Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Xoves, 16 de xuño de 2022 Páx. 34688

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Tomiño (expediente IN407A 2021/164-4).

Feitos:

Primeiro. O 22 de xullo de 2021, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS, CT Vidancelle-Estás.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a instalación dun centro de transformación de 160 kVA e unha liña de media tensión subterránea de 700 metros desde o centro de transformación existente en Paredes-Estás ata o centro de transformación proxectado. As actuacións están previstas na parroquia de Estás, no concello de Tomiño.

Segundo. Na relación de bens e dereitos que UFD achegou coa solicitude só se encontra un ben afectado, trátase da parcela 361, no polígono 503 no lugar de Vidancelle-Estás. Conforme a información facilitada por UFD esta parcela é obxecto de concentración parcelaria e na actualidade non ten propietario asignado, a pesar de estar prevista a súa asignación. Por ese motivo, esta xefatura realizou unha consulta ao Servizo de Infraestruturas Agrarias de Pontevedra sobre a titularidade da parcela afectada.

Terceiro. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Tomiño e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Os organismos afectados non emitiron condicionado técnico, entendéndose, en consecuencia, a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Cuarto. Unha vez facilitados os datos polo Servizo de Infraestruturas Agrarias, mediante escrito do 23 de decembro de 2021, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas afectadas pola declaración de utilidade pública conforme a relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Quinto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 23 de decembro de 2021 publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 14 de xaneiro de 2022.

Xornal Faro de Vigo: 13 de xaneiro de 2022.

Taboleiro de anuncios do Concello de Tomiño do 28 de decembro de 2021 ao 8 de febreiro de 2022 conforme certificado expedido polo propio Concello.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións presentadas por Guadalupe Martínez Calzado, Eduardo Álvarez Martínez, Pilar Álvarez Martínez e Rita Álvarez Martínez. A continuación resúmese o seu contido:

Destaca que o centro de transformación podería instalarse noutras parcelas máis próximas ao núcleo da Granxola o que suporía un aforro de instalacións para a empresa promotora, ademais quedaría fóra da zona de protección do Regato dos Bravos.

Sexto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora que manifestou que non elixiu o trazado que se recolle no proxecto de maneira arbitraria, senón que tivo en consideración a lexislación vixente así como os condicionantes técnicos, tendo en conta as distancias ao regato en cuestión.

Sétimo. Os servizos técnicos da xefatura territorial á vista da documentación contida no expediente analizaron as alegacións presentadas, emitindo o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo con Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Basea esta conclusión basicamente nos seguintes motivos:

– Non se xustifica por parte do alegante o cumprimento conxunto dos puntos do artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de outubro, polo que se regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorizacións das instalacións de enerxía eléctrica.

– Non se presenta o consentimento expreso dos propietarios afectados polos cambios propostas nas instalacións afectadas.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG nº 5, do 11 de xaneiro de 2021) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV con condutor tipo RHZ de 700 metros de lonxitude, con orixe no centro de transformación (CT) existente Paredes-Estás e final no CT proxectado Vidancelle-Estás.

Centro de transformación en envolvente prefabricada de 160 KVA, relación de transformación 20.000/400V.

As instalacións están situadas no lugar de Vidancelle-Estás, na parroquia de Estás, no concello de Tomiño (Pontevedra).

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse o seguinte:

Cabe destacar que o alegante non ofrece propostas concretas de trazados alternativos e tampouco concreta os prexuízos causados pola localización do centro de transformación na súa parcela, limitándose a indicar que a instalación das infraestruturas eléctricas noutras parcelas implicaría un aforro para a empresa promotora e unha maior distancia ao Regato dos Bravos.

Sobre a proposta de trazados alternativos, cabe destacar que para que un trazado alternativo prospere se teñen que dar todas as condicións establecidas no artigo 161 do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro. Os trazados propostos non cumpren co conxunto dos puntos do mencionado artigo.

Con relación ao regato, esta xefatura destaca que solicitou o preceptivo condicionado técnico a Confederación Hidrográfica Miño-Sil como se indica no punto terceiro dos feitos desta resolución. Este organismo non emitiu o condicionado entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Conforme con todo o indicado,

Resolvo:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, CT Vidancelle-Estás (expediente IN407A 2021/164-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condición establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 19 de maio de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra