Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 17 de marzo de 2022 Páx. 18238

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 27 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a revisión da autorización ambiental integrada para a planta de almacenamento e de xestión de residuos fundamentalmente metálicos de Derichebourg España, S.A.U., no concello do Porriño, provincia de Pontevedra (expediente 2020-IPPC-M-53).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro) regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 251, do 19 de outubro de 2013) regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

Memoria detallada y justificativa de la implantación de las MTDs conforme a la Directiva 2010/75/UE del Parlamento Europeo, para las industrias de metales no férreos en la planta de Derichebourg España, S.A.U. en O Porriño.

Para que calquera interesado poida consultalos e, se for o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que coide oportunas, o documento estará ao dispor dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderase acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/→medioambiente e sostibilidade→prevención e control de actividades→autorización ambiental integrada→proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2021

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental,
Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO

Memoria resumo

Clave do expediente: 2020-IPPC-M-53.

Peticionaria: Derichebourg España, S.A.U.

CIF: A28131084.

Enderezo social: rúa Duero, 17, CP 28840, Mejorada del Campo (Madrid).

Localización da instalación: polígono industrial das Gándaras, s/n, O Porriño (Pontevedra).

Actividade: planta de almacenamento e xestión de residuos metálicos.

Descrición: a planta de almacenamento e xestión de residuos metálicos compoñerase das seguintes liñas:

• L1 ou de valorización de metais e compostos metálicos: a actividade consiste na recepción, pesaxe, clasificación (en ferralla férrica longa ou curta, residuos de aceiro inoxidable, de aluminio, de cobre e doutros metais e grandes pezas para desmantelamento), despezamento, limpeza, corte (con cisalla ou oxicorte) ou prensaxe, agrupamento e almacenamento temporal dos residuos metálicos.

• L2 ou de valorización de vehículos fóra de uso: a actividade consiste na descontaminación e desmontaxe de vehículos fóra de uso.

• L3 ou de valorización de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos: a xestión diferénciase principalmente segundo se trate de residuos non perigosos (RNP) ou de residuos perigosos (RP), así:

– RNP: o proceso pasa pola recepción, separación manual de compoñentes, clasificación e almacenamento temporal de RAEE sen compoñentes perigosos para recuperar a fracción metálica que conteñen.

– RP: o proceso comprende as fases 0 e 1 do proceso de descontaminación de residuos de equipamentos refrixeradores consistente na desmontaxe de pezas soltas e extracción de fluídos (aceite e refrixerante) existentes no circuíto de refrixeración de aparellos de produción de frío, e desmontaxe doutros compoñentes como vidro, cables, plástico, cobre e compresores.

• L4 ou de almacenamento de residuos non perigosos e L5 ou de almacenamento de residuos perigosos: a actividade consiste no almacenamento temporal de residuos perigosos e residuos non perigosos, diferenciados por zonas, para a súa posterior entrega a xestores de residuos autorizados. No que respecta ao almacén de baterías cabe destacar que consiste nunha zona cunha extensión total de 324 m2, cuberta e dotada de formigón con pendente dirixida ata un cubeto de contención de 1.000 l ao cal se canalizaría por gravidade calquera derramo accidental de electrólito.

Na instalación decláranse as seguintes correntes de augas residuais:

– Augas asimilables a domésticas: a instalación conta cunha rede de augas fecais que recolle as augas residuais asimilables a domésticas xeradas nos aseos, duchas e limpeza de oficinas. Estas augas serán derivadas á rede de colectores en alta do Consorcio de Augas do Louro.

– Augas de proceso industrial ou escoamento: xeradas no proceso produtivo, no escoamento da actividade de reciclaxe de ferralla. Estas son derivadas a un leito fluvial, logo de paso por dous separadores de hidrocarburos.

– Augas pluviais de cuberta de oficinas e nave principal: derivan directamente desde as cubertas, sen que exista risco de que entren en contacto con residuos ou substancias perigosas, ata o punto de saída da instalación que consiste nunha canle de pluviais no límite norte da parcela para vertedura directa ao leito.

Inclúese na documentación presentada o grao de implantación das mellores técnicas dispoñibles, atendendo ao recolleito na Decisión de execución (UE) 2018/1147 da Comisión, do 10 de agosto de 2018, pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) no tratamento de residuos, conforme a Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello.