Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 20 de abril de 2022 Páx. 24012

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 8 de abril de 2022 pola que se convoca a primeira práctica do Plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas.

Dentro das actividades programadas para o ano 2022 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria da primeira práctica do Plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas dos/das policías locais de Galicia, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Obxectivos:

– Facilitar o cumprimento do disposto no artigo 11.4 da Lei 4/2007 de coordinación de policías locais.

– Dispor de persoal actualizado nas prácticas de armamento e tiro policial de defensa.

– Controlar a práctica anual e regulamentaria do cadro de persoal mediante un control e unha cartilla de tiro individual.

– Establecer distintos niveis para categorías de tirador, segundo a seguridade e habilidade que demostren no manexo das armas.

Destinatarios/as:

A actividade vai dirixida aos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan interese en cumprir co disposto no artigo 11.4 da Lei 4/2007, relativo a garantir unha adecuada preparación no uso da arma regulamentaria para o persoal dos corpos da Policía Local.

Para tal fin, a Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública establece un plan anual de adestramento en que se inclúen dúas prácticas anuais para o persoal dos concellos interesados.

Solicitudes:

Os concellos interesados deberán remitir o formulario que se atopa na páxina web http://agasp.xunta.gal á Academia Galega de Seguridade Pública, antes do día 29 de abril de 2022.

As solicitudes deberán presentarse a través do correo electrónico formacion.agasp@xunta.gal e indicarase no asunto: Plan de tiro 2022, ou ben a través do rexistro electrónico.

As solicitudes deberán estar autorizadas pola alcaldía, concellaría ou xefe/a de persoal, segundo proceda.

Todos aqueles concellos que adquirisen recentemente armas regulamentarias para a policía local terán preferencia para efectuar as prácticas regulamentarias, indispensables para un mellor coñecemento da nova arma e a adquisición da destreza suficiente para o seu manexo coa seguridade e habilidade necesarias.

Medios:

Para o desenvolvemento da actividade o alumnado deberá traer cadansúa arma regulamentaria da dotación e a munición correspondente para as prácticas. A Academia Galega de Seguridade Pública nomeará o profesorado e persoal instrutor necesarios.

Determinación da data das prácticas.

A primeira práctica do plan terá lugar:

– Os días 6, 10, 13, 20, 24, 27 e 31 de maio, e 3, 7,10 e 14 de xuño, das 10.00 ás 20.30 horas.

– Os días 4, 25 e 26 de maio, e 1, 2, 8, 9 e 15 de xuño será das 16.00 ás 20.30 horas.

Configurado o calendario segundo as solicitudes recibidas, comunicarase aos concellos coa finalidade de que pola súa vez informen con antelación suficiente da relación nominal do persoal participante na práctica.

Control e cartilla de tiro:

O control das prácticas do persoal será xestionado conxuntamente pola Academia Galega de Seguridade Pública e a persoa designada polo concello.

Estableceranse niveis segundo a categoría e habilidade que cada tirador/a amose nos aspectos tanto de seguridade como de manexo coas armas, niveis aos cales irá accedendo paulatinamente cada policía, se é o caso. Estes niveis constarán na cartilla ou documento de control que se dispoña para as prácticas de tiro, tal e como se indicaba no punto anterior.

Lugar:

As prácticas desenvolveranse na galería de tiro da Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Modificacións:

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do plan anual de actualización para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 8 de abril de 2022

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública