Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Mércores, 25 de maio de 2022 Páx. 30806

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 11 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a entidades locais para actuacións de adecuación das pistas multideporte nos centros de educación infantil e primaria e nos centros públicos integrados non universitarios, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento ED500A).

De acordo co artigo 31 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, «é competencia plena da Comunidade Autónoma galega a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias (...)».

Conforme establece o Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, esta consellería é o departamento da Xunta a que lle corresponden as competencias e funcións relativas á planificación, regulación e administración do ensino regrado en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades.

Pola súa vez, os concellos, de conformidade co disposto no artigo 25.2.n) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, teñen competencias, nos termos da lexislación do Estado e das comunidades autónomas, entre outras materias, na conservación, mantemento e vixilancia dos edificios de titularidade local destinados a centros públicos de educación infantil, de educación primaria e de educación especial.

O artigo 8.1 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, dispón que as administracións educativas e as corporacións locais coordinarán as súas actuacións, cada unha no ámbito das súas competencias, para acadar unha maior eficacia dos recursos destinados á educación e contribuír aos fins establecidos nela.

A disposición adicional décimo quinta da mesma norma prevé o establecemento de procedementos e instrumentos que favorezan e estimulen a xestión conxunta coas administracións locais e a colaboración entre os centros educativos e as administracións públicas.

Do mesmo xeito, a disposición adicional segunda da Lei 5/2014, do 27 de maio, de medidas urxentes derivadas da entrada en vigor da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, tamén regula, consonte as previsións da normativa básica estatal, a cooperación económica, técnica e administrativa, voluntaria pola súa propia natureza, entre a Administración local e a Administración da Comunidade Autónoma.

Pola Resolución do 3 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, dáselles publicidade ao Manual de nova arquitectura pedagóxica e ao Manual de identidade corporativa para os centros docentes públicos da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 239, do 15 de decembro), no cal se recolle a figura das pistas multideporte dos centros docentes.

As pistas multideporte teñen por obxectivo promover unha vida sa entre o alumnado e permitir a práctica de, cando menos, cinco deportes nun único espazo polifuncional.

Estes espazos de socialización educativa admiten un uso polivalente e permiten, de ser o caso, a apertura ao uso xeral das instalacións deportivas educativas fóra do horario lectivo dos centros. Por este motivo é intención da consellería convocar a concesión de axudas económicas dirixidas aos concellos para habilitar pistas multideporte nos centros públicos integrados, conforme os modelos tipo seleccionados a través dos procedementos abertos de contratación convocados pola consellería co obxectivo de impulsar as actuacións de mellora das instalacións dos centros educativos cunha dobre finalidade: acadar o nivel requirido para satisfacer as necesidades do alumnado dos centros e permitir o acceso da cidadanía a estas áreas fóra do horario lectivo.

Por todo o exposto, obtidos os informes favorables da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para realizar actuacións de adecuación das pistas multideporte nos centros públicos de educación infantil e primaria e nos centros públicos integrados non universitarios de titularidade municipal, e proceder á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento ED500A).

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2. Requisitos dos proxectos e importe máximo da subvención

1. Para os efectos desta convocatoria, considerarase proxecto aquela actuación ou conxunto de actuacións, susceptibles de definición individualizada, para as cales se solicita subvención.

O orzamento total do proxecto obxecto da solicitude é o resultado da suma dos orzamentos parciais das actuacións que o integran, incluído o imposto sobre o valor engadido, que deberá recollerse dun xeito diferenciado.

2. Cada solicitude só poderá incluír un único proxecto.

3. A entidade solicitante deberá acreditar a dispoñibilidade sobre os terreos ou inmobles en que se pretende realizar as actuacións, como mínimo durante o período en que se manteñen as obrigas que asume o beneficiario da axuda previstas no artigo 18. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante a certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo III.

4. Así mesmo, de seren necesarias para levar a cabo a actuación para a cal se solicita a subvención, deberase contar coas autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais preceptivas. Para estes efectos, o cumprimento do dito requisito, ben por dispoñer delas ou por non seren preceptivas, acreditarase na fase de xustificación mediante certificación emitida pola secretaría do concello solicitante.

O investimento subvencionable máximo determinarase en función dos importes que para os proxectos se establecen nos modelos tipo aprobados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e que se recollen na seguinte táboa:

Chan resina

Chan céspede

Sen IVE

Con IVE

Sen IVE

Con IVE

Todo fenólico

Peche lateral 1 m

22x12 m²

49.088,22

59.396,75

49.368,60

59.736,01

30x15 m²

68.906,31

83.376,64

69.384,23

83.954,92

Peche lateral 2 m

22x12 m²

60.022,53

72.627,26

60.302,91

72.966,52

30x15 m²

84.025,56

101.670,93

84.503,49

102.249,22

Fenólico + aceiro

Peche lateral 1 m

22x12 m²

45.135,44

54.613,88

45.415,82

54.953,14

30x15 m²

63.865,94

77.277,79

64.343,87

77.856,08

Peche lateral 2 m

22x12 m²

51.058,36

61.780,62

51.338,76

62.119,90

30x15 m²

72.179,36

87.337,03

72.657,28

87.915,31

A porcentaxe de subvención regulada no número seguinte aplicarase aos importes establecidos na citada táboa segundo a actuación realizada, con independencia do orzamento licitado polo Concello. En todo caso, fíxase un límite máximo de investimento subvencionable de 85.000,00 €/proxecto (IVE incluído).

5. O importe máximo da subvención será do:

– 85 % do investimento subvencionable, no caso de concellos con poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes.

– 75 % do investimento subvencionable, no caso de concellos con poboación superior a 5.000 habitantes e inferior a 15.000 habitantes.

– 60 % do investimento subvencionable, no caso de concellos con poboación igual ou superior a 15.000 habitantes.

Para estes efectos, teranse en conta os últimos datos do padrón municipal de habitantes elaborado polo Instituto Nacional de Estatística na data de publicación da presente orde.

6. Nos supostos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, todas as entidades beneficiarias deberán solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, e achegalas xunto coa documentación xustificativa da subvención.

Artigo 3. Gastos subvencionables

1. Ao abeiro da presente orde, terán carácter subvencionable os gastos relativos ás actuacións de recuperación, mellora e adecuación de pistas multideporte nos centros públicos de educación infantil e primaria, e nos centros públicos integrados non universitarios de titularidade municipal radicados na Comunidade Autónoma de Galicia.

En todo caso, as actuacións deberán axustarse aos modelos tipo aprobados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que se publicarán na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, https://www.edu.xunta.gal/portal/

2. Terán o carácter de gastos subvencionables os seguintes:

a) Gastos necesarios para a axeitada execución das actuacións subvencionadas, incluíndo, de ser o caso, os gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, gastos notariais e rexistrais e os de peritaxe, sempre e cando sexan indispensables para a execución da intervención.

b) Gastos correspondentes a honorarios facultativos pola redacción dos proxectos técnicos precisos para adecuar os modelos tipos de proxectos a execución das actuacións, así como pola dirección facultativa das obras e o custo dos estudos necesarios para a súa realización. Estes custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen non poderán superar o 10 % do investimento subvencionable.

c) Os tributos serán gasto subvencionable cando a entidade beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

d) Os custos derivados do emprego de medios propios do Concello no desenvolvemento das actuacións subvencionadas, e custos indirectos imputables pola entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, sempre que se recollan no orzamento do proxecto para o que se solicita a subvención.

3. Non terán a condición de gastos subvencionables:

a) Os gastos correntes de funcionamento da entidade beneficiaria.

b) Equipamento e materiais non funxibles de segunda man.

c) Actuacións de mantemento que se realicen periodicamente para manter o recurso en perfecto uso ou estado.

d) Os gastos de xuros debedores en contas bancarias; os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, nin os gastos dos procedementos xudiciais.

4. Na adquisición de bens e servizos mediante contratos públicos non son subvencionables:

a) Os pagamentos efectuados polo contratista á Administración en concepto de taxa de dirección de obra ou control de calidade.

b) Calquera outro concepto que supoña ingresos ou descontos que deriven da execución do contrato.

c) Os pagamentos efectuados polo beneficiario que deriven da execución dos contratos públicos.

5. Só serán subvencionables as obras que utilicen materiais construtivos que permitan a integración harmónica e respectuosa coa contorna en que se atopa o centro, entre as opcións recollidas nos modelos tipo.

6. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados a partir do 1 de xaneiro de 2022, e sempre antes do remate do prazo de xustificación establecido no artigo 20.

Artigo 4. Financiamento e compatibilidade das subvencións

1. As subvencións obxecto desta orde financiaranse cun crédito total de 2.000.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 10.10.422A.760.0, código de proxecto 2022 00079, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán implicar á subvención oportuna.

Nestes casos o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria, sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.

2. As subvencións reguladas nestas bases serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal ou de organismos internacionais, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actuación subvencionada.

Artigo 5. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que reúnan os requisitos establecidos nestas bases.

2. Os requisitos para seren beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarios aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da entidade.

4. Só poderá presentarse unha solicitude por concello.

5. Os concellos solicitantes deberán ter remitidas as contas correspondentes ao exercicio orzamentario de 2020 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 6. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, que se incorpora como anexo I.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As entidades solicitantes realizarán as seguintes declaracións responsables, empregando para o efecto o formulario do anexo I:

a) As axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas.

b) A veracidade de todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan.

c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para obter as axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

f) Estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

Dado que a entidade solicitante é unha entidade local, para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que a persoa solicitante está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Que cumpre co deber de remitir as contas anuais ao Consello de Contas de Galicia.

i) Que as actuacións para as que se solicita subvención non estaban iniciadas o 1 de xaneiro de 2022.

j) Que se compromete a cumprir as obrigas e os requisitos que se sinalan no artigo 18 destas bases reguladoras.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

4. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As entidades solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria do Concello ou entidade local solicitante, segundo o modelo do anexo II, na cal se faga constar o acordo da entidade local polo cal se solicita a subvención para a actuación que se pretende executar ao abeiro desta orde, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela, así como o compromiso de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

O acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

b) Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria do Concello ou entidade local, segundo o modelo do anexo III, relativa á dispoñibilidade sobre os terreos e inmobles en que se van desenvolver as actuacións, durante un período que, como mínimo, garanta o cumprimento das obrigas previstas no artigo 18.

c) O acordo do Concello co centro educativo que articule a apertura ao público das pistas multideporte fóra do horario lectivo para desfrute xeral da poboación do concello.

A non presentación da documentación establecida neste punto 1 será causa de inadmisión da solicitude.

2. Así mesmo, a entidade solicitante deberá achegar un proxecto, anteproxecto ou memoria asinada por un técnico competente que permita unha definición exacta da intervención que se vai realizar, que deberá incluír:

– Memoria explicativa e xustificativa da actuación que se pretende desenvolver.

– Planos de localización do investimento.

– Reportaxe fotográfica do ben sobre o que se vai actuar: exteriores, interiores e contorna.

– Planos descritivos do proxecto que se vai levar a cabo.

– Relación (indicando calidades) dos materiais e acabamentos propostos.

– Relación detallada dos mobles e equipamentos (débense indicar calidades, localización e número) que se van instalar.

– Orzamento detallado, agrupado por partidas, dos gastos necesarios para a execución do proxecto.

O citado proxecto, anteproxecto ou memoria deberá contar co informe do servizo de supervisión de proxectos desta consellería de xeito que se acredite que se axusta ao modelo tipo aprobado pola consellería.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– NIF da entidade solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 11. Órganos competentes

A Vicesecretaría Xeral da Consellería de Cultura, Educación e Universidade será o órgano competente para instruír o procedemento de concesión da subvención, e á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica corresponderalle ditar a resolución de concesión.

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, a Vicesecretaría Xeral poderá requirirlle á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

2. Os proxectos, anteproxectos ou memorias valoradas serán avaliados no Servizo de Supervisión de Proxectos, en concreto sobre a adecuación do proxecto, anteproxecto ou memoria axustada aos modelos tipos aprobados pola consellería, e emitirase un informe ao respecto.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

4. Unha vez finalizada a fase de instrución, a Vicesecretaria Xeral formulará proposta de resolución provisional debidamente motivada, que será notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes, de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 13. Resolución

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elaborará a proposta de resolución definitiva que elevará á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica para a súa resolución. A dita proposta conterá a relación de expedientes instruídos, establecida por orde de incoación, e nela indicaranse o número de expediente, denominación e NIF da entidade local solicitante, data de presentación da solicitude, actuación subvencionable e contía da subvención proposta, ou ben a causa da proposta de denegación ou inadmisión, segundo corresponda.

2. A persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a persoa ou entidade solicitante á cal se lle concede a subvención, a actuación subvencionada, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de inadmisión ou denegación da solicitude.

3. No suposto de que algún beneficiario renuncie á subvención concedida, decaia no dereito á súa percepción ou proceda o reintegro de acordo co previsto nestas bases e na normativa que resulte de aplicación, os créditos liberados poderán asignarse aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto. Actuarase de igual xeito cando, por razóns de dispoñibilidade orzamentaria, se acorde incrementar o crédito máximo inicialmente previsto nesta convocatoria.

4. De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez esgotado o crédito dispoñible, poderá ampliarse este cando o aumento veña derivado dalgunha das condicións previstas no dito artigo.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución aos interesados será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica non poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O prazo para a interposición do recurso de alzada será dun mes, se o acto for expreso. Transcorrido o dito prazo sen interpoñerse o recurso, a resolución será firme para todos os efectos.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade local beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención e as actuacións subvencionables, e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

3. Para a modificación da resolución non se poderán ter en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, a entidade solicitante da modificación deberá presentar memoria xustificativa da modificación, orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado, nos termos previstos no artigo 12.4 da presente orde.

6. Cando a entidade beneficiaria da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a súa concesión, que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime o beneficiario das sancións que lle poidan corresponder conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de que se comunicase a renuncia, a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

1. Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co presentado á subvención ou, se é o caso, ao modificado coa autorización da consellería.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o desfrute da subvención.

3. Manter o investimento subvencionado durante un período mínimo de cinco anos, cando se trate de bens inscritibles nun rexistro público, e non inferior a dous anos para o resto de bens, de conformidade co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a consellería, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

5. Comunicarlle á consellería a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional. Estas comunicacións deberanse efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. As entidades beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Para estes efectos e durante a execución das actuacións será obrigatoria a colocación dun cartel en que figure a subvención da Xunta de Galicia conforme o manual de identidade corporativa que estea vixente.

Os carteis serán de material resistente (ríxido ou semirríxido), e non se admitirá a simple impresión en papel. Colocaranse sempre nun lugar visible ao público.

Nos materiais impresos, medios electrónicos ou audiovisuais, ou ben en mencións realizadas en medios de comunicación deberán constar lendas relativas ao financiamento público.

Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta da entidade beneficiaria.

Artigo 19. Subcontratación

1. As entidades beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución total do proxecto que constitúe o obxecto da subvención. A tramitación e contratación das obras ou equipamentos será realizada polos concellos conforme a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, e serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos poidan derivar. En todo caso, haberá que aterse ao establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

2. Nos supostos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, todas as persoas beneficiarias deberán solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, e achegalas xunto coa documentación xustificativa da subvención.

Tamén deberán achegar a resolución de adxudicación da obra e/ou equipamento, na cal se xustifique a elección entre as ofertas presentadas que, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. No suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria en que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

Artigo 20. Xustificación da subvención

1. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 20 de outubro de 2022.

2. Para cobrar a subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar de forma electrónica, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal), a solicitude de cobramento debidamente asinada, de acordo co modelo contido no anexo V, así como a seguinte documentación:

a) Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace da Alcaldía, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

– O cumprimento da finalidade da subvención.

– Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables ás actuacións subvencionadas coa seguinte relación: identificación da persoa acredora, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente.

b) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, se é o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia na letra a).

c) De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, cando o gasto supera as contías establecidas para o contrato menor na normativa de contratación pública, tamén deberá achegarse copia da resolución de adxudicación da obra ou equipamento, onde quede acreditado que a elección entre as ofertas recaeu na proposta económica máis vantaxosa.

d) Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace da Alcaldía, sobre que a actuación desenvolvida conta coas autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais tanto municipais como por parte doutros organismos ou administracións públicas preceptivas ou ben que estas non eran preceptivas.

e) Fotografías ilustrativas do investimento efectuado, así como da colocación do cartel indicado no artigo 18.6 destas bases.

f) Certificado de obra ou relación valorada con base no proxecto de execución, en que se relacionen os materiais empregados, unidades, prezos unitarios e totais.

g) Declaración responsable segundo o modelo que figura no anexo VI: para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que a persoa beneficiaria está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedora por resolución de procedemento de reintegro.

3. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola consellería na resolución de concesión da subvención, ou coas modificacións autorizadas, e responder de xeito indubidable á natureza da actividade subvencionada.

4. Se as entidades beneficiarias xustifican conceptos e elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe do investimento subvencionable, entenderase que non se acadaron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderase o dereito a cobrar a subvención, agás que pola natureza da actuación se acredite e se comprobe que nela non se incumpren os ditos obxectivos. Se a xustificación é superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirase a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que se cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os que se concedeu a axuda.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso ditarase a oportuna resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 21. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, a Secretaría Xeral Técnica, antes de proceder ao seu pagamento, realizará as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Previamente ao pagamento deberá acreditarse que a entidade beneficiaria se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia nin é debedora por resolución de procedencia de reintegro. Esta acreditación poderá substituírse pola presentación dunha declaración responsable do beneficiario, de acordo co disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no caso de entidades locais.

2. As entidades beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo dun 50 % da subvención concedida, ao abeiro do disposto no artigo 63.1.Dous do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

O pagamento anticipado está exento de constituír garantía, segundo se establece no artigo 65.4.c) do citado Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Incumprimento, reintegros e sancións

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas no artigo 18 e, concretamente:

a) O incumprimento da finalidade ou do obxectivo para o cal se concedeu a subvención ou da obriga de xustificar a realización da actuación e a non permanencia mínima da actividade subvencionada.

b) A obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos.

2. Procederá o reintegro parcial da subvención concedida nos seguintes supostos:

a) Non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 18, que suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

b) Non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, que suporá a perda dun 5 % da subvención concedida.

Esta porcentaxe do 5 % aplicarase, de ser o caso, unha vez descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

c) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período mínimo establecido no artigo 18 suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

No caso de condicións que constitúan obrigas que a entidade beneficiaria debe acreditar en fase de xustificación, tales como obrigas de publicidade ou comunicación doutras axudas, estas deberanse xustificar en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo ás ditas obrigas.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro. Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 23. Control

1. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 24. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, publicarase na correspondente páxina web oficial, nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Así mesmo, e de conformidade cos artigos 18.3 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

As persoas interesadas poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, a solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda de Administración Pública, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude, así como na Base de datos nacional de subvencións. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 25. Remisión normativa

Aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file