Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Xoves, 16 de xuño de 2022 Páx. 34694

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Nigrán (expediente IN407A 2021/154-4).

Feitos:

Primeiro. O 8 de xullo de 2021, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS e CT Pombal.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na instalación dun centro de transformación de 250 kVA e dunha liña de media tensión subterránea de 230 metros de lonxitude para alimentar o centro de transformación proxectado. As obras sitúanse no lugar de Tarela, no concello de Nigrán (Pontevedra).

Segundo. O 9 de agosto de 2021, esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Nigrán, a Deputación Provincial de Pontevedra, Augas de Galicia e o Servizo de Patrimonio Cultural de Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello de Nigrán, Deputación Provincial de Pontevedra e Augas de Galicia.

O Servizo de Patrimonio Cultural de Pontevedra non emitiu condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 9 de agosto de 2021, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica mencionada ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 9 de agosto de 2021 publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 31 de agosto de 2021.

Xornal Faro de Vigo: 20 de agosto de 2021.

Taboleiro de anuncios do Concello de Nigrán desde o 10 de agosto de 2021 ao 25 de outubro de 2021 conforme certificado expedido polo propio concello.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións presentadas por Francisco Álvarez Braga en que afirma que non ten ningunha propiedade na zona.

Quinto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora que presentou unha nova relación de bens e dereitos afectados en que a persoa titular da parcela de referencia catastral 54035A3500190 figura como descoñecida.

Sexto. Ao ser imposible efectuar a notificación á persoa titular da parcela afectada, o 8 de abril de 2022 e 28 de abril de 2022 publicouse o correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia e taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado, respectivamente, co fin de realizar a notificación por comparecencia. Transcorrido o prazo establecido no dito anuncio, non compareceu ningunha persoa interesada.

Sétimo. Os servizos técnicos da xefatura territorial á vista da documentación contida no expediente analizaron as alegacións presentadas e emitiron o correspondente informe. Conclúen que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG nº 5, do 11 de xaneiro de 2021), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas do proxecto LMTS e CT Pombal son:

LMT subterránea a 20 kV, con condutor RHZ1, de 230 metros de lonxitude, con orixe e final na LMT GON805 unha vez entre e saia do centro de transformación proxectado. Centro de transformación a 250 kVA, con RT 20 kV/400 V, situado no camiño do Pombal, Tarela, Nigrán (Pontevedra).

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas da promotora, cabe destacar que UFD achegou unha corrección da relación de bens e dereitos afectados e ao non ser posible a identificación da persoa propietaria da parcela afectada de referencia catastral 54035A3500190, esta xefatura optou pola publicación dun anuncio de notificación a través dos medios establecidos nos artigos 41, 42 e 43 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS e CT Pombal (expediente IN407A 2021/154-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 19 de maio de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra