Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 29 de marzo de 2022 Páx. 20324

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 21 de marzo de 2022 pola que se habilitan determinados colectivos desta consellería e da entidade pública empresarial Portos de Galicia para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, prevé no artigo  43 a posibilidade de que a sinatura electrónica do persoal ao servizo das administracións públicas poida referirse, por razóns de seguridade pública, ao número de identificación profesional do/da empregado/a público/a.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 71 a obriga da Administración de dotar o seu persoal dos mecanismos de identificación e sinatura electrónica necesarios para o desenvolvemento das súas funcións. Pola súa banda, no artigo 73 prevé a posibilidade de emisión de certificados dixitais de pseudónimo en actuacións administrativas que, realizadas por medios electrónicos, afecten a información clasificada, a seguridade pública ou a defensa nacional, ou noutras actuacións en que legalmente estea xustificado o anonimato para a súa realización.

A Resolución conxunta do 13 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega, establece o procedemento de emisión e o uso do certificado dixital de pseudónimo para o persoal empregado público, sen prexuízo da habilitación regulamentaria de determinados colectivos para o seu emprego, tal e como se dispón no artigo 73.4 da citada Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Á Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia, baixo a dependencia directa da Conselleira do Mar, correspóndenlle as funcións de programación, planificación e control das accións de vixilancia e inspección, sen prexuízo das competencias doutros departamentos da Xunta de Galicia, tanto no sector extractivo como nos centros de comercialización e establecementos de produción, transformación e consumo, así como no transporte dos produtos en xeral, tal e como establece o artigo 5.1.d) do Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se estable a estrutura orgánica da Consellería do Mar.

A Lei 2/2004, do 21 de abril, pola que se crea o Servizo de Gardacostas de Galicia, establece que lle corresponde a este servizo realizar funcións de inspección, prevención e corrección en materia de pesca, marisqueo e acuicultura, desde a súa primeira fase de produción e explotación ata a fase de comercialización nas súas diversas formas, realizando as actuacións necesarias para a protección dos recursos marítimo-pesqueiros e acuícolas. De acordo co seu artigo 3.1, os membros do Servizo de Gardacostas de Galicia terán a consideración de axentes da autoridade no desempeño das súas funcións.

O Decreto 136/2017, do 17 de novembro, de ordenación e funcionamento do servizo de Gardacostas establece no artigo 20 que as actuacións do persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia no exercicio da función inspectora documentaranse en actas e informes, ademais de calquera outro documento necesario no exercicio das súas actuacións.

Dada a transcendencia das súas actuacións cómpre preservar a súa identidade persoal na elaboración desta documentación, substituíndo os seus datos persoais por un número de identificación profesional.

Por outra banda, o artigo 143.4 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, sinala que os feitos constatados polo persoal de Portos de Galicia con funcións inspectoras e de policía administrativa que se formalicen en documento público, e nos que, observándose os requisitos legais pertinentes, se recollen os feitos constatados por el, farán proba, agás que se acredite o contrario.

Este persoal con funcións de policía administrativa neste momento está integrado polo persoal celador gardapeiraos conforme á disposición transitoria sétima da Lei 6/2017, do 12 de decembro, a cal dispón que, mentres non se aprobe o Regulamento de explotación e policía ao que se refire o artigo 126 seguirá en vigor o Regulamento de servizo e policía aprobado pola Orde ministerial do 12 de xuño de 1976 para a Comisión Administrativa de Grupos de Portos, en todo aquilo que non se opoña ao disposto na presente lei e na restante lexislación aplicable na materia.

O artigo 6 desta orde ministerial do 12 de xuño de 1976 dispón que a xefatura inmediata e directa dos servizos de vixilancia e policía nos peiraos e Zona de Servizo dos Portos da Comisión Administrativa do Grupo de Portos será exercida polo enxeñeiro director do grupo respectivo, que terá ás súas ordes o persoal do Servizo de Celadores-Gardapeiraos, investidos da condición de axentes da autoridade, con calidade de gardas xurados, coa misión de previr, evitar e denunciar as infraccións que poidan cometerse sobre o disposto neste regulamento, manter a orde debida, velar porque non sufran dano as obras, materias ou mercadorías existentes no porto, cumprindo e facendo cumprir as ordes de servizo que lles sexan transmitidas polos seus superiores, así como controlar os servizos prestados.

Nos recursos contencioso-administrativos que se mantiveron contra resolucións de procedementos administrativos sancionadores impoñendo sancións de multas derivadas de actas levantadas por garda peiraos, os tribunais recoñeceron a súa presunción de veracidade derivada da súa condición de policía administrativa.

Polo seu labor de policía administrativa, con facultade de denuncia de presumibles infraccións das normas de funcionamento do porto en relación coa tipificación de infraccións da Lei 6/2017, do 12 de decembro, e do Regulamento de servizo e policía de 1976 exercendo o control e de policía co fin de garantir o uso adecuado do dominio público portuario, os gardapeiraos atópanse expostos a situacións que aconsellan salvagardar en primeira instancia a súa identidade persoal no desempeño das súas funcións.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e o artigo 73.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto habilitar determinados colectivos de empregados públicos da Consellería do Mar e da entidade pública empresarial Portos de Galicia para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

A Consellería do Mar habilita os seguintes empregadas e empregados públicos para o uso do certificado dixital con pseudónimo exclusivamente para o desenvolvemento de funcións en cuxo exercicio teñan a consideración de autoridade:

1. O persoal da Subdirección Xeral de Gardacostas que realiza funcións inspectoras.

2. O persoal do Servizo de Celadores-Gardapeiraos da entidade pública empresarial Portos de Galicia que realizan funcións inspectoras e de policía administrativa no ámbito portuario.

Artigo 3. Emisión e uso do certificado dixital de pseudónimo

A emisión e o uso do certificado dixital de pseudónimo rexeranse polo establecido na Resolución conxunta do 13 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

En todo caso, o uso do certificado dixital de pseudónimo será empregado exclusivamente para asinar os informes, as actas ou os documentos análogos elaborados no exercicio das funcións de autoridade pública, inspección, vixilancia ou control da Administración pública, ou no desempeño daqueloutras funcións en que resulte necesario preservar a identidade do persoal funcionario por concorreren circunstancias ou feitos que aconsellen adoptar esta medida.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2022

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar