Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 27 de abril de 2022 Páx. 25564

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Sada

ANUNCIO de aprobación do convenio urbanístico para a execución de vía pública en Mosteirón.

O Pleno na súa sesión ordinaria do 27 de maio de 2021 adoptou, entre outros, o acordo que a continuación se transcribe literalmente na súa parte dispositiva:

«Convenio urbanístico para a execución de vía pública en Mosteirón, 9, Mosteirón. Ref. catastral 000401100NH59H0001QJ.

Único. Aprobar o texto definitivo do convenio urbanístico para a execución de vía pública en Mosteirón, 9, Mosteirón (referencia catastral 000401100NH59H0001QJ) que, para o seu perfeccionamento e efectos, deberá ser asinado por Juan Rodríguez Couce e Antonia Fernández Sabio».

Sada, 1 de abril de 2022

Óscar Benito Portela Fernández
Alcalde

ANEXO I

Texto do convenio

Convenio urbanístico para a cesión e urbanización
dunha vía en Mosteirón, Sada

En Sada, 6 de setembro de 2021

Reunidos:

Dunha parte:

Óscar Benito Portela Fernández, na súa condición de alcalde presidente do Concello de Sada, en nome e representación deste, en exercicio das atribucións que lle confire a lexislación de réxime local.

Doutra:

José Rodríguez Couce, con NIF 76287600G, e Antonia Fernández Sabio, con NIF 32397322M, casados en réxime de gananciais, ambos os dous con enderezo para efectos de notificacións na avenida da Mariña, 12-5º, 15160 Sada, en nome e representación de si mesmos.

As partes recoñécense mutuamente capacidade legal suficiente para o outorgamento e formalización do presente convenio urbanístico e para cuxos efectos:

Expoñen:

I. Que Juan Rodríguez Couce e Antonia Fernández Sabio (en diante, a propiedade) son propietarios en pro indiviso dun predio situado no núm. 9 do lugar de Mosteirón, parroquia de Osedo, con referencia catastral 000401100NH59H0001QJ e superficie real de 2.840 m², inscrita no Rexistro da Propiedade ao tomo 2219, libro 439, folio 129, predio rexistral núm. 29.103.

II. Que o predio está clasificado no vixente Plan xeral de ordenación municipal de Sada (en diante, PXOM) como solo de núcleo rural común, na zona de aplicación da Ordenanza NRC-1. A parcela presenta aliñacións a vías polos seus lindes norte e leste. Ben que as vías de sistema local que o PXOM reflicte polo linde leste son hoxe unha servidume de paso que afecta a propiedade.

III. Que con data do 17 de marzo de 2020 a propiedade presentou no Concello solicitude de licenza para obras de urbanización e peche de predio.

Con data do 12 de setembro de 2019, o técnico municipal emite informe desfavorable sobre a dita solicitude con base nas seguintes cuestións:

– Existe diverxencia gráfica entre a cartografía do PXOM e o levantamento taquimétrico do predio, motivo polo cal compre axustar as aliñacións á realidade física representada con máis precisión no levantamento.

– Na solicitude de licenza preténdese acometer unha parcelación como resultado da aplicación literal das aliñacións do PXOM sobre o levantamento, sen o axuste necesario á cartografía de detalle, o que deriva na división do predio orixinal en dúas partes a cada lado da vía e, mesmo, a cesión da vía, cuestión que excede a capacidade dun proxecto de obras para a urbanización da vía e o peche do predio.

IV. Coa finalidade de acometer a execución do PXOM de Sada e de dar saída as pretensións da propiedade de parcelar e/ou edificar seguindo os procedementos regrados na lexislación urbanística, formúlase o presente convenio de execución de planeamento con base nas seguintes

Estipulacións:

A. Compromisos da propiedade.

Primeira. A propiedade comprométese a redactar e presentar ante o Concello un estudo de detalle coa finalidade de axustar as aliñacións previstas no PXOM á realidade física representada nun levantamento taquimétrico. Tanto a cartografía do PXOM empregada no estudo de detalle como o novo levantamento estarán en sistema de referencia de coordenadas ETRS89 fuso 29N. O estudo de detalle estará adaptado ás Normas técnicas de planeamento de Galicia.

O estudo de detalle reflectirá graficamente con precisión os terreos que serán obxecto de cesión por estaren destinados ás vías previstas no PXOM de Sada.

Segunda. A propiedade comprométese a ceder gratuitamente ao Concello de Sada os terreos destinados a sistema local viario do xeito descrito no estudo de detalle aprobado definitivamente. Xúntase, como documento anexo a este convenio, plano do estudo de detalle en que se describe graficamente o sistema viario que será obxecto de cesión gratuíta ao Concello.

Terceira. A propiedade, unha vez entre en vigor o estudo de detalle, presentará o proxecto de obras ordinarias que recolla as actuacións de urbanización da nova vía e as conexións das novas redes de servizos coas existentes en Mosteirón, co contido e determinacións do PXOM de Sada, e a solicitar a correspondente licenza para a execución das obras ordinarias de urbanización e conexión coas redes de servizos municipais existentes.

Cuarta. Tras a concesión da licenza, a propiedade comprométese á realización das obras ata a súa finalización e a entregalas ao Concello debidamente urbanizadas.

Así mesmo, a propiedade comprométese á conservación e mantemento das obras de urbanización polo prazo de cinco anos contados desde a recepción das obras polo Concello.

B. Compromisos do Concello.

Quinta. O Concello comprométese a tramitar os documentos presentados pola propiedade coa máxima celeridade posible.

O Concello tramitará simultaneamente o presente convenio e o estudo de detalle para axustar as aliñacións previstas no PXOM á realidade física.

Unha vez subscrito o convenio e aprobado inicialmente o estudo de detalle, someteranse conxuntamente ao trámite de información pública, de acordo co disposto nos artigos 80 e 168 da LSG.

Sexta. O Concello, condicionado ao cumprimento dos compromisos da propiedade expresados no presente convenio e, consonte o estipulado nos artigos 24, puntos 2 e 3, e 129.1 da LSG, incorporará no seu patrimonio público a cesión da vía descrita no estudo de detalle aprobado definitivamente, e recepcionará as obras de urbanización segundo o disposto nos artigos 96.5 da LSG e 321 do RLSG.

C. Incumprimento do convenio.

Sétima. En caso de incumprimento pola propiedade das obrigas derivadas da sinatura do presente convenio o Concello non poderá asumir no seu patrimonio a cesión do solo para vías e, polo tanto, considerarase que a propiedade non reúne os requisitos legais para ter o dereito a parcelar e/ou edificar.

D. Validez e resolución do convenio.

Oitava. Unha vez aprobado definitivamente o estudo de detalle e o texto definitivo do convenio urbanístico polo Pleno do Concello de Sada, será asinado polas persoas interesadas para o seu perfeccionamento, de conformidade co disposto no artigo 168 da LSG e no artigo 401 do RLSG.

O acordo de aprobación definitiva do estudo de detalle e o texto íntegro do convenio, xunto co seu acordo de aprobación, publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

O presente convenio terá vixencia ata que as partes cumpran as obrigacións asumidas.

O convenio perderá vixencia no suposto de producirse algún cambio na lexislación urbanística con prescricións contrarias ao seu contido.

O incumprimento por calquera das partes das estipulacións establecidas neste documento facultará a outra para instar a súa resolución.

E para que conste e sirva para os efectos, asínase o presente convenio por duplicado exemplar, e para un só efecto, no lugar e data ao principio indicados, dando fe a secretaria do Concello.

ANEXO II

Plano

missing image file