Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 30 de xuño de 2022 Páx. 37247

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

DECRETO 114/2022, do 9 de xuño, polo que se declara ben de interese cultural o funicular de transporte aéreo de materiais Novo y Sierra.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante, LPCG).

A LPCG no seu artigo 1.1 establece que o seu obxecto é a protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia, de forma que lle sirva á cidadanía como unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da identidade cultural do pobo galego, así como a súa investigación, valorización e transmisión ás xeracións futuras. Así mesmo, o artigo 1.2 indica que o patrimonio cultural de Galicia está constituído, entre outros, polo patrimonio industrial que deba ser considerado como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.

O artigo 103 da LPCG establece que «integran o patrimonio industrial os bens mobles e inmobles e os territorios e paisaxes asociados que constitúen testemuños significativos da evolución das actividades técnicas, extractivas, tecnolóxicas, da enxeñaría, produtivas e de transformación cunha finalidade de explotación industrial, en que se recoñeza a súa influencia cultural sobre o territorio e a sociedade e que manifesten de forma significativa e característica valor industrial e técnico».

Pola súa banda, o artigo 104 da LPCG indica que se presume que concorre un significativo valor industrial, sempre que sexan anteriores a 1936, ás instalacións, aos lugares e ás paisaxes que constitúan expresión e testemuño dos avances da técnica e dos sistemas de produción das actividades extractivas e da explotación dos recursos naturais, así como ás mostras singulares da arquitectura de ferro, incluídos os mercados, as pontes e os viadutos.

O artigo 8.2 da LPCG establece que «Terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais».

O Concello de Valga, segundo o acordo plenario do 25.11.2019, solicita a incoación do procedemento de declaración de ben de interese cultural para a liña de vagonetas e embarcadoiro pertencente á antiga industria cerámica Novo y Sierra, localizada na parroquia de Santa Cristina de Campaña, ao ser un ben do patrimonio industrial de Galicia único na súa natureza.

A información achegada coa solicitude e o informe técnico da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural conclúen que a instalación do funicular de transporte aéreo de materiais Novo y Sierra constitúe o único exemplo (o do transporte aéreo de materiais) que pode ser conservado dunha tipoloxía industrial moi presente e relevante en Galicia, a da produción cerámica, e tomando en consideración a súa orixe en 1927, fan que sexa un exemplo único na Comunidade Autónoma, do cal existiron outros exemplos que non se conservan.

Tendo en conta o manifestado anteriormente, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural publicou no Diario Oficial de Galicia número 39, do 27 de febreiro, a Resolución do 29 de xaneiro de 2020 pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural o funicular de transporte aéreo de materiais Novo y Sierra. Na resolución de incoación ábrese un período de exposición pública dun mes para que as persoas que o considerasen conveniente puidesen presentar alegacións. Transcorrido este prazo, non se presentou ningunha alegación.

Ademais, solicitouse, conforme o establecido no artigo 18.2 da LPCG, o parecer dos órganos asesores e consultivos mencionados no artigo 7 do citado precepto legal. No expediente administrativo tramitado polo Servizo de Inventario da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural constan dous informes, dos mencionados órganos do artigo 7, que son favorables ao recoñecemento do valor cultural sobranceiro do funicular de transporte aéreo de materiais Novo y Sierra.

Durante a fase de incoación realizáronse traballos de valorización do conxunto que supuxeron a protección das estruturas existentes da zona de embarcadoiro integradas nun dique axustado á forma dos restos documentados e rexistrados.

Na tramitación do expediente, por tanto, cumpríronse todos os trámites legalmente preceptivos de acordo coa normativa vixente.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de xuño de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Primeiro. Declarar ben de interese cultural o funicular de transporte aéreo de materiais Novo y Sierra, conforme o descrito no anexo desta resolución.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicala ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración xeral do Estado.

Terceiro. Aplicar o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural.

Cuarto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Quinto. Segundo o disposto no artigo 35.5 da LPCG esta declaración de ben de interese cultural obriga o concello a incorporar esta circunstancia ao seu planeamento urbanístico e a establecer as determinacións específicas para o seu réxime de protección e conservación.

Sexto. Notificar esta resolución ás persoas interesadas.

Sétimo. Recursos.

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poden interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación ante o órgano que ditou o acto ou, directamente, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Eficacia

Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de xuño de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional
e Universidades

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación:

Funicular de transporte aéreo de materiais Novo y Sierra, tamén denominado antiga liña aérea de vagonetas Novo y Sierra.

2. Localización:

• Concello: Valga (Pontevedra).

• Parroquia: Santa Cristina de Campaña.

• Coordenadas UTM ETR89 fuso 29:

Elemento

Denominación

X

Y

A

Zona de embarcadoiro

526.449

4.728.852

B

Torre 7

526.458

4.728.845

C

Torre 6

526.474

4.728.825

D

Torre 5

526.501

4.728.796

E

Torre 4

526.534

4.728.761

F

Torre 3

526.668

4.728.632

G

Torre 2

526.722

4.728.590

H

Torre 1

526.745

4.728.544

• Referencias catastrais:

Torre 1: 36056A006006510000AQ.

Torre 2: 36056A006006370000AZ.

Torre 3: 36056A006006260000AK.

Torres 4, 5, 6, 7 e zona de embarcadoiro: 36056A006005950000AO.

3. Descrición xeral.

• Descrición histórica:

O inicio da actividade industrial que deu orixe ao transporte de vagonetas localízase na Gándara de Campaña, onde cara a 1921 se instalou unha primeira casa para cocer tella e ladrillo, nunha zona en que xa existían barreiras que se viñan empregando, cando menos, desde o século XVIII. Esta primeira empresa foi cedida a empresarios cesureños dedicados ao comercio de ultramarinos xa en 1923, Escudero & Cía, cos socios de Novo y Sierra que, ademais, solicitaron o permiso de explotación de caolín e arxila da sociedade anterior e doutros terreos dos veciños de Campaña.

Esta empresa tiña unha industrialización precoz co uso de enerxía mecánica de vapor, gas e electricidade, fornos de cocción continua, secado de pezas con vapor, que lle permitían acadar unha posición destacada entre as máis importantes desta industria en Galicia.

Nestas condicións a instalación dun transporte inmediato entre o lugar de produción e aprovisionamento resultaba un instrumento máis para a eficacia dos traballos, polo que en 1927 solicitouse a autorización para construír o embarcadoiro e un sistema funicular de transporte dos materiais ata el, desde as barreiras da mina Mercedes, como sería coñecida desde aquela, e que posteriormente se ampliaría a outros xacementos próximos.

As modernizacións foron continuas e permitiron axiña duplicar o volume de produción:

• 1930: muíño de vapor de dúas rodas.

• 1941: ampliación das cámaras do forno.

• 1963: instalación dun secadoiro automático de 120 m de longo e dun forno de túnel de fuel.

• 1964: novos secadoiros para pezas crúas cunha cheminea de 50 m para evitar a contaminación local.

• 1990: instalación de fábrica de coxeración eléctrica cos ciclos de recuperación propios.

A empresa introduciu tamén novidades técnicas en materiais de construción, pero a calidade do material empregado requiría de altos consumos de combustible polas maiores temperaturas de cocción precisas. Nunha situación de competencia de materiais foráneos máis económicos, a empresa deixou a produción en 2009, e gran parte dos terreos en que se localizaba orixinalmente están ocupados na actualidade por outras firmas industriais.

Durante os seus máis de oitenta anos de funcionamento, a instalación funicular permitiu unha situación de vantaxe no manexo e transporte de grandes volumes de material. Este sistema, que xa fora usado nas minas de Silvarosa en Viveiro, adaptouse en Valga para o transporte bidireccional optimizando aínda máis os seus recursos.

• Descrición formal:

A antiga liña aérea de vagonetas está situada no lugar de Campaña e conectaba a mina Mercedes coa antiga fábrica de cerámica Novo y Sierra e co porto no río Ulla. Da totalidade da liña existente, na actualidade, os restos conservados limítanse ao tramo comprendido entre a vía ferroviaria e o río Ulla. Conforman un total de oito elementos principais: sete torres (catro delas completas) e unha zona de embarcadoiro.

As torres de celosía metálica dispuxéronse segundo o sistema alemán Bleichert, no cal dous cables permitían a circulación pechada de ida e volta combinando a suspensión e o percorrido por carrís dunhas vagonetas capaces de transportar máis de 300 quilogramos. Este sistema construtivo modular permitía variar facilmente o largo e altura das torres para adaptalas ás necesidades xeográficas. As torres dispóñense no terreo sobre alicerces construídos para o efecto do propio material cerámico, e sobresaen parcialmente do nivel das terras.

Das conservadas, a altura varía entre os 5 e 7 m e a base entre os 1,5 e 3,5 m de lado.

A zona de embarcadoiro completaba o sistema de soporte de material cerámico cun cantil de forma poligonal cara ao río Ulla executado en fábrica de ladrillo, cun piar central que sostiña a última das rodas do sistema de xiro. A maior parte destes elementos foron desaparecendo co tempo e o seu precario estado de conservación e fraxilidade exixiu a execución dun novo dique de protección adaptado á forma da ribeira orixinal.

4. Estado de conservación.

O estado de conservación da práctica totalidade dos elementos conservados é moi precario. Do conxunto da instalación apenas se conserva o resto de sete das torres do sistema de transporte funicular, con diferente grao de integridade, e a zona do embarcadoiro e parte das estruturas construídas con material cerámico. A estrutura das torres 1 a 4 consérvase coa maior parte dos seus elementos principais de sustentación e aparentemente estables e sen risco ou ameaza de derruba, mentres que nas torres 5, 6 e 7 apenas se conservan os alicerces e a parte inferior. Así mesmo, existe material relacionado coa instalación, como rodas e outros elementos metálicos, dispersos pola parcela, algúns deles de grandes dimensións.

Non se conservan elementos asociados ao sistema de impulsión nin de suspensión do transporte ou, cando menos, non se identificaron na documentación consultada.

Os elementos metálicos atópanse completamente afectados pola oxidación e, nalgúns casos, danados polo crecemento da vexetación.

Os restos das estruturas do embarcadoiro foron protexidas cun novo dique perimetral adaptado ás condicións xeométricas orixinais, despois da documentación e rexistro arqueolóxico de todos os elementos, de tal forma que se mantén o seu espazo e dimensións que permite a interpretación do seu sistema de funcionamento, de forma compatible con outros usos.

A actividade de extracción e de elaboración de material cerámico xa cesou, ben que os ámbitos extractivos na actualidade están en proceso de reintegración ambiental e constitúen espazos de valor natural e paisaxístico. Entre o ámbito máis próximo ao Ulla e as zonas de extracción discorre o trazado ferroviario, así como as principais estradas de comunicación. Como consecuencia desta posición estratéxica, desenvolveuse unha intensa actividade industrial e na actualidade existen instalacións en funcionamento que, ben que non responden a industrias de carácter histórico, si testemuñan o pulo orixinado polo mercado da arxila e dos materiais cerámicos.

Na actualidade, as actuacións no ámbito teñen por obxecto conservar e valorizar os restos conservados e posibilitar a súa interpretación no contexto de actividades culturais e complementarias, especialmente as relacionadas coa súa localización ribeirega.

5. Valoración cultural.

Segundo o establecido no artigo 103 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG), integran o patrimonio industrial os bens mobles e inmobles e os territorios e paisaxes asociados que constitúen testemuños significativos da evolución das actividades técnicas, extractivas, tecnolóxicas, da enxeñaría, produtivas e de transformación cunha finalidade de explotación industrial, nos cales se recoñeza a súa influencia cultural sobre o territorio e a sociedade, e que manifesten de forma significativa e característica valor industrial e técnico.

O dito artigo tamén indica que o patrimonio industrial forma parte do patrimonio cultural de Galicia e os bens que o integran son expoñentes característicos da historia social, técnica e económica de Galicia.

No artigo 104 da LPCG indícase que se presume que concorre un significativo valor industrial, sempre que sexan anteriores a 1936, nas instalacións, nos lugares e nas paisaxes que constitúan expresión e testemuño dos avances da técnica e dos sistemas de produción das actividades extractivas e de explotación dos recursos naturais, así como nas mostras singulares da arquitectura de ferro, incluídos os mercados, as pontes e os viadutos.

A información achegada ao expediente administrativo testemuña que a instalación de funicular de transporte aéreo de materiais da empresa Novo y Sierra constitúe o único exemplo (o do transporte aéreo de materiais) que pode ser conservado dunha tipoloxía industrial moi presente e relevante en Galicia, a da produción cerámica, tamén especialmente no baixo Ulla.

A súa orixe no ano 1927 e o uso de celosía metálica aínda conservada fan que sexa un exemplo único na Comunidade Autónoma, e do cal existiron outros exemplos que non se conservan (minas de ferro da Silvarosa en Viveiro ou do Freixo en Monforte de Lemos). O uso de sistemas de suspensión que supoñían unha tecnoloxía avanzada para a época permitía situar a industria de referencia en mellores condicións polos rendementos en tempo e volume de material transportado, o que favorecía dar resposta aos requirimentos de material de construción relacionados cos primeiros desenvolvementos e ensanches urbanos de Galicia.

Así mesmo, aínda que o material producido coa materia prima local era principalmente empregado para a construción, a instalación permitía un percorrido de ida e volta, que facilitaba o seu funcionamento, coa importación de materia prima de mellor calidade do Salnés e O Rosal, para o conxunto da industria desta comarca, intensamente estendida pola ría de Arousa.

6. Usos.

Na actualidade a actividade que orixinou a instalación cesou e o propio estado de conservación impide o seu uso. Estímase que a recuperación de uso para o transporte pode estar condicionado polas necesarias garantías de seguridade e as normativas actuais.

Malia iso, estímase que as actuacións dirixidas ao coñecemento do ben, da natureza da actividade que as orixinou e a interpretación do contexto histórico e social da súa evolución e perda, poden ser compatibles coa rehabilitación ou instalacións complementarias para o lecer, a práctica deportiva e outras de carácter público e comunitario, sen perder en ningún caso a súa potencialidade como ferramenta didáctica.

7. Réxime de protección.

A declaración como ben de interese cultural determina a aplicación do réxime de protección previsto nos títulos II e III da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG), e complementariamente co establecido na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE). Entre outras consideracións, o réxime implica:

• Autorización: as intervencións que se pretendan realizar terán que ser autorizadas pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e o seu uso quedará subordinado a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola citada consellería.

• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens, están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens están obrigadas a permitir o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador e ao persoal técnico da Administración nas condicións legais establecidas.

• Comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, os titulares de dereitos reais están obrigadas a comunicar á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural calquera dano ou perda que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

• Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre os bens de interese cultural especificamente declarados permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente.

• Uso: en calquera caso, a protección do ben implica que as intervencións que se pretenda realizar terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural e que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

8. Delimitación do ben e contorno de protección.

• Identificacións dos bens:

O ámbito en que se localiza o tramo conservado, e a continuidade do seu trazado ata o lugar en que se extraían e depositaban os materiais, está recollido no PXOM aprobado definitivamente o 15.10.2010. As sete torres e a zona de embarcadoiro que forman o actual conxunto están localizadas nas parcelas catastrais 36056A006006510000AQ, 36056A006006260000AK 36056A006006370000AZ e 36056A006005950000AO. A declaración do ben proposto, por tanto, corresponde con oito elementos integrantes, as sete torres conservadas neste tramo e a zona de embarcadoiro.

Segundo a localización indicada, no referido á zona de embarcadoiro, corresponderá co ámbito en que se rexistraron e documentaron as estruturas e as súas defensas actuais, mentres que para o caso das torres con todos os seus elementos estruturais, incluídos os alicerces, é un metro de terreo en toda a súa contorna desde a súa máxima proxección.

Identifícase este ámbito no plano cos puntos vermellos do plano anexo entre o A, que corresponde á zona de embarcadoiro, e o H, que corresponde á torre 1.

• Contorno de protección:

O contorno de protección corresponde cunha franxa de terreo limitado polo sur polo trazado ferroviario existente e as súas zonas de protección, e polo norte polo ámbito que cara ao mar limita a zona arqueolóxica preventiva dos achados do leito do río Ulla (GA36056-ACH003). Polo leste e o oeste empréganse os trazados dos camiños e regos que conforman a estrutura do territorio máis próximo. Non se considera precisa unha maior extensión dada a natureza do ben, así como da propia clasificación urbanística de toda a franxa costeira, xa clasificada como solos rústicos de especial protección da costa e dos espazos naturais. Identifícase este ámbito no plano cunha liña descontinua amarela que corresponde co contorno de protección.

9. Plano coa delimitación do ben e o seu contorno de protección.

missing image file