Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Martes, 12 de abril de 2022 Páx. 23102

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan a UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV Chantada-Cementos Oural DAR AP27-AP57, no concello do Saviñao (expediente 52/2021 AT).

Feitos:

1. O 4.6.2021, UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD) presentou, ante a Xefatura Territorial de Lugo desta consellería (en diante, xefatura territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV Chantada-Cementos Oural DAR AP27-AP57, no termo municipal de O Saviñao (Lugo), a que se lle asignou o número de expediente 52/2021 AT.

Esta solicitude acompañouse da seguinte documentación técnica, de conformidade coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica:

• Proxecto de execución denominado LAT 132 kV Chantada-Cementos Oural DAR AP27-AP57, asinado pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada nº 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio, con nº 202100157 e data do 20.1.2021, e en que figura un orzamento de execución material de 108.168,91 euros.

• Declaración responsable, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, asinada pola dita enxeñaira industrial o 22.12.2020.

• Separatas técnicas do proxecto de execución para as entidades afectadas: Concello do Saviñao e Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).

A infraestrutura eléctrica proxectada ten por obxecto a corrección de varios defectos antirregulamentarios detectados na LAT 132 kV Chantada-Oural, pertencente a UFD e cuxa autorización data do 20.12.1966, outorgada para unha tensión de 66 kV pola Resolución da Delegación Provincial de Lugo do Ministerio de Industria. Posteriormente, a Dirección Xeral da Enerxía do dito ministerio autorizou o cambio de tensión a 132 kV, mediante a Resolución do 21 de novembro de 1975.

En concreto, proxéctanse os seguintes traballos nos vans comprendidos entre varios apoios (27-28, 36-38, 49-50 e 56-57) da LAT 132 kV Chantada-Oural:

Van

Defectos que se corrixen

Traballos que se van realizar

27-28

Distancia ao terreo

• Substituír o apoio 27 polo novo apoio 27N, que se instalará baixo traza a 3 m do existente en sentido ao apoio 26.

• Substituír o apoio 28 polo novo apoio 28N, que se instalará baixo traza a 3 m do existente en sentido ao apoio 29.

• Tender novos condutores LA-180 no van 27N-28N e regular condutores existentes nos vans 26N-27N e 28N-29.

36-38

Distancia ao terreo

• Substituír o apoio 37 polo novo apoio 37N, que se instalará baixo traza a 5,8 m do existente en sentido ao apoio 38.

• Regular condutores existentes nos vans 36-37N e 37N-38.

49-50

Distancia ao terreo

• Substituír o apoio 50 polo novo apoio 50N, que se instalará baixo traza a 3 m do existente en sentido ao apoio 51.

• Regular cables existentes nos vanos 49-50N e 50N-51.

56-57

Distancia a estrada

• Aquí realízase un recuamento, onde se deben desmantelar os apoios 55, 56, 57 e 58.

• Instalaranse os apoios 55N, 56N, 57N e 58N.

• Tenderanse novos condutores LA-180 no tramo 55N-58N e regularanse os condutores existentes nos vans 54-55N e 58N-59.

2. Con datas do 16.6.2021 e do 17.6.2022, a xefatura territorial trasladou as separatas técnicas do proxecto de execución, respectivamente, ao Concello do Saviñao e á AXI, para os efectos de obter os seus informes a respecto da autorización da referida infraestrutura eléctrica. Estas dúas entidades emitiron informes favorables co seu condicionado técnico, dos que se deu traslado a UFD, quen presentou a súa conformidade con eles.

3. O 26.7.2021, UFD completou a documentación presentada inicialmente cunha separata técnica do proxecto de execución para unha nova entidade afectada, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. A xefatura territorial, o 27.7.2021, trasladou esta separata técnica á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para os efectos de obter o seu informe a respecto da autorización da referida infraestrutura eléctrica. Esta entidade ditou resolución de autorización da referida infraestrutura eléctrica, da que se deu traslado a UFD, quen presentou a súa conformidade con ela.

4. O 19.11.2021, UFD, co obxecto de corrixir unha serie de deficiencias sinaladas nun requirimento da xefatura territorial, presentou o seguinte proxecto de execución en substitución do presentado inicialmente:

• Proxecto de execución denominado LAT 132 kV Chantada -Cementos Oural DAR AP27-AP57, asinado pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada nº 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio, con nº 202100157 e data do 29.10.2021, e en que figura un orzamento de execución material de 91.393,73 euros.

5. O 2.3.2022, a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do expediente 52/2021 AT, deu traslado del á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para os efectos de ditar a oportuna resolución. A xefatura territorial incorporou ao expediente o informe dos seus servizos técnicos, o 15.2.2022, en que se informa favorablemente o proxecto de execución da referida infraestrutura eléctrica para a autorización administrativa e de construción.

Consideracións legais e técnicas:

1. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no artigo 20 do Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 5, do 11 de xaneiro de 2021), e no artigo único do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro de 2017).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é a seguinte:

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

• Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

• Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (DOG núm. 54, do 19 de marzo de 2014).

3. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe o 15.2.2022, en que se informa favorablemente o proxecto de execución da referida infraestrutura eléctrica para a autorización administrativa e de construción.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

Outorgar a UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV Chantada-Cementos Oural DAR AP27-AP57, no termo municipal do Saviñao (Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado LAT 132 kV Chantada-Cementos Oural DAR AP27-AP57, asinado pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada nº 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio, con nº 202100157 e data do 29.10.2021; e en que figura un orzamento de execución material de 91.393,73 euros.

2. UFD asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora realizará os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

7. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2022

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais