Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Venres, 6 de maio de 2022 Páx. 27196

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 27 de abril de 2022 pola que se dá publicidade á encomenda de xestión á Axencia Galega de Infraestruturas da preparación, selección de contratista e adxudicación dos contratos relativos ás obras de ampliación do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, e á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. da xestión de diversas actuacións de carácter técnico en relación coas ditas obras.

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade da Resolución do conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde, do 25 de abril de 2022, pola que se encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas a preparación, selección de contratista e adxudicación dos contratos relativos ás obras de ampliación do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, e á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. a xestión de diversas actuacións de carácter técnico, en relación coas ditas obras.

– Actividades:

A encomenda de xestión ten por obxecto encomendar á Axencia Galega de Infraestruturas a preparación, selección de contratista e adxudicación dos contratos relativos ás obras de ampliación do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. a xestión de diversas actuacións de carácter técnico en relación coas ditas obras.

A Axencia Galega de Infraestruturas obrígase a realizar os actos e negocios xurídicos propios da preparación, selección de contratista, adxudicación e execución dos contratos que sexan precisos para o cumprimento do obxecto da encomenda e, nomeadamente, os de redacción de proxecto, obra, dirección da obra, dirección de execución material e coordinación de seguridade e saúde, así como calquera competencia que lle corresponda en virtude da normativa de aplicación.

A Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. obrígase a realizar as seguintes actuacións:

• Elaborar os informes técnicos e realización daquelas actuacións de carácter técnico necesarios na fase de adxudicación dos contratos derivados das actuacións obxecto da referida encomenda, nomeadamente, os de redacción de proxecto, obra, dirección da obra, dirección de execución material e coordinación de seguridade e saúde.

• A dirección da redacción do proxecto con base no plan funcional redactado polo Servizo Galego de Saúde, así como a supervisión e a aprobación técnica do proxecto.

• A dirección de obra do correspondente contrato de obra.

• Con base no establecido no artigo 62 da LCSP, asumir a función de responsable dos contratos obxecto de encomenda, para o que o órgano de contratación designará a unha persoa física ou xurídica vinculada a esta sociedade, á cal corresponderá supervisar a súa execución e adoptar as decisións e ditar as instrucións necesarias co fin de asegurar a correcta realización da prestación pactada, dentro do ámbito de facultades que o órgano de contratación lle atribúa.

• Convocar o Servizo Galego de Saúde para que designe unha persoa representante que asistirá ao acto de recepción das obras en que se levará a cabo a súa entrega.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: o artigo 47 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, mantendo a súa redacción orixinal, establece que:

«1. Para os efectos previstos nos artigos 4.1.n) e 24.6 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, todas as entidades instrumentais determinadas no artigo 45 teñen a consideración de medios propios e servizos técnicos daqueles poderes adxudicadores para os cales realicen a parte esencial da súa actividade cando estes exerzan sobre aqueles un control análogo ao que poden exercer sobre os seus propios servizos. (...).

2. O carácter de medios propios instrumentais e servizos técnicos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia comporta para as entidades, de acordo co previsto na lexislación de contratos do sector público, a obriga de executar as encomendas ou encargas que os poderes adxudicadores que os controlan e os seus medios propios lles realicen dentro do ámbito do seu obxecto social e nos termos fixados nos seus estatutos.

As relacións dos medios propios cos poderes adxudicadores de que son medios propios instrumentais e servizos técnicos teñen natureza instrumental e non contractual, polo que, para todos os efectos, son de carácter interno, dependente e subordinado. (...)».

Nesta liña, o artigo 6.3 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, establece que quedan excluídas do ámbito de aplicación desta lei as encomendas de xestión reguladas na lexislación vixente en materia de réxime xurídico do sector público.

A Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, no seu artigo 10 recolle os instrumentos e procedementos para facer efectivos os principios de cooperación, colaboración e asistencia, entre os que se encontran as encomendas de xestión, reguladas especificamente no artigo 13, que remite á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (Lofaxga),no que atinxe á regulación das encomendas de xestión a medios propios.

– Ausencia de retribución ou tarifas e réxime de financiamento: a realización das actividades e/ou actos e negocios xurídicos necesarios para a execución desta encomenda de xestión por parte da Axencia Galega de Infraestruturas e a Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. efectuarase a título gratuíto, sen que exista retribución ou tarifa.

– Prazo de vixencia: a eficacia da encomenda para a xestión estenderase desde o día seguinte ao da súa sinatura ata a data de finalización do prazo de garantía dos contratos obxecto da presente encomenda.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade