Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Martes, 3 de maio de 2022 Páx. 26396

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 49/2022, do 21 de abril, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do acondicionamento da LU-710, puntos quilométricos 0+000-4+500, de clave LU/17/103.10, no concello de Baralla (Lugo).

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 21 de maio de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 94 o Anuncio do 3 de maio de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción do acondicionamento da LU-710, p.q. 0+000-4+500, de clave LU/17/103.10, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. Tras a análise dos informes, das alegacións e dos certificados presentados, o 4 febreiro de 2022 aprobouse o expediente de información pública e o proxecto de construción do acondicionamento da LU-710, p.q. 0+000-4+500, de clave LU/17/103.10.

A actuación ten por obxecto a mellora da seguridade viaria na estrada LU-710, desde a intersección coa N-VI (p.q. 0+000) ata o enlace coa A-6, unha vez cruzado o río Neira, no termo municipal de Baralla (Lugo), e completar o acondicionamento do trazado na lonxitude total da citada estrada.

As actuacións principais son as seguintes: ampliación da estrada a unha calzada de dous carrís de 3 m con beiravías de 0,50 m, mellora de curvas e disposición de sobreanchos, mellora da intersección coa N-VI, rehabilitación do firme e implantación de paradas de bus.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que da lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de abril de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción do acondicionamento da LU-710, p.q. 0+000-4+500, de clave LU/17/103.10.

Vigo, vinte e un de abril de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade