunha Administración pública no último ano.

DOCUMENTACIÓN que presenta xunto coa solicitude:

– Certificado oficial de discapacidade.

Polo exposto, SOLICITA concorrer ao presente procedemento.

………………………, … de … de 2022

Sinatura da persoa solicitante.

(sinatura)

Valedora do Pobo (r/ Hórreo, nº 65, 15700 Santiago de Compostela, A Coruña)

ANEXO II

Acreditación de méritos

Titulación

Consigne X onde proceda

Formación profesional básica

Formación profesional de grao medio.

O certificado de profesionalidade será asimilado á formación profesional de grao medio

Formación profesional de grao superior

Título de formación profesional da rama administrativa

DEMANDANTE DE EMPREGO

(durante un ano ou máis, ininterrompidamente, desde a data de publicación da convocatoria)

Consigne X se procede

INSCRICIÓN OU PARTICIPACIÓN EN ENTIDADE, ASOCIACIÓN OU FUNDACIÓN

(de defensa dos dereitos e/ou atención ás persoas con discapacidade intelectual, ao menos no último ano ininterrompidamente)

Consigne X se procede

RELACIÓN DE CURSOS E PRÁCTICAS LABORAIS

Cursos ou prácticas (denominación)

Organismo ou entidade

Duración (horas, meses, anos ou curso escolar)