Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Luns, 2 de maio de 2022 Páx. 26089

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 30 de abril de 2022 pola que se ditan normas que determinan os servizos mínimos durante a folga no ámbito do ensino público convocada para o día 3 de maio de 2022.

O exercicio do dereito de folga queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG do 20 de xuño), entre os que se atopa a educación.

O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos e o persoal preciso para prestalos.

A organización sindical CUT comunicou a esta consellería a convocatoria dunha folga prevista para o día 3 de maio de 2022, desde as 00.00 ás 24.00 horas, convocatoria dirixida a todo o persoal docente ao servizo dos centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais, que se concretan e xustifican nesta orde.

O servizo esencial da educación non pode ser reducido exclusivamente á actividade docente, xa que, xunto con esta actividade docente, se realizan outras funcións como son a vixilancia e coidado dos nenos e nenas, menores de idade, que acoden aos centros docentes, así como o coidado, mantemento e vixilancia das instalacións destinadas ao servizo público educativo.

Con carácter xeral, o artigo 39 da Constitución depara unha protección especial aos menores. Dun xeito máis específico, a Lei galega 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, dispón no seu artigo 7 que o alumnado ten dereito a que se respecte a súa identidade, integridade e dignidade persoal, e á protección integral contra toda agresión física e moral. Polo tanto, a custodia e seguridade dos menores de idade que accedan a un centro docente, o cumprimento dos principios constitucionais mencionados e dos dereitos citados é unha responsabilidade ineludible e parte indivisible do dereito esencial á educación.

O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores, dada a súa entidade, debe exercerse continuamente. Como servizo mínimo para garantilos establécese que os centros docentes permanezan abertos no seu horario habitual, coa necesaria presenza nos ditos centros do/da director/a ou, de ser o caso, doutro membro do equipo directivo que o/a substitúa, xa que tales membros do equipo directivo teñen a representación do centro e garanten o cumprimento das leis e demais disposicións vixentes, como sinalan as alíneas a) e d) do artigo 132 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e polo tanto están capacitados e facultados para resolver calquera incidencia respecto da seguridade dos menores de idade. Así mesmo, consonte a normativa citada, o director ou directora tamén está facultado e capacitado para resolver calquera incidencia que se poida producir respecto do conxunto dos bens que integran un centro docente.

Se o que acabamos de dicir son razóns que sosteñen a necesidade de fixar servizos mínimos ante calquera convocatoria de folga no ámbito do persoal docente en centros educativos non universitarios, neste caso atopámonos, como é notorio para todos, ante unhas circunstancias extraordinarias, como é a situación sanitaria en que estamos como consecuencia da pandemia internacional provocada polo coronavirus SARS-CoV-2 que causa a COVID-19.

O artigo 43.1 da Constitución recoñece o dereito á protección da saúde, mentres que o número 2 dese artigo sinala que compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas. Pois ben, os servizos mínimos que se deben fixar para esta convocatoria de folga deben ser tales que permitan o cumprimento efectivo das medidas preventivas fixadas polos diferentes instrumentos regulatorios aprobados polas autoridades, pois con eles non só se protexe a saúde dos usuarios do servizo público educativo senón toda a poboación en xeral, como medidas destinadas a evitar a propagación da pandemia, evitar a propagación do coronavirus SARS-CoV-2 e, con iso, a infección pola COVID-19. Entre eses instrumentos regulatorios cómpre salientar a Orde comunicada da ministra de Sanidade, do 4 de xuño de 2021, ditada baixo o abeiro do artigo 65 da Lei 26/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, e a versión do 1.10.2021 do Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2021/22, publicado na páxina web corporativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Destes instrumentos regulatorios é mester mencionar medidas preventivas vixentes tales como o mantemento de distancias de seguridade ou a hixiene de mans, que o alumnado menor de idade ou con necesidades educativas especiais non realizará por iniciativa propia, senón que precisará o estímulo e vixilancia do persoal do centro; ou as medidas de ventilación das instalacións.

En precedentes convocatorias de folga durante a situación de emerxencia sanitaria provocada polo SARS-CoV-2 fixáronse, respecto do persoal docente, como servizos mínimos, ademais da persoa que exerza a dirección, 1 profesor ou profesora por cada grupo de alumnos en calquera tipo de centro. Agora ben, a incidencia da pandemia non está neste momento nun nivel álxido e isto é así grazas ao proceso de vacinación e ao cumprimento pola maior parte da sociedade das medidas preventivas vixentes, situación actual da que é un exemplo paradigmático o recente cambio nas normas respecto da obriga do uso da máscara. No entanto, con todo, o risco epidemiolóxico non desapareceu totalmente, polo que é preciso o mantemento das medidas preventivas vixentes, o que implica que non podemos relaxar totalmente o cumprimento daquelas no contexto dos centros educativos, mesmo nunha folga dun só día, pois neses centros hai unha asistencia masiva de persoas, entre usuarios e profesionais, polo que o efectivo cumprimento das medidas preventivas nos centros educativos constitúe unha garantía para manter a incidencia da pandemia nos niveis actuais ou mesmo menores. Ao fío disto, téñase presente tamén que precisamente aos centros educativos acode cada día un colectivo significativo de persoas que non están vacinadas como son os menores de cinco anos.

Pois ben, tendo presente o anterior e que a convocatoria de folga só abrangue o persoal docente, consideramos que neste contexto debemos fixar uns servizos mínimos inferiores aos fixados nas convocatorias precedentes, sen que sexan tales como os que se determinaban antes da irrupción da COVID-19. Consideramos isto imprescindible para o cumprimento das medidas preventivas vixentes, tanto as que corresponden individualmente aos usuarios, alumnado menor de idade, que como tal exixe un continuo seguimento polo persoal docente para tal efecto, como as medidas de carácter xeral, das que salientamos, pola súa probada eficacia, as medidas de ventilación, e que implican a todos os profesionais do centro. En calquera caso, distinguimos entre as diferentes etapas educativas, por canto a diferente idade e circunstancias do alumnado implica unha necesidade menor de vixilancia e atención por parte dos profesionais do centro educativo. Así, respecto dos centros de educación especial fíxase como servizos mínimos a ratio de 1 docente por cada 3 unidades ou grupos de alumnos, para os centros que imparten educación infantil e primaria fíxase unha ratio de 1 docente por cada 4 unidades ou grupos de alumnos, e para os centros que imparten educación secundaria obrigatoria e bacharelato fíxase unha ratio de 1 docente por cada 5 unidades ou grupos de alumnos. Nos centros rurais agrupados, con edificios en diferentes localidades resulta necesario a presenza mínima de 1 docente en cada localidade. De acordo coa normativa citada e cos argumentos expostos, e despois de dar a oportunidade ao Comité de Folga de ser escoitado,

DISPOÑO:

Artigo 1. Servizos mínimos nos centros docentes dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade

1.1. A persoa titular da dirección ou membro do equipo da dirección que o substitúa en cada centro educativo, con independencia das ensinanzas que imparta. Nos centros de menos de 6 unidades o/a director/a poderá ser substituído/a por un membro do equipo docente.

1.2. Nos colexios rurais agrupados: 1 docente en cada localidade.

1.3. Nos centros de educación especial: 1 docente por cada 3 unidades/grupos ou fracción.

1.4. Nos centros en que se imparten ensinanzas de educación infantil e/ou primaria: 1 docente por cada 4 unidades/grupos ou fracción.

1.5. Nos centros en que se imparten ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e/ou bacharelato: 1 docente por cada 5 unidades/grupos desa etapa educativa ou fracción.

1.6. Nos centros residenciais docentes: 1 docente por quenda.

1.7. En todo caso, quedará garantida a apertura e peche de todos os centros.

Artigo 2. Designación nominal dos empregados

A designación nominal do persoal que deberá cubrir os distintos servizos relacionados no artigo 1 será feita pola dirección do centro respectivo e publicarase no taboleiro de anuncios do centro.

Artigo 3. Garantía dos usuarios

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos docentes.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade