Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 25 de febreiro de 2022 Páx. 13723

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 22 de febreiro de 2022 pola que se modifica a Resolución do 29 de decembro de 2021, pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento MR708A).

O 25 de xaneiro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 16 a Resolución do 29 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2022.

A citada convocatoria enmárcase na medida 6.4 do PDR de Galicia 2014-2020, encamiñada a apoiar os investimentos en actividades non agrícolas dirixidos a empresas que desenvolven a súa actividade no medio rural, como unha oportunidade de fixar poboación (promovendo o mantemento e, de ser o caso, a creación de novos postos de traballo) e co fin de mellorar a competitividade das zonas rurais, fomentando a diversificación económica e a sustentabilidade do medio rural, tanto en termos sociais como económicos.

Por outra banda, a Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, regula os instrumentos de recuperación das terras agroforestais a través, entre outras, das figuras das aldeas modelo e dos polígonos agroforestais.

De acordo co texto da citada lei, nas aldeas modelo procurarase a recuperación das actividades económica e social dos terreos de antigo uso agrícola, gandeiro e forestal circundantes á aldea, así como dos núcleos incluídos nelas, co obxectivo de permitir a súa recuperación demográfica e a mellora da calidade de vida da súa poboación.

A regulación que das aldeas modelo resulta desta lei vén substituír a que se incluía no artigo 47.ter da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, baixo a epígrafe «Fomento da mobilización das terras a través do programa de aldeas modelo».

Neste marco normativo a citada convocatoria prevé a concesión de axudas para a posta en marcha de novas actividades empresariais en sectores non agrícolas nas aldeas modelo declaradas con anterioridade á publicación da citadas bases reguladoras.

Desde o punto de vista da elixibilidade dos proxectos, e nos termos previstos no artigo 3.2.b) das bases reguladoras, no caso de proxectos para a posta en marcha de novas actividades empresariais en aldeas modelo declaradas polo órgano de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, os proxectos subvencionables serán aqueles que se desenvolvan no perímetro que conforma a zona de actuación integral de cada unha delas, segundo figura nos correspondentes acordos de declaración.

Atendendo á propia definición de aldea modelo que resulta da Lei 11/2021, esta configúrase como un instrumento de recuperación de terras mediante a realización de accións integradas para a recuperación da capacidade agronómica das terras circundantes a núcleos de poboación e asentamentos poboacionais situados no territorio rural galego. As actuacións poderán abranguer todo ou parte do núcleo rural da aldea co obxecto da súa rehabilitación e recuperación arquitectónica e urbanística, con fins residenciais, de interese turístico, de transformación ambiental ou outros análogos que propicien a recuperación demográfica e a mellora da calidade de vida da súa poboación.

Neste contexto, e nunha aposta decidida por recuperar e diversificar a actividade económica das zonas rurais, cómpre apoiar iniciativas privadas para dinamizar a actividade empresarial dentro dos núcleos de poboación das aldeas modelo, xa que é nos núcleos de poboación onde se adoita concentrar a maior parte das actividades non agrícolas, ás cales vai dirixida esta convocatoria de axudas.

Non obstante o anterior, a pesar de que a regulación das aldeas modelo, segundo o exposto, prevé a promoción de actuacións dentro dos núcleos que as integran, dáse a circunstancia de que nalgunha das declaradas ao abeiro da Lei 6/2011 o núcleo de poboación está fóra do perímetro delimitado, aínda que limita co perímetro e mesmo a aldea modelo toma o seu nome do propio núcleo que lle dá substantividade.

Esta realidade determinaría que nestas aldeas modelo as opcións para desenvolver actividades económicas non agrícolas se vería, por razóns de oportunidade, substancialmente limitada. Por esta razón, procede ampliar o territorio elixible para o caso daquelas aldeas modelo cuxo núcleo de poboación figure fóra da delimitación do seu perímetro.

Tendo en conta o anterior,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 29 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2022.

Primeiro. O artigo 3.2.b) do anexo I, Bases reguladoras das subvencións a proxectos de investimento en actividades non agrícolas cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do PDR de Galicia 2014-2020, queda redactado como segue:

«b) Desenvolvérense no territorio de Galicia.

Non obstante o anterior, non serán subvencionables os proxectos que se desenvolvan nas parroquias galegas clasificadas como zonas densamente poboadas (ZDP), atendendo á clasificación para as parroquias galegas segundo o grao de urbanización denominada GU 2016 (IGE, 2016).

No caso de proxectos para a posta en marcha de novas actividades nas aldeas modelo declaradas polo órgano de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, os proxectos subvencionables serán aqueles que se desenvolvan no perímetro que conforma a zona de actuación integral de cada unha delas, segundo figura nos correspondentes acordos de declaración.

De ser o caso, o territorio elixible abranguerá os núcleos de poboación que, estando situados fóra do perímetro que delimita a aldea modelo, lle dean nome e sexan lindeiros co propio perímetro da aldea».

Segundo. O parágrafo final do artigo 16.1 do anexo I, Bases reguladoras das subvencións a proxectos de investimento en actividades non agrícolas cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do PDR de Galicia 2014-2020, queda redactado como segue:

«A puntuación total obtida incrementarase nun 30 % no caso de proxectos que se desenvolvan no territorio que o artigo 3.2.b) establece para as aldeas modelo, tanto para o caso de investimentos destinados á mellora, ampliación e/ou modernización de empresas existentes, como para o caso da posta en marcha de novas actividades empresariais non agrícolas».

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2022

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural