Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 20 de abril de 2022 Páx. 24010

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se dá publicidade do esgotamento de crédito do Programa I da Orde do 20 de xullo de 2021, pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I de axudas á promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e do Programa II de axudas ás persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (Diario Oficial de Galicia número 148, do 4 de agosto).

Primeiro. A Orde do 20 de xullo de 2021 para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I de axudas a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, pola que se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (Diario Oficial de Galicia número 148, do 4 de agosto), establece no seu artigo 4 que a concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. E de ser o caso, de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

Segundo. A Orde do 20 de xullo de 2021 establece no seu artigo 4.3 que a distribución provincial de créditos será directamente proporcional á porcentaxe de paro rexistrado en cada provincia no 31 de decembro de 2020, segundo os datos rexistrados no Servizo Público de Emprego de Galicia. Se o orzamento asignado a cada provincia non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade o da presentación en cada ámbito provincial.

Para estes efectos terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentou de acordo co previsto no artigo 7 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entres dúas ou máis solicitudes presentadas que correspondan ao mesmo ámbito provincial, a orde de prioridade virá determinada pola hora.

Terceiro. A Orde do 20 de xullo de 2021 establece no seu artigo 4.1 que se financiará cos seguintes créditos:

Programa I: aplicación orzamentaria 11.04.322C.472.0, cun crédito de 11.200.000 €.

En virtude do anterior, a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, por delegación da conselleira,

RESOLVE:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do esgotamento do crédito con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.472.0, ao abeiro do Programa I da Orde do 20 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas á promoción do emprego autónomo e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, e da repartición provincial da contía con base no paro rexistrado o 31 de decembro de 2020:

Provincia da Coruña: correspóndelle unha contía de 4.480.000 €, polo que a derradeira solicitude que se puido conceder antes do esgotamento de crédito foi a TR341D/2021/463-1, presentada na sede electrónica nos termos recollidos no punto 7 do artigo 11 da convocatoria o día 4.10.2021, ás 16.18 horas.

Provincia de Lugo: correspóndelle unha contía de 1.120.000 €, polo que a derradeira solicitude que se puido conceder antes do esgotamento de crédito foi a TR341D/2021/409-2, presentada na sede electrónica nos termos recollidos no punto 7 do artigo 11 da convocatoria o día 6.8.2021, ás 9.48 horas.

Provincia de Ourense: correspóndelle unha contía de 1.232.000 €, polo que a derradeira solicitude que se puido conceder antes do esgotamento de crédito foi a TR341D/2021/569-3, presentada na sede electrónica nos termos recollidos no punto 7 do artigo 11 da convocatoria o día 9.9.2021, ás 18.15 horas.

Provincia de Pontevedra: correspóndelle unha contía de 4.368.000 €, polo que a derradeira solicitude que se puido conceder antes do esgotamento de crédito foi a TR341D/2021/2093-5, presentada na sede electrónica nos termos recollidos no punto 7 do artigo 11 da convocatoria o día 13.9.2021, ás 12.23 horas.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2022

Covadonga Toca Carús
Directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social