Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Martes, 12 de abril de 2022 Páx. 23108

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e de construción do proxecto de ampliación das instalacións electromecánicas do interior do edificio da central hidroeléctrica de Cerves que Naturgy Renovables, S.L.U. promove nos concellos de Melón e Ribadavia (Ourense).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Hidroeléctrica del Giesta, S.L., como sociedade arrendataria da central hidroeléctrica de Cerves, situada nos concellos de Melón e Ribadavia (Ourense), en nome de Naturgy Renovables, S.L.U., como sociedade titular da central, en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do proxecto de ampliación das instalacións electromecánicas do interior do edificio da central hidroeléctrica de Cerves, constan os seguintes:

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 1 de outubro de 1990, a Confederación Hidrográfica do Norte resolveu outorgar a favor de Unión Eléctrica de Fenosa, S.A. a concesión do aproveitamento hidroeléctrico de 1000 l/s de augas do río Cerves.

Segundo. O 26 de febreiro de 1993, Unión Eléctrica de Fenosa, S.A. e Hidroeléctrica del Giesta, S.R.L. subscribiron un contrato de arrendamento da concesión denominada aproveitamento hidroeléctrico do río Cerves no tramo de río comprendido entre a cota 387,15 metros e a desembocadura do río Miño.

Terceiro. O 22 de febreiro de 1994, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu conceder autorización administrativa das instalacións electromecánicas da central denominada central hidroeléctrica de Cerves, no río Cerves, nos concellos de Ribadavia e Melón da provincia de Ourense, e aprobar o proxecto de execución das devanditas instalacións electromecánicas a favor da empresa titular da concesión Unión Eléctrica Fenosa, S.A., expediente número OR-3.802 AT (DOG nº 73, 18 de abril).

Cuarto. O 29 de xullo de 1998, a Confederación Hidrográfica do Norte resolveu tomar razón do arrendamento a favor da Sociedade Hidroeléctrica del Giesta, S.R.L. do aproveitamento concedido a Unión Eléctrica Fenosa, S.A. do río Cerves, nos termos municipais de Melón e Ribadavia, na provincia de Ourense.

Quinto. O 29 de xuño de 1999, a Confederación Hidrográfica do Norte resolveu outorgar unha modificación de características da central hidroeléctrica co fin de incrementar o caudal de derivación ata 2.200 l/s cunha nova potencia instalada de 4.925 kW.

Sexto. O 12 de xullo de 1999, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu autorizar as instalacións electromecánicas e aprobar o proxecto de execución da central hidroeléctrica de Cerves, no río Cerves, termos municipais de Melón e Ribadavia, provincia de Ourense, expediente IN408A 3802 AT modificado (DOG nº 156, do 13 de agosto), titularidade de Unión Eléctrica Fenosa, S.A., coas seguintes características técnicas:

– Unha turbina Pelton de eixe vertical, caudal nominal de 2.200 l/s, velocidade nominal de 600 r.p.m. e salto neto de 275,73 metros.

– Un xerador síncrono trifásico de 5.000 kVA de potencia, tensión nominal de 6.000 V e frecuencia 50 Hz.

– Un transformador de potencia trifásico de 6.500 kVA, relación de transformación 6/20 kV.

– Instalacións de medida, control, protección e manobra.

Sétimo. O 29 de xullo de 1999, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu incluír no réxime especial regulamentado polo Real decreto 2818/1998 a central hidroeléctrica de Cerves, no río Cerves, termo municipal de Melón (Ourense), a nome de Hidroeléctrica del Giesta, S.R.L., como empresa arrendataria da central hidroeléctrica.

Oitavo. O 23 de maio de 2000, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Ourense resolveu autorizar a posta en marcha da central hidroeléctrica do Cerves, figurando como empresa titular Unión Fenosa, S.A. e como empresa arrendataria Hidroeléctrica del Giesta, S.R.L.

Noveno. O 23 de xuño de 2000, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu efectuar a inscrición definitiva da central hidroeléctrica de referencia no Rexistro de Instalacións de Produción Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995, ao abeiro do sinalado no Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre produción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración, a nome de Hidroeléctrica del Giesta, S.R.L., co número de rexistro RE-00-58.

Décimo. O 27 de xullo de 2012, a Secretaría de Estado do Medio Ambiente emite resolución sobre a avaliación de impacto ambiental do proxecto, en que resolve que, de acordo co texto refundido da Lei de avaliación do impacto ambiental de proxectos, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, non se considera necesaria a tramitación prevista na sección 1ª do capítulo II da dita lei (BOE nº 198, do 18 de agosto).

Décimo primeiro. O 22 de decembro de 2020, Hidroeléctrica del Giesta, S.L., en nome de Naturgy Renovables, S.L.U., solicita ante esta dirección xeral a autorización administrativa previa de modificación das instalacións electromecánicas da central hidráulica do Río Cerves, situada nos concellos de Melón e Ribadavia (Ourense).

Décimo segundo. O 26 de maio de 2021, a Dirección Xeral de Augas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico resolveu autorizar a modificación de características esenciais da concesión de augas públicas do río Cerves, nos termos municipais de Melón e Ribadavia (Ourense), con destino á produción de enerxía eléctrica no Salto do Cerves, outorgada pola Resolución da Confederación Hidrográfica do Norte do 1 de outubro de 1990, coas seguintes características:

– Río: Cerves.

– Concellos: Melón e Ribadavia (Ourense).

– Tipo de explotación: fluínte.

– Caudal máximo instantáneo: 3.300 l/s.

– Volume máximo anual: 40,02 Hm3.

– Salto bruto: grupo I: 315,88 m; grupo II: 312,90 m.

– Potencia total (grupo I + grupo II): 8.095 kW.

Décimo terceiro. O 17 de xuño de 2021, a Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación resolveu someter a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción do proxecto de ampliación das instalacións electromecánicas do interior do edificio da central hidroeléctrica de Cerves, nos concellos de Melón e Ribadavia (expediente IN408A 2021/1-3), e publícase no Diario Oficial de Galicia nº 119, do 24 de xuño, e no Diario Oficial de Galicia nº 124, do 1 de xullo, publícase unha corrección de erros da citada resolución de información pública, non presentándose dentro do prazo establecido ningunha alegación contraria ao proxecto. As características técnicas principais do citado proxecto de ampliación das instalacións electromecánicas son as seguintes:

Instalacións electromecánicas:

– Grupo I. Turbina Pelton de eixo vertical, potencia máxima de 5.955 kW e caudal nominal de 2.300 l/s, acoplada a un xerador síncrono trifásico de 5.660 kW de potencia.

– Grupo II (novo grupo). Turbina Pelton de eixe horizontal, potencia máxima de 2.562 kW e caudal nominal de 1.000 l/s, acoplada a un xerador síncrono trifásico de 2.435 kW de potencia.

– Transformador de potencia trifásico de 10.000 kVA; r.d.t. 20/6 kV.

– Transformador para servizos auxiliares 50 kVA; r.d.t. 20/0,400 kV.

– Equipamento auxiliar de protección, control, telemando e medida da enerxía eléctrica producida pola central.

Décimo cuarto. O 20 de setembro de 2021, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Ourense emitiu informe favorable sobre a autorización administrativa previa e de construción do proxecto de ampliación de referencia.

Décimo quinto. O 17 de novembro de 2021, Hidroeléctrica del Giesta, S.L. presentou documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo sexto. O 21 de febreiro de 2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais resolveu autorizar o cambio de titularidade e subrogación dos dereitos e obrigas asumidos en virtude da autorización administrativa outorgada para a central hidroeléctrica de Cerves que Unión Eléctrica Fenosa, S.A. posúe nos concellos de Melón e Ribadavia (Ourense) a favor de Naturgy Renovables, S.L.U.

Décimo sétimo. A ampliación do aproveitamento hidroeléctrico de referencia conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha ampliación de potencia de 3.095,0 kW, de acordo co informe do xestor da dita rede do 10 de xuño de 2020.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 2 do Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, estrutura a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en diversos órganos superiores e de dirección.

Segundo. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 20 do Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que atribúe á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da Vicepresidencia Segunda e Consellería en materia de enerxía, minas, administración e seguridade industrial, solo industrial, metroloxía e metais preciosos.

Terceiro. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas previstas na mencionada lei ou modificación das existentes requirirá de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado, correspondéndolle o seu outorgamento á Administración autonómica.

Cuarto. De acordo co Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle á dirección xeral competente en materia de enerxía a competencia para outorgar a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción desta instalación.

Quinto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa á sociedade Naturgy Renovables, S.L.U. (B84160423) para a ampliación das instalacións electromecánicas do interior do edificio da central hidroeléctrica de Cerves da súa titularidade situada nos concellos de Melón e Ribadavia (Ourense) segundo o correspondente proxecto.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción da ampliación das instalacións electromecánicas do interior do edificio da devandita central hidroeléctrica segundo o proxecto de execución denominado proxecto electromecánico do proxecto de mellora do interior do edificio da central do río Cerves e aumento do caudal, termos municipais de Melón e Ribadavia (Ourense), asinado polo enxeñeiro industrial Antonio López Guisande, colexiado nº 1196 do ICOIIG.

As características técnicas principais do proxecto son as seguintes:

Instalacións electromecánicas:

– Grupo I. Turbina Pelton de eixe vertical, potencia máxima de 5.955 kW e caudal nominal de 2.300 l/s, acoplada a un xerador síncrono trifásico de 5.660 kW de potencia.

– Grupo II (novo grupo). Turbina Pelton de eixe horizontal, potencia máxima de 2.562 kW e caudal nominal de 1.000 l/s, acoplada a un xerador síncrono trifásico de 2.435 kW de potencia.

– Transformador de potencia trifásico de 10.000 kVA; r.d.t. 20/6 kV.

– Transformador para servizos auxiliares 50 kVA; r.d.t. 20/0,400 kV.

– Equipamento auxiliar de protección, control, telemando e medida da enerxía eléctrica producida pola central.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución referido no punto segundo da parte dispositiva desta resolución.

2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

3. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, a Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

4. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación de acordo co establecido no artigo 53.c) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, perante a Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, co fin de que esta proceda a efectuar a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificar o cumprimento dos compromisos contraídos por Naturgy Renovables, S.L.U. e dos condicionados impostos nesta resolución para o cal deberá achegar a documentación requirida na ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23. Asemade, previamente, deberán inscribir as modificacións realizadas nos equipos que figuren no Rexistro Integrado Industrial da Xunta de Galicia.

5. O prazo para a posta en servizo das instalacións será de seis meses contados a partir da data de notificación da obtención do último permiso necesario para executar a instalación. Se transcorrido o dito prazo aquela non tivo lugar, poderá producirase a caducidade destas autorizacións.

6. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

7. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2022

Paula Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais