Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Venres, 6 de maio de 2022 Páx. 27181

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 28 de abril de 2022 pola que se regula o procedemento, se aproba e se dá publicidade ao modelo de solicitude de ERTE derivado da activación do Mecanismo RED de Flexibilidade e Estabilización do Emprego (código de procedemento TR820I).

A aprobación do Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo, introduce no seu artigo primeiro (dedicado ás modificacións do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro) e en concreto no seu punto 7, un novo artigo 47.bis dedicado a regular o Mecanismo RED de Flexibilidade e Estabilización do Emprego.

Este instrumento, logo da activación por parte do Consello de Ministros, permitirá ás empresas solicitar medidas de redución de xornada e suspensión de contratos de traballo análogas ás establecidas no artigo 47.

Porén o indicado, o artigo 47.bis establece unha serie de particularidades que impiden que se poida utilizar o mesmo procedemento que ampara os supostos recollidos no artigo 47 polo que se fai necesario a implantación dun novo procedemento que recolla as ditas peculiaridades.

Así, e ante a necesidade de dar cobertura á tramitación da solicitude por parte das empresas recollida no artigo 47 bis.3 do Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, faise necesario articular un procedemento electrónico para esta solicitude.

O proxecto de orde foi obxecto de informe por parte dos órganos con competencias horizontais en materia de Administración electrónica, avaliación e reforma administrativa.

En consecuencia, no exercicio das atribucións conferidas de conformidade co disposto no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento e aprobar e dar publicidade ao modelo normalizado (código de procedemento TR820I) para a súa tramitación por medios electrónicos, sobre a solicitude por parte das empresas e das persoas autónomas con persoas contratadas de redución de xornada ou suspensión dos contratos das súas persoas traballadoras mentres estea activado o Mecanismo RED de Flexibilidade e Estabilización do Emprego con base no disposto no artigo 47.bis do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, modificado polo Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo.

Artigo 2. Forma e prazo de presentación

1. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (http://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e permanecerá aberto mentres estea activado por decisión do Consello de Ministros o Mecanismo RED.

Artigo 3. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude os seguintes documentos:

– Copia da comunicación feita pola empresa ás persoas traballadoras ou aos seus representantes da intención de iniciar a tramitación do Mecanismo RED, para os efectos de conformación da comisión representativa conforme o previsto no artigo 41.4 do Estatuto dos traballadores.

– Copia da comunicación do inicio do período de consultas.

– Informe que acredite que a situación temporal, cíclica ou sectorial, descrita no acordo de activación do Mecanismo RED concorre na empresa.

– Calendario en que se vai levar a cabo a aplicación das medidas de redución de xornada ou suspensión de contratos de traballo.

– Identificación das persoas traballadoras incluídas no procedemento e que van resultar afectadas. (segundo o modelo anexo II).

– Tipo de medida que se vai aplicar respecto de cada unha das persoas traballadoras e porcentaxe máxima de redución de xornada ou o número máximo de días de suspensión de contrato que se vai aplicar.

– Identificación das persoas que integran a comisión negociadora e a comisión representativa das persoas traballadoras ou, de ser o caso, indicación da falta de constitución desta última nos prazos legais.

– No caso da modalidade sectorial ademais acompañarase dun plan de recualificación das persoas afectadas.

– Copia da documentación que acredite a lexitimación da persoa que presenta a comunicación.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recollidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderase solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se deban presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– Documento acreditativo da personalidade da persoa solicitante, consistente no NIF no caso de persoas xurídicas e DNI ou NIE no caso de persoas traballadoras autónomas con persoas traballadoras contratadas.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Resolución

A autoridade laboral ditará resolución no prazo de sete días naturais desde a presentación da comunicación da conclusión do período de consultas. A comunicación final da empresa deberá axustarse á información recollida no punto 2.g) da disposición transitoria segunda do Real decreto lei 4/2022, do 15 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes de apoio ao sector agrario por causa da seca.

No caso de ausencia de resolución expresa, entenderase estimada a solicitude para a aplicación do Mecanismo RED.

Artigo 6. Prórroga

Durante a vixencia do ERTE activado polo Mecanismo RED, a empresa poderá comunicarlle á representación das persoas traballadoras coa que desenvolvese o período de consultas unha proposta de prórroga de acordo co disposto no artigo 47.4 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema achegará ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorreran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado nesta disposición, poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2022

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file