Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Mércores, 25 de maio de 2022 Páx. 30838

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

EXTRACTO da Orde do 11 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a entidades locais para actuacións de adecuación das pistas multideporte nos centros de educación infantil e primaria e nos centros públicos integrados non universitarios, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento ED500A).

BDNS (Identif.): 627905.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que reúnan os requisitos establecidos nestas bases.

2. Os requisitos para seren beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para realizar actuacións de adecuación das pistas multideporte nos centros públicos de educación infantil e primaria e nos centros públicos integrados non universitarios de titularidade municipal, e proceder á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento ED500A).

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 11 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a entidades locais para actuacións de adecuación das pistas multideporte nos centros de educación infantil e primaria e nos centros públicos integrados non universitarios, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento ED500A).

Cuarto. Financiamento

As subvencións obxecto desta orde financiaranse cun crédito total de 2.000.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 10.10.422A.760.0, código de proxecto 2022 00079, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán implicar a subvención oportuna.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade