Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Xoves, 16 de xuño de 2022 Páx. 34709

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a Nedgia Galicia, S.A. a autorización administrativa e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente ás instalacións para a distribución e subministración de gas natural ao polígono industrial Plisan nos termos municipais das Neves e Salvaterra de Miño (expediente IN627A 2021/1-0).

Feitos:

1. O 7.7.2021 a empresa Nedgia Galicia, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa previa e aprobación do proxecto de execución das instalacións para a distribución e subministración de gas natural ao polígono industrial Plisan, nos termos municipais das Neves e Salvaterra de Miño (Pontevedra), e xuntou a seguinte documentación:

• Proxecto de execución denominado Proxecto de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución para a distribución e subministración de gas natural ao polígono industrial Plisan nos termos municipais das Neves e Salvaterra de Miño (Pontevedra), asinado pola enxeñeira técnica industrial Alejandra Risco Barba (colexiada nº 25.430 do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Madrid), no cal figura un orzamento de 125.090,69 €.

• Declaración responsable do técnico proxectista, exixida no artigo 19 do Decreto 51/2022, do 17 de marzo, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior (DOG núm. 65, do 1 de abril).

• Separatas técnicas do proxecto de execución para as entidades afectadas (Concello das Neves, Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Consellería do Medio Rural, UFD Distribución Electricidad, S.A. (UFD), Electra Alto Miño Distribuidora de Energía, S.L.U. e Telefónica de España, S.A.).

Nedgia Galicia, S.A. dispón de autorización administrativa para a distribución de gas natural no termo municipal de Salvaterra de Miño (DOG núm. 65, do 4.4.2008), pero non para o termo municipal das Neves. En consecuencia, o 29.7.2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (en diante, DXPERN) iniciou o trámite de competencia para o outorgamento da autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal das Neves. Esta resolución publicouse no DOG núm. 163, do 25.8.2021, e durante o prazo establecido (30 días) non se presentaron outras solicitudes en concorrencia, polo que procede continuar co procedemento de outorgamento da autorización administrativa solicitada por Nedgia Galicia, S.A.

En consecuencia, á referida solicitude de Nedgia Galicia, S.A. asignóuselle o número de expediente IN627A 2016/1-0 e iniciouse o correspondente procedemento de autorización administrativa previa e aprobación do proxecto de execución. Segundo consta no proxecto de execución presentado, proxéctase facer unha canalización de 675 m, que conectará a rede de distribución de gas natural no termo municipal de Salvaterra de Miño, pertencente a Nedgia Galicia, S.A., coa rede de canalizacións de gas da Plisan. Esta canalización:

▪ Discorrerá integramente polo termo municipal das Neves. Terá a súa orixe no límite intermunicipal, entre Salvaterra de Miño e As Neves, onde conectará coa canalización de distribución de gas natural, pertencente a Nedgia Galicia, S.A., e que discorre pola estrada PO-400 dentro do termo municipal de Salvaterra de Miño ata o dito límite intermunicipal; desde este límite, continuará pola estrada PO-400, dentro do termo municipal das Neves, ata chegar á primeira glorieta, onde rematará e conectará coa rede de canalizacións de gas da Plisan.

▪ Construirase para unha presión de deseño de MOP 4 bares e utilizarase tubaxe de polietileno PE DN 200, instalándose dúas válvulas de liña no inicio e final.

2. O 7.11.2021 a DXPERN ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución das instalacións para a distribución e subministración de gas natural ao polígono industrial Plisan nos termos municipais das Neves e Salvaterra de Miño (Pontevedra), promovido pola empresa Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2021/1-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia (26.11.2021), no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra (7.12.2021) e nos xornais La Voz de Galicia (17.11.2021) e Faro de Vigo (18.11.2021).

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de execución non se presentaron alegacións.

3. O 12.11.2021 a DXPERN trasladou as separatas técnicas do referido proxecto de execución (instalacións para a distribución e subministración de gas natural ao polígono industrial Plisan), para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades titulares de bens ou dereitos afectados por esta: Concello das Neves, Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Consellería do Medio Rural, UFD Distribución Electricidad, S.A. (UFD), Electra Alto Miño Distribuidora de Energía, S.L.U. e Telefónica de España, S.A.

UFD presentou, con data do 2.12.2021, o seu informe no cal di que non dá conformidade á execución das obras e que é necesario documentar os cruzamentos e paralelismos existentes coas súas instalacións, ademais de reflectir o seu condicionado técnico e relacionar varios paralelismos/cruzamentos entre liñas da súa propiedade e a rede proxectada de gas natural. A DXPERN deulle traslado deste informe a Nedgia Galicia, S.A., quen presentou unha nova separata técnica, da que a DXPERN lle deu traslado ao UFD solicitándolle novo informe. UFD presentou, con data do 7.3.2022, un novo informe en que fai constar que non mostra inconveniente á execución da referida infraestrutura gasista, reflectindo ademais o seu condicionado técnico ao respecto.

As outras entidades que contestaron á petición de informe ou á súa reiteración (AXI, Consellería do Medio Rural, Electra Alto Miño Distribuidora de Energía, S.L.U.) presentaron os seus respectivos escritos manifestando a súa conformidade e/ou fixando o seu condicionado técnico, dos cales se deu traslado a Nedgia Galicia, S.A., quen presentou a súa conformidade a eles.

A respecto das entidades que non contestaron á petición de informe nin á súa reiteración (Concello das Neves e Telefónica de España, S.A.), sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade coa autorización da infraestrutura gasista proxectada, de acordo co disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

4. O 11.2.2022 a Xefatura Territorial de Pontevedra desta consellería (en diante, xefatura territorial) remitiu á DXPERN o seu informe sobre a tramitación do referido expediente, co obxecto de continuar co procedemento correspondente, acompañado da certificación da exposición pública da solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución e da certificación sobre os dereitos mineiros afectados.

Segundo o referido certificado de dereitos mineiros afectados, na zona pola que se estende a infraestrutura gasista atópanse dous dereitos mineiros vixentes de titularidade da sociedade Áridos do Mendo, S.L.: un dereito mineiro afectado (concesión de explotación derivada de permiso de investigación Urxeira fracción 1ª, nº 2632.1 -PO/C/02632.1-, recursos ouro, outros densos e agregados naturais, cunha superficie de 10 cuadrículas mineiras) e un dereito mineiro lindante (concesión de explotación derivada de permiso de investigación Urxeira fracción 3ª, nº 2632.3 -PO/C/02632.3-, recursos ouro, outros densos e agregados naturais, cunha superficie de 1 cuadrícula mineira).

5. Debido á existencia de dereitos mineiros afectados pola referida infraestrutura gasista, o 24.2.2022 a DXPERN solicitou á xefatura territorial aclaración sobre a necesidade ou non de abrir o trámite de compatibilidade de utilidades públicas concorrentes.

A xefatura territorial remitiu á DXPERN, con data do 1.3.2022, a aclaración solicitada en que se di que como consecuencia da afección da actividade mineira ao proxecto sectorial Plisan asinouse un convenio, con data do 31 de marzo de 2003, entre os titulares de dereitos mineiros (entre os que se atopa Áridos do Mendo, S.L.) e a Plisan, para o desenvolvemento compatible de ambas as actividades (Plisan e actividades mineiras). Así, este convenio constitúe a base reguladora para facer compatible a explotación mineira co desenvolvemento da Plisan, co fin de evitar interferencias entre ambas as actividades.

Consideracións legais e técnicas:

1. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no artigo 20 do Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 5, do 11 de xaneiro de 2021).

2. A lexislación de aplicación a este expediente é:

▪ Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos.

▪ Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

▪ Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural.

▪ Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

▪ Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas (DOG núm. 244, do 21 de decembro).

3. Informe dos servizos técnicos da xefatura territorial, do 11.2.2022, sobre a tramitación do referido expediente, no cal se conclúe, de xeito literal, o seguinte:

«No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento que lle corresponden a esta xefatura territorial, establecidos no Real Decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, e na Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, polo que esta xefatura territorial emite informe favorable sobre a continuidade do trámite administrativo».

4. Contestación dos servizos técnicos da xefatura territorial, do 1.3.2022, á petición da DXPERN de aclaración sobre a afección a dereitos mineiros do proxecto de execución da referida infraestrutura gasista, co seguinte contido literal:

«En relación ao asunto de referencia, revisada a documentación existente nesta xefatura territorial e en resposta a súa petición, reiteramos o referido en anteriores tramitacións en relación coas posibles afeccións de proxectos de instalacións enerxéticas aos dereitos mineiros que desenvolve a súa actividade na zona de afección da Plisan:

“(…) Como consecuencia da afección da actividade mineira ao proxecto sectorial Plisan, e viceversa, asínase con data do 31 de marzo de 2003 un Convenio para o desenvolvemento compatible da Plisan e as actividades de extracción de agregados e arxilas entre Áridos do Mendo, S.L. e Plisan, xunto con outras empresas mineiras autorizadas para a extracción de recursos da sección A) da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, dentro da zona de actuación da Plisan, así coma unha empresa que aproveita a arxila que se extrae dalgunhas capas sedimentarias das terrazas aluviais en que se extrae grava, area, e minerais densos xunto co ouro.

O referido convenio constitúe a base reguladora para facer compatible a explotación mineira co desenvolvemento da Plisan co fin de evitar interferencias entre ambas as dúas actividades. Pola súa vez, o convenio é o documento fundamental en que se basea o contido das declaracións de impacto ambiental (DIA) e da restauración das explotacións.

Para os efectos anteriores, resaltase no convenio que unha das súas directrices xerais é maximizar o aproveitamento dos recursos mineiros existentes nas concesións dentro da superficie de influencia da Plisan, e na DIA das concesións mineiras recollese que a restauración dos espazos afectados polas explotacións mineiras se considera substituída pola urbanización que se realizará na futura Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan) de conformidade co convenio subscrito entre as partes.

Así mesmo, o citado convenio xa conta cos mecanismos que garanten o seu cumprimento e a resolución das discrepancias na interpretación dos acordos:

▪ Unha comisión técnica de seguimento, recollida no oitavo punto do convenio que estaría integrada polas persoas que designen as partes e que velará pola correcta aplicación das súas estipulacións;

▪ O procedemento de arbitraxe en dereito.

Polo exposto, constan proxectos e acordos para o desenvolvemento compatible da Plisan e as actividades de extracción de agregados e arxilas, así como mecanismos para a resolución das posibles contradicións no desenvolvemento conxunto de todos os proxectos. (…)”

Polo que, en relación coas posibles afeccións entre o referido proxecto de instalación que nos ocupa, instalacións para a distribución e subministración de gas natural ao polígono industrial Plisan, e os dereitos mineiros afectados e/ou lindeiros, entendendo que na data actual se manteñen as condicións que concorreron no desenvolvemento dos anteriores parágrafos e, polo tanto, son de aplicación os mesmos desenvolvementos e conclusións que para aquelas instalacións, no caso de considerar unha das partes a existencia de incumprimentos no desenvolvemento dos proxectos da outra deberá acudir aos mecanismos previstos no Convenio para o desenvolvemento compatible da Plisan e as actividades de extracción de agregados e arxilas».

5. O presente expediente tramitouse de acordo co procedemento establecido no título IV do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, en cumprimento do disposto na disposición adicional primeira do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a Nedgia Galicia, S.A. a autorización administrativa para a infraestrutura gasista correspondente ás instalacións para a distribución e subministración de gas natural ao polígono industrial Plisan nos termos municipais das Neves e Salvaterra de Miño (Pontevedra).

2. Aprobar o proxecto de execución da citada infraestrutura gasista titulado Proxecto de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución para a distribución e subministración de gas natural ao polígono industrial Plisan nos termos municipais das Neves e Salvaterra de Miño (Pontevedra).

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. A empresa promotora, Nedgia Galicia, S.A., constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 2.501,81 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. A devandita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

2. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Nedgia Galicia, S.A., titulado Proxecto de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución para a distribución e subministración de gas natural ao polígono industrial Plisan nos termos municipais das Neves e Salvaterra de Miño (Pontevedra), asinado pola enxeñeira técnica industrial Alejandra Risco Barba (colexiada nº 25.430 do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Madrid), no cal figura un orzamento de 125.090,69 €.

3. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

4. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da DXPERN; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

5. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

6. En canto aos bens e dereitos afectados polas instalacións que se autorizan e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

7. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das instalacións.

8. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2022

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais