Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 30 de xuño de 2022 Páx. 37242

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 1 de xuño de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Vedra, para a modificación de aliñacións, espazos públicos e redelimitacións nos núcleos rurais de Quintáns, Texo, Os Muíños e Famelga.

O Concello de Vedra solicita a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal arriba referida, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Vedra dispón na actualidade dun Plan xeral de ordenación municipal que foi aprobado definitivamente pola Orde do 8 de maio de 2007 (DOG do 24 de maio).

2. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe o 4.7.2016 para os efectos do trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o informe ambiental estratéxico o 27.7.2016 (DOG do 1 de setembro) no cal se resolve non someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria. No marco dos procesos de consultas previas, contestaron, ademais, da SXOTU:

O Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural, informe do 12.5.2016.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, informe do 9.6.2016.

A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, informe do 14.6.2016.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, informe do 17.6.2016, con observacións.

O Instituto de Estudos do Territorio, informe do 6.7.2016.

4. O secretario-interventor municipal emitiu informe o 25.4.2016.

5. O arquitecto municipal emitiu informe o 23.4.2019.

6. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 29.4.2019. Foi sometida a información pública por dous meses (La Voz de Galicia do 13.5.2019 e Diario Oficial de Galicia do 29 de maio), e presentouse unha alegación, segundo certificación do 25.11.2019.

7. Consta a emisión dos seguintes informes non autonómicos:

Da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia (Ministerio de Fomento) do 29.4.2019, favorable.

Do administrador de Infraestruturas Ferroviarias, do 7.5.2019.

Da Secretaría de Estado de Infraestruturas, Transporte e Vivenda (Ministerio de Fomento), do 24.5.2019 e do 18.7.2019.

Da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (Ministerio de Economía e Empresa), do 1.10.2019, favorable.

Da Subdelegación do Goberno na Coruña (Área de Fomento), do 10.7.2019.

Da Dirección Xeral de Aviación Civil (Ministerio de Fomento), do 22.8.2019, favorable.

Da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas (Ministerio para a Transición Ecolóxica), do 29.8.2019.

8. Consta a emisión dos seguintes informes autonómicos preceptivos:

Da Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil (Dirección Xeral de Emerxencias e Interior), do 6.6.2019.

Da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático en materia de solos contaminados, do 11.6.2019, sen obxeccións.

Da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 13.9.2019, 12.1.2020 e do 21.5.2021, este último favorable.

Do Instituto de Estudos do Territorio en materia de paisaxe, do 1.8.2019; e en materia de directrices de paisaxe, do 10.12.2021, favorables.

Da Axencia Galega de Infraestruturas, do 29.5.2019 e 21.6.2019, favorables.

Non se teñen recibido os informes solicitados á Dirección de Augas de Galicia e á Dirección Xeral de Ordenación Forestal.

9. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Boqueixón, A Estrada, Santiago de Compostela e Teo; recibíronse respostas dos concellos de Boqueixón e A Estrada.

10. O arquitecto municipal emitiu informes o 28.8.2020 e 25.4.2021 sobre o documento corrixido para o cumprimento do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

11. O Pleno do Concello de Vedra aprobou provisionalmente a modificación o 29.7.2021.

12. O 17.8.2021 tivo entrada a solicitude de aprobación definitiva. Requirida documentación con data do 16.9.2021, foi recibida o 25.11.2021 incompleta. Requiriuse novamente documentación o 17.12.2021.

13. O Instituto de Estudos do Territorio emitiu informe sobre a adaptación da MP ás directrices de paisaxe de Galicia (disposición transitoria do Decreto 238/2020) o 10.12.2021.

14. O Pleno do Concello de Vedra aprobou provisionalmente de novo a modificación o 23.2.2022, logo da emisión de informes xurídico do secretario-interventor e técnico do arquitecto municipal, ambos os dous con data do 14.2.2022.

15. A solicitude de aprobación definitiva realizouse mediante oficio do 17.3.2022, e recibiuse nova documentación o día 31.3.2022.

II. Obxecto e descrición da modificación.

A modificación ten como finalidades:

a) Inclusión da totalidade da parcela na cal se asenta unha vivenda dentro do núcleo rural de Quintáns (parroquia de San Xián de Sales), en execución da Sentenza 60/2009, do 22 de xaneiro, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sobre a anulación parcial do PXOM de Vedra; e redución correspondente do ámbito do solo urbanizable SUD-1.

b) No núcleo rural de Texo, modificación da aliñación dunha vía co fin de respectar un muro de pedra existente e inclusión como vía pública dun camiño que dá acceso a dúas vivendas.

c) Ampliación do ámbito clasificado como solo de núcleo rural dos Muíños (núcleo rural común), na parroquia de San Mamede de Ribadulla, ocupando terreos actualmente clasificados como solo rústico de especial protección de augas, co fin de incluír unha vivenda existente.

d) Inclusión no Catálogo de bens culturais, naturais e paisaxísticos de tres casas tradicionais, un hórreo e un muro, situados no núcleo rural dos Muíños, así como a actualización das fichas do catálogo dun hórreo e do conxunto de muíños que dá nome ao núcleo.

e) Ampliación do ámbito clasificado como solo de núcleo rural da Famelga, na parroquia de Santa Cruz de Rivadulla, como solo de núcleo rural común, ocupando terreos actualmente clasificados como solo rústico de especial protección agropecuaria e forestal e sen edificar.

f) Inclusión no Catálogo de bens culturais, naturais e paisaxísticos dun hórreo no núcleo rural da Famelga e actualización da ficha da vivenda contigua a este hórreo, así como o reaxuste dunha aliñación para salvar un muro de pedra e unha construción auxiliar tradicional.

III. Análise e consideracións.

A ampliación do solo de núcleo rural común no núcleo da Famelga dá lugar a unha delimitación do ámbito que non acada un grao de consolidación pola edificación igual ou superior a un terzo da súa superficie, polo que incumpre os criterios establecidos no artigo 23 da LSG.

Así mesmo, neste núcleo non queda xustificada a inclusión de parcelas vacantes máis alá do perímetro edificado, acreditado sobre a necesidade de crecemento (artigo 33.2 LSG).

IV. Resolución.

Visto canto antecede, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente con carácter parcial a modificación puntual do PXOM do Concello de Vedra para a modificación de aliñacións, espazos públicos e redelimitacións dos núcleos rurais de Quintáns, Texo e Os Muíños; e deixar en suspenso a ampliación do núcleo da Famelga obxecto de reparo no punto III en relación co punto II.e) desta resolución.

2. No ámbito da ampliación do núcleo da Famelga deixado en suspenso, requírese a emenda das deficiencias sinaladas no punto III anterior; para proceder á súa aprobación plenaria e posterior remisión a esta consellería para a súa aprobación definitiva.

3. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio esta modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

4. Notifíquese ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa da modificación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

6. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2022

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo