Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Venres, 6 de maio de 2022 Páx. 27173

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 26 de abril de 2022 pola que se aproban as tarifas aplicables aos servizos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo de ámbito interurbano.

Os servizos interurbanos de taxi, nos termos en que os define o artigo 2 da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, encóntranse sometidos ao réxime tarifario que se regula no artigo 40 da dita lei e 45 e seguintes do Decreto 103/2018, do 13 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia.

Consonte o que establece o citado artigo 40 da Lei 4/2013, do 28 de setembro, a prestación do servizo de taxi está suxeito a tarifas obrigatorias aprobadas pola Administración, no caso dos servizos interurbanos, pola consellería competente en materia de transporte da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, logo de dar audiencia ao Consello Galego de Transportes.

O mesmo precepto indicado prevé a posibilidade de que as tarifas aprobadas pola Administración sexan obxecto de revisión periódica ou, de xeito excepcional, cando se produza unha variación nos custos que altere significativamente o equilibrio económico da actividade.

O vixente réxime tarifario de aplicación aos servizos de transporte público en vehículos de turismo de Galicia encóntrase regulado na Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, do 23 de xuño de 2010, pola que se regulan as tarifas aplicables aos servizos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo de ámbito interurbano; e, con base na habilitación que prevé a súa disposición adicional, a súa última actualización foi efectuada pola Resolución do 10 de decembro de 2013, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se acorda actualizar as tarifas aplicables aos servizos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo de ámbito interurbano.

A situación provocada, primeiro, pola pandemia da COVID-19 e, posteriormente, como consecuencia da alza de prezos que se vén producindo nos últimos meses, provocan neste sector profesional tanto unha diminución da súa propia actividade profesional como unha alza significativa nas partidas máis relevantes da súa estrutura de custos. Estes dous feitos deron lugar á concorrencia dos supostos de excepcionalidade a que fai referencia a Lei 4/2013, do 28 de setembro, e o Decreto 103/2018, do 13 de setembro, e xustifican a necesidade de revisar as tarifas aplicables aos servizos de taxi.

Adicionalmente, tendo en conta que o réxime de tarifas aplicable á actividade de taxi, aprobado pola citada Orde do 23 de xuño de 2010, é anterior tanto á Lei 4/2013, do 28 de setembro, ao Decreto 103/2018, do 13 de setembro, que a desenvolve, como á Lei 2/2015, do 30 de marzo, de desindexación da economía española, cómpre adaptar a dita disposición ao novo marco regulatorio, o que se realiza igualmente a través da presente orde.

Finalmente, dado o carácter excepcional da revisión que se aproba, motivado por unha variación nos custos que a xustifica, non lle resultará de aplicación a limitación que establece o artigo 46.1 do Decreto 103/2018, do 13 de setembro, referente á aplicabilidade das revisións ordinarias de tarifas, consonte a previsión que establece o número terceiro dese mesmo artigo.

En consecuencia, de acordo co Consello Galego de Transportes, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ámbito de aplicación

O réxime de tarifas establecido nesta orde aplicarase aos servizos de taxi de carácter interurbano definidos no artigo 2 da Lei 4/2013, do 28 de setembro, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia.

Artigo 2. Tarifas aplicables nos servizos de taxi de carácter interurbano

1. Os vehículos que prestan os servizos de taxi, urbano e interurbano, deben estar equipados cun aparello taxímetro debidamente precintado, homologado e verificado de acordo coas normas establecidas polo órgano competente en materia de metroloxía, co fin de determinar o prezo de cada servizo, agás aqueles supostos en que non resulte de aplicación esta obriga consonte o que establece o artigo 41 da Lei 4/2013, do 28 de setembro.

2. Nos servizos de taxi que se presten con vehículos equipados de aparello taxímetro determinarán o prezo do servizo mediante o taxímetro, consonte os seguintes valores referentes aos pasos por tempo e espazo, impostos incluídos:

a) Servizos prestados de luns a sábado laborables, entre as 6.00 e as 22.00 horas:

– Valor do paso: 0,05 euros.

– Metros por salto: 41,67.

– Segundos por salto: 11,25.

– Metros primeiro salto: 3.000.

– Tempo primeiro salto: 743 segundos.

– Mínimo de percepción: 3,60 euros.

b) Servizos prestados os domingos, festivos, ou en horario comprendido entre as 6.00 e as 22.00 horas, así como o 24 e o 31 de decembro:

– Valor do paso: 0,05 euros.

– Metros por salto: 34,72.

– Segundos por salto: 9,38

– Metros primeiro salto: 3.000.

– Tempo primeiro salto: 618 segundos.

– Mínimo de percepción: 4,32 euros.

3. Nas dúas franxas horarias indicadas no número anterior, a percepción mínima subsumirá os saltos correspondentes de distancia e tempo, de forma que tan só a partir da distancia ou do tempo correspondente ao primeiro salto comezarán a computarse os pasos sucesivos.

Artigo 3. Tarifas aplicables a vehículos non provistos de taxímetro

1. Os servizos de taxi de carácter interurbano que, consonte o que establece o artigo 41 da Lei 4/2013, do 28 de setembro, non dispoñan de aparello taxímetro, prestaranse con suxeición ás seguintes tarifas obrigatorias, impostos incluídos:

a) Servizos prestados de luns a sábado laborables, entre as 6.00 e as 22.00 horas:

– Prezo por km percorrido: 1,20 euros.

– Prezo por hora de espera: 16,00 euros.

– Mínimo de percepción: 3,60 euros.

– Tempos de espera motivados polo abandono temporal do coche pola persoa usuaria: 4,00 euros por fracción de 15 minutos.

b) Servizos prestados os domingos, festivos ou en horario comprendido entre as 6.00 e as 22.00 horas: terán un incremento do 20 % respecto das tarifas anteriores, resultando de aplicación as seguintes:

– Prezo por km percorrido: 1,44 euros.

– Prezo por hora de espera: 19,20 euros.

– Mínimo de percepción: 4,32 euros.

– Tempos de espera motivados polo abandono temporal do coche pola persoa usuaria: 4,80 euros por fracción de 15 minutos.

2. Respecto dos tempos de espera motivados polo abandono temporal do vehículo pola persoa usuaria, esta terá dereito a dispoñer gratuitamente dos primeiros 15 minutos da primeira hora de espera.

Artigo 4. Disposicións de común aplicación a vehículos con e sen aparello taxímetro

1. Aos servizos prestados por taxis non provistos de taxímetro seranlles de aplicación as tarifas establecidas por km percorrido, prezo por hora de espera e mínimo de percepción.

2. O mínimo de percepción cubrirá os 3 primeiros quilómetros, polo que non será acumulable á tarifa de distancia por cada quilómetro ou fracción.

3. Para os efectos do indicado nos artigos anteriores, os servizos de taxi consideraranse prestados na franxa horaria en que se inicie a prestación do servizo, nos termos que establece o artigo 41 do Decreto 103/2018, do 13 de setembro.

Artigo 5. Transportes con orixe ou saída nalgún aeroporto

A persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público en vehículos de turismo queda facultada para autorizar o establecemento, logo de audiencia aos concellos afectados e da asociación provincial de taxis correspondente, de tarifas específicas ou suplementos de aplicación aos servizos de taxi con orixe ou saída nalgún dos aeroportos da Comunidade Autónoma.

Artigo 6. Publicidade das tarifas

1. As tarifas aplicables serán visibles para a persoa usuaria desde o interior do vehículo, con indicación dos suplementos e das tarifas especiais que proceda aplicar en determinados servizos.

Igualmente, durante os servizos de taxi deberá levarse a bordo do vehículo, á disposición das persoas usuarias, un exemplar das tarifas vixentes en formato braille.

2. A publicidade das tarifas axustarase ao modelo que se aproba como anexo desta orde.

Artigo 7. Cálculo da tarifa final

1. As tarifas establecidas nesta disposición refírense, en todo caso, á contratación por coche completo.

Os titulares de vehículos non provistos de taxímetro deberán aplicar a tarifa por distancia aos quilómetros e á fracción de quilómetro percorrido que determine o contaquilómetros do vehículo.

Antes do inicio da viaxe deberase poñer o contaquilómetros parcial a cero e comunicarlle ao usuario a devandita circunstancia.

2. No suposto de que a persoa usuaria opte por realizar o traxecto de ida por autoestrada, sumarase á tarifa final o custo das peaxes de ida e de retorno. Non obstante, se algunha das peaxes, ou ambas, poden ser obxecto dalgunha bonificación de aplicación xeral, condicionada unicamente á dispoñibilidade dun equipamento técnico para a súa aplicación, deberá descontarse esta bonificación do prezo final en todo caso.

3. O prezo por distancia establecido nesta orde aplicarase ao traxecto de ida.

Cando a persoa usuaria do servizo decida retornar ao punto de inicio por un itinerario máis longo, o transportista, ademais dos suplementos que correspondan por espera no lugar de destino, terá dereito a cobrar o incremento de quilómetros, respecto á viaxe de ida, conforme o valor establecido por quilómetro ou fracción; igualmente, terá dereito a cobrar as peaxes de autoestradas cando a persoa usuaria opte por facer uso delas unicamente na viaxe de volta.

Disposición adicional. Habilitación para actualizacións periódicas

Por medio da presente orde habilítase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público en vehículos de turismo para realizar as actualizacións periódicas do réxime tarifario aplicable aos servizos de taxi de carácter interurbano a que se refire o artigo 40.3 da Lei 4/2013, do 28 de setembro, e o artigo 46.1 do Decreto 103/2018, do 13 de setembro.

Disposición derradeira primeira. Derrogación

Derrógase a Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, do 23 de xuño de 2010, pola que se regulan as tarifas aplicables aos servizos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo de ámbito interurbano.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor e as tarifas que nela se establecen serán de aplicación aos 10 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2022

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

ANEXO

Tarifas aplicables aos servizos interurbanos de taxi.
Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do ... de ... de 2022 (DOG do ... de ... de 2022)

Vehículo con taxímetro (3)

Tarifa A (1)

Tarifa B (2)

Valor do paso

0,05 €

0,05 €

Metros por salto

41,67

34,72

Segundos por salto

11,25

9,38

Metros primeiro salto

3.000

3.000

Tempo primeiro salto

743

618

Mínimo de percepción (4)

3,60 €

4,32 €

Vehículo sen taxímetro (3)

Tarifa A (1)

Tarifa B (2)

Prezo por km recorrido

1,20 €

1,44 €

Prezo por hora de espera

16,00 €

19,20 €

Mínimo de percepción

3,60 €

4,32 €

Tempos de espera (por fracción de 15 minutos) (5)

4,00 €

4,80 €

Observacións:

(1) Tarifa A: servizos prestados de luns a sábado laborables, entre as 6.00 e as 22.00 horas.

(2) Tarifa B: servizos prestados os domingos, festivos, ou en horario comprendido entre as 6.00 e as 22.00 horas, así como o 24 e o 31 de decembro.

(3) Taxímetro: con carácter xeral, a disposición de taxímetro non é obrigatoria nos concellos de menos de 10.000 habitantes.

(4) Mínimo de percepción: a percepción mínima cubrirá os primeiros 3 km de percorrido, en servizos sen taxímetro, e subsumirá os saltos correspondentes de distancia e tempo, de forma que tan só a partir da distancia ou do tempo correspondente ao primeiro salto comezarán a computarse os pasos sucesivos, en vehículos provistos de taxímetro.

(5) Tempo de espera: motivado polo abandono temporal do coche pola persoa usuaria. A persoa usuaria terá dereito a dispoñer gratuitamente dos primeiros 15 minutos da primeira hora de espera.

Outras condicións:

• As tarifas levan incluídos os impostos.

• A persoas usuarias teñen dereito a obter un documento xustificativo da prestación do servizo en que consten prezo, orixe e destino, número de licenza e identificación da persoa titular dos títulos habilitantes e da persoa condutora, e itinerario percorrido.

• Os servizos interurbanos contrátanse por coche completo e as tarifas compútanse só na viaxe de ida, salvo que as partes contratantes acorden computar o retorno.

As persoas usuarias teñen dereito a portar gratuitamente no maleteiro do vehículo un vulto de equipaxe ou pertenza por persoa usuaria, coa limitación da capacidade do dito maleteiro. As ditas equipaxes ou pertenzas non poderán supor risco para a integridade das persoas ou do vehículo nin causar danos no seu interior, agás no caso de animais de axuda ou auxilio a persoas cegas, con discapacidade visual ou con mobilidade reducida.

• Estas tarifas teñen a consideración de tarifas obrigatorias. Non obstante, con antelación ao inicio da prestación dos servizos de taxi, a persoa titular da licenza de taxi e as persoas usuarias poderán acordar un prezo fixo pola súa prestación, ou un desconto sobre a tarifa que resulte de aplicación polo conxunto de conceptos facturables.

No caso de acordar un prezo fixo ou un desconto, o correspondente acordo deberá ser documentado en soporte papel ou electrónico, do cal se entregará unha copia á persoa usuaria con antelación ao inicio do servizo.

No caso de establecemento dun prezo final fixo, no dito acordo deberá facerse constar tanto o importe acordado como o que correspondería á prestación do servizo atendendo ao factor quilométrico da tarifa máxima aplicable, ao tempo de espera programado e facturable, ás peaxes, se for o caso, e aos suplementos que resultaren de aplicación.

No caso de se acordar a aplicación dunha porcentaxe de desconto sobre o prezo final do servizo, na documentación deste acordo deberá identificarse a dita porcentaxe de desconto. Igualmente, no documento xustificativo da prestación do servizo indicaranse tanto o prezo do servizo resultante da aplicación da tarifa como o prezo efectivamente cobrado.

• Non existe obriga de facilitar cambio superior a 50 euros.

• Existen follas de reclamacións á disposición das persoas usuarias.

Matrícula: ........ Autorización VT-N nº ........ Persoa titular da autorización de transporte interurbano: .....................................