Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Martes, 3 de maio de 2022 Páx. 26392

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da delimitación do solo do núcleo rural do Pereiro, no concello da Mezquita.

O Concello da Mezquita, conforme o disposto na disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), en relación co punto segundo da disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, remite de novo o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva.

Unha vez analizado o expediente remitido polo Concello e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello da Mezquita non conta actualmente con ningunha figura de planeamento xeral, polo que son de aplicación as determinacións do Plan básico autonómico de Galicia, aprobado definitivamente o 26 de xullo de 2018 e que entrou en vigor o 28 de setembro de 2018.

I.2. A tramitación ata o momento da delimitación do solo de núcleo rural foi a seguinte:

Consta informe técnico municipal, do 21 de xaneiro de 2013.

O Concello da Mezquita someteu a información pública a delimitación de solo de núcleo rural durante o prazo dun mes mediante anuncios publicados nos diarios Faro de Vigo, o 26 de febreiro de 2013; en La Voz de Galicia, o 27 de febreiro de 2013, e no DOG do 15 de marzo de 2013. Durante o período de exposición non se presentou ningunha alegación.

Consta informe desfavorable, do 12 de abril de 2013, e informe favorable, do 10 de xuño de 2013, da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) da CMATI.

Constan informes desfavorables, do 3 de marzo de 2014 e do 9 de decembro de 2014, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como outro informe de improcedencia de redactar informe ningún sobre a delimitación do Pereiro por tratarse dun documento de menor rango que o PXOM, xa sometido a informe.

Consta informe favorable, do 22 de marzo de 2013, da Confederación Hidrográfica do Duero, do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, con condicións.

O Pleno municipal do 27 de novembro de 2020 aprobou provisionalmente a delimitación do solo de núcleo rural, coas incorporacións dos informes sectoriais emitidos.

Consta informe xurídico municipal, do 7 de decembro de 2020. O 19 de xaneiro de 2021 o Servizo Provincial de Urbanismo de Ourense da CMATV ditou requirimento ao Concello onde sinalaba unha serie de deficiencias que cumpría emendar. Consta un novo informe técnico municipal do 24 de maio de 2021 e novo informe xurídico municipal do 28 de maio de 2021.

O Pleno municipal do 3 de xuño de 2021 aprobou de novo provisionalmente a delimitación do solo de núcleo rural, coas correccións efectuadas no documento, especialmente as referentes á adaptación ás Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia.

O 9 de agosto de 2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ditou requirimento ao Concello en que sinalaba unha serie de deficiencias que se debían corrixir.

O Pleno municipal do 8 de marzo de 2022 aprobou provisionalmente o documento refundido da delimitación do solo de núcleo rural, coas novas correccións efectuadas no documento.

II. Análise da delimitación de solo de núcleo rural.

II.1. O ámbito de actuación é o núcleo rural do Pereiro, situado ao norte do municipio, a dous quilómetros da capital municipal. Abrangue unha superficie de 41.321 m², e asígnaselle a todo o ámbito a categoría de núcleo rural tradicional.

II.2. O obxecto do proxecto é a delimitación do núcleo rural do Pereiro coa categoría de núcleo rural tradicional e a súa regulación urbanística conforme o procedemento disposto na disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), en relación co punto segundo da disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

II.3. No novo documento corrixido e refundido as condicións de edificación da ordenanza de solo de núcleo rural tradicional, específica para o núcleo rural do Pereiro, adecúanse á tipoloxía de vivenda acaroada ou entre medianeiras (tipoloxía predominante segundo a análise do asentamento poboacional), fíxase a fachada mínima e o fondo máximo permitidos e modifícase a condición de parcela mínima para adecuala á realidade existente. Tamén se indica que a ocupación e edificabilidade máxima permitidas serán as resultantes de aplicar as demais condicións de edificación. O antigo plano de ordenación número 3 -reportaxe fotográfica- incorpórase aos planos de información como plano número 5.

II.4. Na memoria xustificativa e no catálogo de elementos que se deben protexer exclúense os bens catalogados: 07/2.1-02 (capela da Nosa Señora de Loreto), 07/3-01 (fonte da Mina), 07/3-02 (fonte de Loreto), 07/3-12 (muíño Novo) e 07/3-013 (muíño de Andrés González), por non estaren incluídos no núcleo nin afectar o seu contorno de protección. Porén, inclúense entre os bens catalogados o 07/2.3-03 (Casa da Inquisición) e o 07/3-11 (muíño da Ponte), identificándoos no plano de ordenación número 1. Tamén se identifica no citado plano o ben catalogado 07/3-06 (fonte Fontela).

No punto 6 -ámbito do plan especial de protección- das normas urbanísticas fíxase un prazo para a formulación do plan especial de protección da totalidade do núcleo.

II.5. Na memoria xustificativa exclúense como dotacións, por non formaren parte do núcleo, a capela de Nosa Señora de Loreto e o cemiterio. Porén, no plano de ordenación número 1 suprímese o equipamento (teleclub), de titularidade pública, recollido na memoria xustificativa, que deberá grafarse novamente, sen definir o carácter de sistema local ou de sistema xeral da dotación.

III. Resolución.

Visto canto antecede e en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a delimitación do solo de núcleo rural do Pereiro, do concello da Mezquita, e deberá darse cumprimento ao sinalado no punto II.5.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, esta Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a delimitación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. Notifíqueselle ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa da delimitación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Contra esta resolución cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2022

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo