Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 4 de abril de 2022 Páx. 21624

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Mos (expediente IN407A 2021/130-4).

Feitos:

Primeiro. O 11 de xuño de 2021, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS RED712 e CTC Guizán.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións no lugar de Santiaguiño, na parroquia de Guizán, no concello de Mos:

1. Desmontaxe do CTI Guizán (36A992) de tipo intemperie e cunha potencia de 250 kVA.

2. Retirada de catro apoios de formigón e desmontaxe do tramo da LMTA RED712 que alimenta o CT Guizán.

3. Instalación dun novo centro de transformación compacto de 400 kVA.

4. Instalación dun apoio fin de liña C-3000/16.

5. Unha liña de media tensión subterránea de 1.221 metros de lonxitude para alimentar o centro de transformación proxectado.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Mos, Agencia Estatal de Seguridad Aérea, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación Provincial de Pontevedra e o Servizo de Patrimonio Cultural de Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados técnicos emitidos pola Deputación Provincial de Pontevedra, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e polo Servizo de Patrimonio Cultural de Pontevedra.

Os demais organismos non emitiron condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 17 de xuño de 2021, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 17 de xuño de 2021 publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 9 de xullo de 2021.

Xornal Faro de Vigo: 7 de xullo de 2021.

Taboleiro de anuncios do Concello de Mos: desde o 18 de xuño de 2021 ata o 29 de xullo de 2021 conforme certificado expedido polo propio Concello.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións presentadas pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Guizán. A seguir resúmese o seu contido:

Destaca os posibles perigos do tendido eléctrico nas proximidades dun recinto deportivo, principalmente en época de choiva e ventos, polo que alega a necesidade de soterrar todo o trazado aéreo que invade o campo de fútbol.

Quinto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora que solicitou que se continuase coa tramitación do expediente, posto que a modificación solicitada se refire a unha liña que non é obxecto deste expediente.

Sexto. Os servizos técnicos da xefatura territorial á vista da documentación contida no expediente analizaron as alegacións presentadas, emitindo o correspondente informe, coa conclusión todos eles de que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento, de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Basea esta conclusión fundamentalmente en dous motivos:

– As obras deste expediente non coincide coa liña obxecto das alegacións.

– Respecto ao soterramento da liña existente, remite ao artigo 153 «Modificación da servidume por instancia do dono do predio servente» do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG nº 5, do 11 de xaneiro de 2021), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Desmontaxe do centro de transformación intemperie Guizán e do tramo da LMTA RED712 que o alimenta.

Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1, de 1221 metros de lonxitude, con orixe no paso aéreo subterráneo no apoio proxectado C-3000/16 no tramo da LMTA RED7120859, e final no novo centro de transformación Guizán.

Retensado do van aéreo contiguo ao apoio proxectado C-3000/16 (131 metros).

Centro de transformación compacto de superficie, de manobra exterior con celas compactas 2L1P TG e 400 kVA de potencia, con relación de transformación 15 kV/400 V, situado en Santiaguiño, Guizán, Mos.

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse o seguinte:

A CMVMC de Guizán alega a necesidade do soterramento da liña eléctrica existente no interior do recinto deportivo. Esta infraestrutura non é obxecto deste expediente. O obxecto deste expediente é a recolocación e ampliación de potencia do CT Guizán existente e a instalación dunha liña de media tensión para a súa alimentación que discorrerá por un trazado subterráneo.

Para o cambio do trazado da liña existente nas proximidades do recinto deportivo e conforme o recollido no informe dos servizos técnicos desta xefatura, a CMVMC de Guizán pódese acoller ao artigo 153 (modificación da servidume a solicitude do dono do predio servente) do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS RED712 e CTC Guizán (expediente IN407A 2020/130-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 11 de marzo de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra