Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 4 de marzo de 2022 Páx. 15516

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 2022, da Área de Deseño de Infraestruturas, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de fomento da mobilidade sustentable, senda na OU-101, treitos A Medorra (puntos quilométricos 7+750-9+420) e O Paiseo (puntos quilométricos 13+780-4+230), de clave OU/16/272.06.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia, do 20 de setembro), vistos os informes das administracións afectadas no trámite de información pública, ditou o 24 de febreiro de 2022 a seguinte resolución:

«Resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de fomento da mobilidade sustentable, senda na OU-101, treitos: A Medorra (pp.qq. 7+750-9+420) e O Paiseo (pp.qq. 13+780-14+230), de clave OU/16/272.06.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O artigo 6.2 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, e o artigo 12.2 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia, determinan que os espazos destinados a sendas para peóns ou para a circulación de ciclistas teñan a consideración de elementos funcionais da estrada. Tendo en conta este precepto, a Xunta de Galicia elaborou a estratexia en materia de mobilidade alternativa de Galicia, entre cuxos obxectivos está o fomento dos sistemas de transporte alternativos aos motorizados que permitan minimizar as repercusións sobre o ambiente e os seus impactos sociais e económicos.

Segundo. A actuación prevista no proxecto comprende a creación de dous itinerarios peonís e ciclistas na marxe esquerda da estrada OU-101: un primeiro itinerario que comenza á altura do núcleo da Medorra e se desenvolve ao longo do Parque Tecnolóxico de Galicia Campo Alegre (pp.qq. aproximados 7+750-9+420), e outro que comenza á altura do núcleo da Cascarreira, no cal remata un treito de beirarrúa existente, e se desenvolve ata as proximidades do Paiseo (pp.qq. aproximados 13+780-14+230).

Terceiro. No Diario Oficial de Galicia núm. 152, do 30 de xullo de 2020, publicouse o Anuncio do 20 de xullo de 2020 polo que se somete ao trámite de información pública o citado proxecto para os efectos do establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo citado proxecto, para os efectos do previsto no artigo 56.1 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, aprobado polo Decreto do 26 de abril de 1957.

Cuarto. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes e no trámite de información pública as persoas interesadas formularon alegacións. A todas elas déuselles resposta motivada, segundo figura no informe que consta no expediente, que foi notificado ás administracións ás cales se lles deu trámite de informe e aos particulares que presentaron alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informes das administracións afectadas, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia encóntrase delegada na persoa titular da dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG nº 179, do 20 de setembro).

Segundo. O artigo 21.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece que, transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe das administracións afectadas e recibidas as alegacións e informes presentados, se dará resposta motivada ás alegacións formuladas. O informe resultante porase á disposición das persoas interesadas e notificaráselles ás administracións ás cales se lles dese trámite de informe e aos particulares que presentasen alegacións. Finalmente, resolverase tamén sobre a aprobación do expediente de información pública.

O artigo 22.2 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, establece que no caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da Administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben só dunha parte.

No seu número 5, o mesmo artigo indica que a aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implicará a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, así como para a traza de planta do proxecto e as modificacións desta que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.

No número 6 do mesmo artigo 22 indícase que, logo de aprobados definitivamente os anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción, as limitacións á propiedade e á titularidade doutros dereitos establecidos nesta lei serán efectivas respecto dos terreos que afecte a actuación correspondente.

Terceiro. De acordo co que establece o artigo 23 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, os estudos e proxectos sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio, e as determinacións que neles se conteñen terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente, sen prexuízo de que as entidades locais en que se asenten as infraestruturas obxecto do proxecto deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto.

Polo exposto, os concellos de Paderne de Allariz, do Pereiro de Aguiar e de San Cibrao das Viñas deberán adaptar os seus planeamentos urbanísticos na súa primeira modificación ou revisión ao contido no proxecto.

Cuarto. Simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior, e para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, someteuse a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra correspondente.

De acordo con todo o exposto, e segundo os informes e certificados presentados,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública do proxecto de construción de fomento da mobilidade sustentable, senda na OU-101, treitos: A Medorra (pp.qq. 7+750-9+420) e O Paiseo (pp.qq. 13+780-14+230), de clave OU/16/272.06, coas seguintes modificacións relativas ao trazado sometido a información pública:

• Adaptar a sección da senda á realidade física dos peches existentes nos treitos considerados, de xeito que as actuacións se adapten o máximo posible ao espazo dispoñible que exista actualmente, minimizándose as expropiacións de tal xeito que non resulten afectados os muros de peche dos predios e deixando sempre un ancho mínimo de senda libre de obstáculos de 1,80 m.

• Actualización dos datos catastrais das parcelas numeradas no proxecto como números 41, 42, 44, 45, 46 e 49.

• Rectificarase a solución construtiva inicialmente proposta, no caso do predio de referencia catastral 32056A001000170000BE (predio número 68), de xeito que se reporá o muro de sostemento coa estrada OU-101 e se manterá o acceso a través do noiro do terraplén das parcelas estremeiras tal e como está na actualidade.

Segundo. Aprobar o proxecto de construción de fomento da mobilidade sustentable, senda na OU-101, treitos: A Medorra (pp.qq. 7+750-9+420) e O Paiseo (pp.qq. 13+780-14+230), de clave OU/16/272.06, nos termos indicados no punto anterior.

Terceiro. Na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade encóntranse á disposición dos interesados os planos da planta definitiva aprobada:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/transparencia/procedementos-informacion-publica/estudos-proxectos

Cuarto. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os concellos de Paderne de Allariz, do Pereiro de Aguiar e de San Cibrao das Viñas deberán adaptar os seus planeamentos urbanísticos ao contido no proxecto, na súa primeira modificación ou revisión.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2022

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Deseño de Infraestruturas