Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Martes, 14 de xuño de 2022 Páx. 34405

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 7 de xuño de 2022 pola que se modifica a Orde do 7 de xuño de 2018 pola que se ditan normas para a adxudicación de destino provisional entre o persoal docente pertencente aos corpos de inspectores de educación, catedráticos e profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, catedráticos e profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos e profesores de música e artes escénicas, catedráticos e profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño, e do corpo de mestres, que non teñan destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, aos que resultan desprazados por falta de horario, ao persoal a que se lle conceda unha comisión de servizos por concelleira ou concelleiro, por motivos de saúde ou por conciliación da vida familiar e laboral, ao persoal interino e substituto e ao persoal funcionario de carreira que solicite o reingreso no servizo activo (ED002B).

Mediante a Orde do 7 de xuño de 2018 ditáronse normas para a adxudicación de destino provisional entre o persoal docente pertencente aos corpos de inspectores de Educación, catedráticos e profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, catedráticos e profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos e profesores de música e artes escénicas, catedráticos e profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño, e do corpo de mestres, que non teñan destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, aos que resultan desprazados por falta de horario, ao persoal a que se lle conceda unha comisión de servizos por concelleira ou concelleiro, por motivos de saúde ou por conciliación da vida familiar e laboral, ao persoal interino e substituto e ao persoal funcionario de carreira que solicite o reingreso no servizo activo (ED002B).

A disposición derradeira primeira da Orde do 28 de febreiro de 2020 pola que se regula a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos e por petición da persoa interesada, do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en centros dependentes desta consellería en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde (código de procedemento ED010B), modificou o punto 2, parágrafo cuarto, do artigo 2 da Orde do 7 de xuño de 2018 coa finalidade de que o persoal interino que tivese concedida unha comisión de servizos por razón de saúde nun corpo e especialidade determinado e que nese mesmo ano superase o procedemento selectivo noutro corpo ou noutra especialidade puidese participar no concurso de adxudicación de destinos provisionais cunha solicitude de comisión de servizos en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde.

En previsión de que as actividades lectivas nas ensinanzas de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria, de bacharelato e de formación profesional se inicien o mesmo día no inmediato e vindeiros cursos escolares de conformidade coa nova regulación do sistema educativo establecida pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e que, en consecuencia, os chamamentos ás persoas que integran as listas de interinidades e substitucións da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para todas as ensinanzas se inicien, de igual xeito, o mesmo día, é imprescindible modificar o prazo establecido na Orde do 7 de xuño de 2018 para as peticións de prestar servizos nunha ou en varias provincias ou en determinados concellos polo persoal interino e substituto co obxectivo de ter finalizada a súa tramitación con anterioridade ao inicio destes. Ademais, modifícase o artigo relativo á petición de provincias para exixir que se inclúa/n provincia/s en que se imparta a especialidade correspondente de conformidade coa obriga xa regulada para as peticións de concellos nos cales se deben impartir materias ou áreas ou módulos profesionais atribuídos á especialidade correspondente.

Pola súa vez, cómpre modificar o medio de presentación da solicitude de prestar servizos en determinados concellos e a solicitude de non participación no concurso de adxudicación de destinos provisionais do persoal interino e substituto en coherencia co articulado da Orde do 7 de xuño de 2018 e coa obriga do persoal empregado público de relacionarse coas administracións públicas unicamente mediante medios electrónicos para os trámites e actuacións que realicen con elas por razón da súa condición.

Así mesmo, é preciso engadir ao corpo de inspectores de Educación como primeiro corpo que se adxudicará no artigo relativo á orde de adxudicación dos corpos no concurso de destinos provisionais, así como equiparar o prazo de presentación da solicitude co persoal opositor que supera o procedemento selectivo convocado cada ano, dado que a dita solicitude se formulará e se presentará por medios electrónicos mediante o procedemento normalizado código ED002B.

Na súa virtude, esta Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

DISPÓN:

Artigo único. Modificación da Orde do 7 de xuño de 2018 pola que se ditan normas para a adxudicación de destino provisional entre o persoal docente pertencente aos corpos de inspectores de Educación, catedráticos e profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, catedráticos e profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos e profesores de música e artes escénicas, catedráticos e profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño, e do corpo de mestres, que non teñan destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, aos que resultan desprazados por falta de horario, ao persoal a que se lle conceda unha comisión de servizos por concelleira ou concelleiro, por motivos de saúde ou por conciliación da vida familiar e laboral, ao persoal interino e substituto e ao persoal funcionario de carreira que solicite o reingreso no servizo activo (ED002B)

Aprobar a modificación da Orde do 7 de xuño de 2018 pola que se ditan normas para a adxudicación de destino provisional entre o persoal docente pertencente aos corpos de inspectores de Educación, catedráticos e profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, catedráticos e profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos e profesores de música e artes escénicas, catedráticos e profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño, e do corpo de mestres, que non teñan destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, aos que resultan desprazados por falta de horario, ao persoal a que se lle conceda unha comisión de servizos por concelleira ou concelleiro, por motivos de saúde ou por conciliación da vida familiar e laboral, ao persoal interino e substituto e ao persoal funcionario de carreira que solicite o reingreso no servizo activo (ED002B), nos seguintes termos:

Un. Modifícase o artigo 24.1 que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 24. Orde de adxudicación

1. A orde de adxudicación dos corpos será a seguinte:

– Inspectores de Educación.

– Mestres.

– Catedráticos e profesores de escolas oficiais de idiomas.

– Catedráticos e profesores de artes plásticas e deseño.

– Mestres de taller de artes plásticas e deseño.

– Catedráticos de música e artes escénicas.

– Profesores de música e artes escénicas.

– Catedráticos e profesores de ensino secundario.

– Profesores técnicos de formación profesional».

Dous. Modifícase o artigo 33, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 33. Petición de prestar servizos nunha ou en varias provincias

O persoal docente interino e substituto para o caso de que non obteña praza na adxudicación poderá acollerse a prestar servizos como persoal docente interino ou substituto nunha ou en varias provincias, sen perda da orde da lista, a través da aplicación informática que xestiona a cobertura das substitucións, na páxina www.edu.xunta.gal/substitutos, no prazo do 15 de xuño ao 15 de xullo do ano correspondente, ambos incluídos. Será obrigatorio incluír provincia/s en que se imparta a especialidade correspondente. A solicitude terá efectos durante todo o curso académico. O que non efectúe opción enténdese que desexa prestar servizos en todas as provincias da Comunidade Autónoma».

Tres. Modifícase o artigo 34, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 34. Petición de prestar servizos en determinados concellos

O persoal docente a que fai referencia o punto décimo cuarto do Acordo do 20 de xuño de 1995 poderá optar durante os períodos máximo e mínimo previstos nel por realizar substitucións en concellos determinados. A opción deberá efectuarse na páxina www.edu.xunta.gal/substitutos e a solicitude xunto coa documentación xustificativa deberán presentarse empregando o modelo normalizado de solicitude xenérica PR004 dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/solicitude-xenerica ou procedemento que para estes efectos sinale a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no prazo comprendido entre os días 15 de xuño ao 15 de xullo do ano correspondente. Será obrigatorio incluír na petición concellos en que se impartan materias ou áreas ou módulos profesionais atribuídos á especialidade correspondente. Esta opción será por todo o curso académico».

Catro. Modifícase o segundo parágrafo do artigo 39.1, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 39. Solicitude de non participación ou renuncia á resolución provisional

(...) O prazo para que o persoal interino e substituto solicite a non participación na convocatoria é o comprendido entre o 15 e o 31 de maio. Xunto coa solicitude deberá achegarse a documentación xustificativa de que o persoal interino ou substituto se atopa nalgunha das situacións relacionadas no punto décimo cuarto do Acordo do 20 de xuño de 1995. A solicitude de non participación deberá cubrirse no enderezo: https://www.edu.xunta.gal/substitutos/ e presentarse xunto coa documentación xustificativa por medios electrónicos mediante o trámite activado para estes efectos no procedemento normalizado código ED002B».

Quinto. Modifícase a disposición adicional segunda, que queda redactada do seguinte xeito:

«Disposición adicional segunda. Corpo de inspectores de Educación

O persoal docente que supere o procedemento de acceso ao corpo de inspectores de Educación efectuará a solicitude de sector de inspección para realizar as prácticas conforme a resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se efectúa a convocatoria prevista no artigo 37 da presente orde, no prazo de dous días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación polo tribunal cualificador da relación de persoas aprobadas na páxina web http://www.edu.xunta.gal/oposicions. As sedes publícanse como anexo VIII á dita resolución».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades