Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 1 de abril de 2022 Páx. 21190

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción da instalación eléctrica de substitución do CTI Cela I (modificado) no concello de Mos (expediente IN407A 2020/188-4 modificado).

Expediente: IN407A 2020/188-4 (modificado).

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: substitución CTI Cela I (modificado).

Concello: Bueu.

Feitos:

Primeiro. O 4 de novembro de 2020, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica substitución CTI Cela I.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na substitución do CTI Cela I (36AL81) de tipo intemperie e 160 kVA de potencia por un novo centro de transformación rural de manobra exterior e mesma potencia (160 kVA). Tamén se proxecta unha liña de media tensión subterránea (LMTS) que alimentará o centro de transformación proxectado desde a LMTA CII819. As instalacións están situadas no lugar de Cepo, na parroquia de Cela, no concello de Bueu.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Bueu, Augas de Galicia e a Axencia Galega de Infraestruturas. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido por Augas de Galicia.

O Concello de Bueu e a Axencia Galega de Infraestruturas non emitiron condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo das autorizacións que lles correspondan outorgar.

Terceiro. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 17 de novembro de 2020 publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 11 de decembro de 2020.

BOPPO (Boletín Oficial da provincia de Pontevedra): 1 de decembro de 2020.

Xornal Faro de Vigo: 27 de novembro de 2020.

Taboleiro de anuncios do Concello de Bueu: desde o 23 de novembro de 2020 ata o 12 de xaneiro de 2021 conforme certificado expedido polo propio Concello.

Durante o mencionado trámite non se recibiron alegacións.

Cuarto. No Boletín Oficial del Estado (BOE), do 11 de decembro de 2020, publicouse un anuncio desta xefatura polo que se notifica a afección das parcelas con referencia catastral 36004A48002760000QI e 36004A48002180001WJ por seren descoñecidos os propietarios.

Quinto. O 20 de abril de 2021, esta xefatura ditou unha resolución de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Bueu (expediente IN407A 2020/188-4). Esta resolución foi publicada no DOG do 12 de maio de 2021 e no BOPPO do 5 de maio de 2021 coas seguintes características:

LMT subterránea a 20 kV, con condutor RHZ1, de 28 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente 9UNI8HHG//14 (no cal está situado o CTI Cela I que se desmonta) e final no novo centro de transformación proxectado Cela I. Centro de transformación de 160 kVA, con RT 20 kV/400 V, situado no lugar de Cepo, Cela, concello de Bueu.

Sexto. O 23 de novembro de 2021, UFD achegou un proxecto modificado debido á necesidade de dar cumprimento ás condicións impostas polo Concello de Bueu e pola Axencia Galega de Infraestruturas para conceder as autorizacións que lles corresponden.

Examinado o modificado, conclúese que as diferenzas co proxecto orixinal son basicamente un cambio no trazado da liña subterránea o que afecta unha nova parcela 36004A048002750000QX e deixa sen afección a parcela 36004A48002180001WJ.

Sétimo. O modificado do proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 27 de decembro de 2021 publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 19 de xaneiro de 2022.

Xornal Faro de Vigo: 20 de xaneiro de 2022.

Taboleiro de anuncios do Concello de Bueu: desde o 31 de decembro de 2021 ata o 12 de febreiro de 2022 conforme certificado expedido polo propio Concello.

Durante o mencionado trámite non se recibiron alegacións.

Oitavo. Mediante escrito do 27 de decembro de 2021, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica referida ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Noveno. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas polo modificado, isto é, o Concello de Bueu, Augas de Galicia e a Axencia Galega de Infraestruturas. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido por Augas de Galicia.

O Concello de Bueu e a Axencia Galega de Infraestruturas non emitiron condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo das autorizacións que lles correspondan outorgar.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG nº 5, do 11 de xaneiro de 2021), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

LMT subterránea a 20 kV, con condutor RHZ1, de 41 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente 9UNI8HHG//14 (no cal está situado o CTI Cela I que se desmonta) e final no novo centro de transformación proxectado Cela I. Centro de transformación de 160 kVA, con RT 20 kV/400 V, situado no lugar de Cepo, Cela, concello de Bueu (Pontevedra).

Conforme con todo o indicado,

Resolvo:

Primeiro. Deixar sen efecto a Resolución do 20 de abril 2021 desta xefatura pola que se concede autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción da instalación eléctrica substitución CTI Cela I no concello de Bueu (expediente IN407A 2020/188-4).

Segundo. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Substitución CTI Cela I (modificado), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Cuarto. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 11 de marzo de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra