Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 3 de marzo de 2022 Páx. 15065

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 23 de febreiro de 2022 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Mondariz Templo del Agua.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Mondariz Templo del Agua, con domicilio na rúa Ramón Peinador, s/n, en Mondariz-Balneario (Pontevedra).

Feitos:

1. O 1 de setembro de 2021, Francisco González Carrera, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Mondariz Templo del Agua constituírona María Belén Sánchez Otaegui, Agapito Abril Toucedo e Francisco González Carrera, mediante escritura pública outorgada en Mondariz-Balneario (Pontevedra) o 6 de xullo de 2021, ante o notario Álvaro Lorenzo-Fariña Domínguez, co número de protocolo 1.796.

Tras requirimento do 19 de outubro de 2021, do Servizo de Entidades Xurídicas e Corporativas desta consellería, achegan unha nova escritura outorgada en Ponteareas (Pontevedra) o 4 de febreiro de 2022, ante o mesmo notario indicado anteriormente, co número 257 do seu protocolo, en que emendan o solicitado no dito requirimento.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto:

– A conmemoración do 150 aniversario do outorgamento ás augas de Mondariz do carácter de utilidade pública, ocorrida en 1873.

– A conservación da memoria histórica, cultural, artística e social ligada ao Balneario de Mondariz, ás súas augas, recursos naturais e edificacións.

– A conservación e mantemento do patrimonio artístico ligado ao Balneario de Mondariz e, en particular, a promoción do mantemento e difusión das fontes de Gándara e Troncoso.

– A xestión e a promoción do coñecemento da cultura e recursos de Mondariz-Balneario e a súa contorna xeográfica, incluído, entre outros, o termo municipal de Mondariz.

– A continuidade, se é o caso, das actividades culturais levadas a cabo pola Fundación Mondariz Balneario e, en particular, a creación da Bolsa Audiovisual Mondariz Templo da Auga.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Francisco González Carrera, como presidente; Agapito Abril Toucedo, como vicepresidente, e María Belén Sánchez Otaegui, como secretaria.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Mondariz Templo del Agua, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 14 de febreiro de 2022,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Mondariz Templo del Agua e adscribila ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2022

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo