Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 25 de febreiro de 2022 Páx. 13720

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 22 de febreiro de 2022 pola que se modifica a Resolución do 29 de decembro de 2021, pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento MR711D).

O 25 de xaneiro de 2022 publicouse no DOG número 16 a Resolución do 29 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2022.

A citada convocatoria enmárcase na medida 7.4 do PDR de Galicia 2014-2020, encamiñada a apoiar os investimentos para a creación, mellora ou ampliación de servizos básicos locais para a poboación rural, incluídas as actividades recreativas e culturais, e a infraestrutura relacionada, en particular, prevé o apoio a pequenas infraestruturas e/ou equipamentos a pequena escala co obxectivo de proporcionar á poboación rural uns servizos básicos que cubran as súas principais necesidades, proporcionando benestar e facilitando a implantación de actividades que poidan xerar emprego e fixar poboación.

Por outra banda, a Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, regula os instrumentos de recuperación das terras agroforestais a través, entre outras, das figuras das aldeas modelo e dos polígonos agroforestais.

De acordo co texto da citada lei, nas aldeas modelo procurarase a recuperación da actividade económica e social dos terreos de antigo uso agrícola, gandeiro e forestal circundantes á aldea, así como dos núcleos incluídos nelas, co obxectivo de permitir a súa recuperación demográfica e a mellora da calidade de vida da súa poboación.

A regulación que das aldeas modelo resulta desta lei vén substituír a que se incluía no artigo 47.ter da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, baixo a epígrafe de fomento da mobilización das terras a través do programa de aldeas modelo.

Neste marco normativo, a citada convocatoria de axudas vai destinada a proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria.

En particular, e tal e como resulta do artigo 2 das bases reguladoras, poderán ser beneficiarios das axudas que se regulan os concellos de Galicia que, entre outros requisitos, teñan declarada no seu territorio unha aldea modelo ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou ben ao abeiro da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Desde o punto de vista da elixibilidade dos proxectos e nos termos previstos no artigo 3.2.b) das bases reguladoras, estes deberán desenvolverse en territorio elixible. No caso das aldeas modelo, este está determinado polo perímetro que conforma a súa zona de actuación, segundo figura nos correspondentes acordos de declaración do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Atendendo á propia definición de aldea modelo que resulta da Lei 11/2021, esta configúrase como un instrumento de recuperación de terras mediante a realización de accións integradas para a recuperación da capacidade agronómica das terras circundantes a núcleos de poboación e asentamentos poboacionais situados no territorio rural galego.

Do conxunto da súa regulación resulta a previsión de actuacións dentro dos ámbitos clasificados como solo de núcleo rural dentro do perímetro das aldeas modelo, co fin de fomentar a rehabilitación de edificios e vivendas, acometer melloras nos espazos públicos e outras a nivel económico, ambiental e social.

Non obstante o anterior, a pesar de que a regulación das aldeas modelo, segundo o exposto, prevé actuacións dentro dos núcleos que as integran, dáse a circunstancia de que nalgunha das declaradas ao abeiro da Lei 6/2011 o núcleo de poboación está fóra de perímetro delimitado, aínda que limita co perímetro e mesmo a aldea modelo toma o seu nome do propio núcleo que lle dá substantividade.

Esta realidade determinaría que para estas aldeas modelo non se poderá promover ao abeiro desta convocatoria a implantación de servizos básicos nos citados núcleos de poboación. Por esta razón, procede ampliar o territorio elixible para o caso daquelas aldeas modelo cuxo núcleo de poboación figure fóra da delimitación do seu perímetro.

Tendo en conta o anterior,

RESOLVO:

Artigo único

Modifícase o artigo 3.2.b) do anexo I da Resolución do 29 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento MR711D), que queda redactado como segue:

«– O perímetro que conforma a zona de actuación da aldea modelo, segundo figura nos correspondentes acordos de declaración do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

De ser o caso, o territorio elixible abranguerá os núcleos de poboación que, estando situados fóra do perímetro que delimita a aldea modelo, lle dean nome e sexan lindeiros co propio perímetro da aldea.

– Os núcleos rurais situados a menos de 1 quilómetro (medido en liña recta) respecto do perímetro dun polígono agroforestal, segundo figura nos correspondentes acordos de inicio do procedemento de aprobación».

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG; ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2022

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural