Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 16 de febreiro de 2022 Páx. 11589

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución correspondente ao desprazamento da rede de gas natural afectada pola ampliación do Hospital Gran Montecelo, no termo municipal de Pontevedra, promovido por Nedgia, S.A. (expediente IN627A 2021/1-4).

Feitos:

1. O 14.7.2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (en diante, esta dirección xeral), en cumprimento do disposto no artigo 160.2 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, emitiu informe favorable á variación do trazado proposto pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) da rede de gas natural afectada polo proxecto denominado Fase I da ampliación e reforma do Hospital de Montecelo.

A dita rede de gas natural é propiedade da sociedade Nedgia, S.A. e pertence á rede de distribución de gas natural para usos industriais na provincia de Pontevedra (rede Pontevedra-Arcade), cuxo proxecto de execución foi aprobado mediante Resolución do 7 de maio de 1996 da Dirección Xeral de Industria (DOG núm. 151, do 2 de agosto).

2. O 30.7.2021 Nedgia, S.A. presentou ante esta dirección xeral a solicitude de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución denominado Proxecto de desprazamento da tubaxe de DN-6” de aceiro APA-16 bar da rede RAA-I022 afectada pola ampliación do Hospital Gran Montecelo, na avenida Montecelo de Pontevedra.

3. O 23.8.2021 esta dirección xeral trasladou á Xefatura Territorial de Pontevedra desta consellería (en diante, Xefatura Territorial) a referida solicitude de Nedgia, S.A., pola súa competencia para a tramitación do correspondente expediente, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. O 13.9.2021 a Xefatura Territorial solicitou ao promotor unha serie de requirimentos técnicos e o pagamento das correspondentes taxas administrativas, que achegou en datas 4.10.2021 e 21.9.2021, respectivamente.

5. O 6.10.2021 Nedgia, S.A. achegou copia do mutuo acordo para servidume de paso asinado co Servizo Galego de Saúde (Sergas) para canalizar a variante por terreos dispostos para a ampliación do Hospital Gran Montecelo de Pontevedra.

6. O 6.10.2021 a Xefatura Territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución correspondente ao desprazamento da tubaxe de DN-6’’ de aceiro APA-16 bar da rede RAA-1022 afectada pola ampliación do Hospital Gran Montecelo na avenida Montecelo de Pontevedra (expediente IN627A 2021/1-4).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 204, do 22 de outubro de 2021, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra núm. 207, do 27de outubro, nos xornais La Voz de Galicia do 11 de outubro e Diario de Pontevedra do 11 de outubro, así como no taboleiro de anuncios do Concello de Pontevedra, o cal emitiu o correspondente certificado de exposición pública o 19.11.2021. Así mesmo, a Xefatura Territorial emitiu o 15.12.2021 certificado acreditativo de que a documentación obxecto de información pública estivo dispoñible nas súas dependencias para a súa consulta, durante o período de 20 días hábiles, desde o 25 de outubro de 2021 ata o 22 de novembro de 2021, ambos incluídos.

Durante o período de información pública non se presentaron alegacións ao proxecto.

7. O 7.10.2021 a Xefatura Territorial trasladou as separatas técnicas do referido proxecto de execución, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ao Concello de Pontevedra, pola súa condición de entidade con bens ou dereitos afectados.

O Concello de Pontevedra contestou de xeito favorable esta petición o 7.12.2021 achegando dous informes ao respecto:

• Informe da Oficina Técnica de Licenzas e Inspección, do 2.12.2021, no cal se conclúe que o uso e a actividade solicitados son viables urbanisticamente, sen prexuízo do que poida informar a OTMAIIS, e que, en todo caso, debe solicitar ante o Concello.

• Informe da Oficina Técnica de Medio Ambiente, Infraestructuras, Enxeñaría e Servizos (OTMAIIS), do 3.12.2021, no que se informa favorablemente sobre o desprazamento da rede de gas solicitado, aínda que requirirá autorización expresa municipal, trámite este en que se impoñerán as correspondentes condicións de reposición e proposta de fianza.

8. O 17.12.2021 os servizos técnicos da Xefatura Territorial emitiron informe sobre a tramitación do expediente de referencia (IN627A 2021/1-4), no cal se conclúe que se cumpriron os trámites do procedemento establecidos no Real decreto 1434/2022, do 27 de decembro, e emite informe favorable á continuidade do expediente administrativo, polo que se procedeu a remitilo a esta dirección xeral.

Consideracións legais e técnicas:

1. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no artigo 20 do Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 5, do 11 de xaneiro de 2021), en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; e coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas (DOG núm. 244, do 21 de decembro).

2. O referido expediente tramitouse de acordo co procedemento establecido no título IV do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, en cumprimento do disposto na disposición adicional primeira do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

3. O referido proxecto de execución contén a información e características técnicas que se describen a seguir:

• Denominación do proxecto: Proxecto de desprazamento da tubaxe de DN-6” de aceiro APA-16 bar da rede RAA-I022 afectada pola ampliación do Hospital Gran Montecelo na avenida Montecelo de Pontevedra.

• Concellos afectados: Pontevedra.

• MOP: 16 bar.

• Orzamento total (sen IVE): 81.613,74 euros.

• Desprazamento: 490 m en aceiro DN 6”.

• Descrición das instalacións:

Elementos

Material

Vértices

DN

E (mm)

Lonxitude (m)

Desprazamento canalización de gas

Aceiro

V-0 a V-3

6”

3,6

490

Elemento

Material

DN

Ud.

Válvula

Aceiro

6”

1

A tubaxe de aceiro construirase de acordo coa especificación UNE-EN-ISO-3183, en calidade Gr L245 ou equivalente. Ademais, cumprirá cos requisitos exixidos na instrución técnica complementaria ITC-ICG 01 do Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos, aprobado polo Real decreto 919/2006, do 28 de xullo.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Autorizar administrativamente o desprazamento da rede de gas natural afectada pola ampliación do Hospital Gran Montecelo, na avenida Montecelo de Pontevedra.

2. Aprobar o proxecto de execución da citada infraestrutura gasista titulado Proxecto de desprazamento da tubaxe de DN-6” de aceiro APA-16 bar da rede RAA-I022 afectada pola ampliación do Hospital Gran Montecelo, na avenida Montecelo de Pontevedra.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. A empresa promotora, Nedgia S.A., constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 1.632,27 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. A devandita fianza constituirase na caixa xeral de depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

2. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Nedgia, S.A., titulado Proxecto de desprazamento da tubaxe de DN-6” de aceiro APA-16 bar da rede RAA-I022 afectada pola ampliación do Hospital Gran Montecelo, na avenida Montecelo de Pontevedra, asinada pola enxeñeira técnica industrial Alejandra Risco Barba (colexiada nº 25.430 do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Madrid); e no que figura un orzamento sen IVE de 81.613,74 €.

3. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

4. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta dirección xeral; non obstante, a Xefatura Territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e debe comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

5. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a Xefatura Territorial, quen deberá emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

6. En canto aos bens e dereitos afectados polas instalacións que se autorizan e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

7. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das instalacións.

8. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2021

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética
e Recursos Naturais