Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 4 de febreiro de 2022 Páx. 7624

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 11 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020, ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), e se convocan as correspondentes ao ano 2022, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento PE155B).

O Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo e Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, establece nos artigos 32, 34 e 35 a cooperación no marco do desenvolvemento local participativo (DLP).

O Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, establece nos artigos 62 e 64 a cooperación no marco do desenvolvemento sustentable das zonas pesqueiras.

O FEMP incorpora de maneira efectiva as estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) concibidas e postas en práctica polos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) como principal instrumento para o logro da Prioridade cuarta da UE relativa a aumentar o emprego e a cohesión territorial mediante o obxectivo específico de fomento do crecemento económico, a inclusión social, a creación de emprego e o apoio á empregabilidade e á mobilidade laboral nas comunidades pesqueiras e acuícolas, incluíndo a diversificación das actividades realizadas no marco da pesca e respecto doutros sectores da economía marítima.

A execución de proxectos de cooperación no período 2014-2020 contribuíu a definir fórmulas integradas para o desenvolvemento común en diferentes territorios e a promoción do crecemento azul, o patrimonio natural e cultural local, a promoción dos produtos pesqueiros locais e o turismo. A cooperación abre tamén a posibilidade de combinar os obxectivos de mellora da competitividade das zonas, protección do ambiente e mellora da calidade de vida.

O programa operativo para España do FEMP, aprobado por decisión de execución da Comisión de 13.11.2015 C (2015) 8118 final, recolle no punto 5.1 a información específica sobre a aplicación de estratexias de desenvolvemento local participativo. O punto 5.1.3 establece que os organismos intermedios de xestión poderán fomentar proxectos interterritoriais e/ou transnacionais nos cales participen os GALP de cada territorio.

Para a posta en marcha do desenvolvemento sustentable das zonas de pesca na Comunidade Autónoma de Galicia, e segundo o establecido no programa operativo, a Consellería do Mar seleccionou os seguintes grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) e aprobou as estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) para o período de programación do FEMP 2014-2020:

• GALP A Mariña Ortegal: Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo, Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño.

• GALP Golfo Ártabro Norte: Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Paderne, Pontedeume.

• GALP Golfo Ártabro Sur: A Coruña, Arteixo, Culleredo, Cambre, Bergondo, Sada e Oleiros.

• GALP Costa da Morte: A Laracha, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Camariñas, Vimianzo, Muxía.

• GALP Seo de Fisterra Ría de Muros Noia. Costa Sustentable: Fisterra, Corcubión, Cee, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia, Porto do Son.

• GALP Ría de Arousa: Boiro, Cambados, Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribadumia, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa.

• GALP Ría de Pontevedra: Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo, Meaño.

• GALP Ría de Vigo-A Guarda: Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, O Rosal, Oia, Baiona, A Guarda.

Os GALP asinaron convenios de colaboración coa Consellería do Mar para a aplicación das súas estratexias de desenvolvemento local participativo estendendo a vixencia destes coa sinatura da addenda en decembro de 2020 ata o 31 de decembro de 2022.

A execución da cooperación tivo un papel fundamental na dinamización das zonas e a través dos proxectos subvencionados abordaronse temas como a remuda xeracional ou o emprego inclusivo de modo conxunto. Este intercambio de experiencias e coñecementos e a suma de esforzos contribúe, sen dúbida, ao desenvolvemento das zonas costeiras. A publicación desta derradeira orde de bases permitirá acadar a execución do 100 % dos fondos asignados no plan financeiro da Comunidade Autónoma á medida de actividades de cooperación.

Por todo o exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Normas xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de axudas para proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dentro da Unión Europea (UE) dos grupos de acción local do sector pesqueiro (en diante, GALP) para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do FEMP 2014-2020 ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (en diante, EDLP).

2. Para efectos do presente artigo, defínense:

a) Cooperación interterritorial: a realizada dentro do Estado, entre os GALP dunha mesma zona ou de diferentes zonas do territorio nacional, ou entre os GALP e asociacións público-privadas locais dunha mesma zona ou de diferentes zonas do territorio nacional que apliquen unha EDLP.

b) Cooperación transnacional dentro da UE: a realizada entre grupos de distintos Estados membros da UE, ou con asociacións público-privadas locais doutros Estados membros que apliquen unha EDLP dentro da Unión.

3. Tamén é obxecto desta orde convocar as axudas para o ano 2022 de acordo coas bases reguladoras.

Artigo 2. Réxime xurídico

Para o outorgamento e concesión das axudas reguladas nesta orde observarase o disposto nas seguintes normas, sen prexuízo das demais normas aplicables tanto estatais como autonómicas na materia:

a) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

b) Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014.

c) Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, de aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

d) Programa operativo para España do FEMP, aprobado por decisión de execución da Comisión de 13.11.2015 C (2015) 8118 final e modificado polas decisións de execución da Comisión de 13.12.2019, 15.9.2020 e 20.8.2021.

e) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

f) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

g) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 3. Dotación orzamentaria

1. O crédito orzamentario para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio do ano 2022 alcanza o importe de oitenta e dous mil euros (82.000,00 €) na seguinte partida orzamentaria:

Partida orzamentaria

Ano 2022

15.03.723C.780.1

82.000,00 €

Para o ano 2022, na partida orzamentaria sinalada, código de proxecto 2016 00323, existe crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia aprobados polo Consello da Xunta de Galicia o día 18 de outubro de 2021 para o ano 2022.

2. Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, e a concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

3. O importe consignado na convocatoria poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes agás indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto, respectando sempre o disposto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

4. As axudas estarán limitadas, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias e ao cumprimento dos límites establecidos no plan financieiro do FEMP.

5. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 85 % con fondos FEMP e o 15 % pola Comunidade Autónoma.

Artigo 4. Proxectos subvencionables

1. Enténdense como proxectos de cooperación ao abeiro desta orde os proxectos que en desenvolvemento da EDLP se formulen no marco deste réxime de axudas. Os proxectos de cooperación terán as seguintes características:

a) Os proxectos serán coherentes coas estratexias de desenvolvemento local participativo dos GALP participantes e contribuirán a que os socios acaden os obxectivos estratéxicos fixados na súas zonas de pesca.

b) Implicarán a posta en común de ideas, coñecementos, recursos humanos e/ou materiais, para a consecución dun obxectivo de interese compartido e mediante a execución das accións que se consideren necesarias.

c) Os proxectos poderán ter carácter social ou económico, e terán en consideración os principios de desenvolvemento sustentable, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e a non discriminación.

d) Implicarán a execución dunha acción en común, no senso que se executa de forma conxunta. Os gastos preparatorios terán a consideración de fase previa de preparación dun proxecto, pero non de proxecto de cooperación como tal. A cooperación ten que ir máis alá do intercambio de experiencias, e ten que supoñer a realización dunha acción común concreta con resultados claramente definidos e beneficios para os territorios correspondentes.

e) Os proxectos poderanse limitar a elaborar e compartir un deseño de accións beneficiosas para os territorios participantes, pero terase que levar a cabo a execución para cada un destes territorios, prolongando a colaboración nas tarefas de seguimento, avaliación e aproveitamento das sinerxías.

f) Poderán implicar a realización e/ou a comercialización de produtos e/ou servizos en calquera ámbito de desenvolvemento local, realizadas entre os territorios ou participantes de forma conxunta.

g) Promoverán a participación dos sectores socioeconómicos do territorio, afectados polos fins e obxectivos do proxecto.

h) Os proxectos axustaranse á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.

Artigo 5. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os GALP que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter sido seleccionados pola Consellería do Mar no marco do desenvolvemento sustentable das zonas de pesca do FEMP 2014-2020.

b) Ter asinado un convenio de colaboración coa Consellería do Mar para o desenvolvemento dunha estratexia de desenvolvemento local participativo (EDLP).

c) Participar nun proxecto de cooperación interterritorial e/ou transnacional.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario dunha axuda FEMP, os GALP:

a) Que se atopen nalgún dos supostos establecidos no artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, durante todo o período de tempo previsto en aplicación deste.

b) Nos que concorran algunha das circunstancias sinaladas no artigo 10, parágrafos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Que non estean ao día nas obrigas tributarias, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6. Beneficiarios conxuntos

1. As entidades sinaladas no artigo 5 poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades. Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.

2. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os beneficiarios integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente cando non for posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.

3. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8 desta lei.

Artigo 7. Acordo de cooperación

1. Enténdese por acordo de cooperación o documento asinado polos socios cooperantes en que se establezan os obxectivos do proxecto, as accións que se levarán a cabo para conseguilos, as actuacións de cada un dos participantes, a participación económica, así como o cronograma.

2. O contido mínimo do acordo de cooperación é o seguinte:

a) Datos de cada grupo ou entidade participante: nome, enderezo, teléfono e enderezo de correo electrónico; así como das persoas e/ou entidades colaboradoras do proxecto, se procede.

b) Descrición detallada do proxecto, en que se indique:

1º. Obxectivos.

2º. Accións que se emprenderán para conseguilos.

3º. Resultados previstos.

4º. Beneficiarios potenciais.

5º. Papel de cada participante na organización e a implementación do proxecto.

6º. Papel das persoas ou entidades colaboradoras, de ser o caso.

7º. Acordos para a organización e o seguimento do proxecto.

8º. Resultados esperados.

9º. Orzamento xeral global e a participación de cada socio. Indicaranse, claramente, os gastos preparatorios.

10º. Cronograma de execución previsto por accións e tipo de gasto.

c) Cláusula que permita novas adhesións (opcional).

d) Duración do acordo.

e) Modificación do acordo.

3. Cada socio é responsable dos compromisos que asumiu ante os outros conforme o acordo de cooperación. Así mesmo, cada socio ten a responsabilidade administrativa e financeira das operacións que dirixa.

4. No acordo de cooperación designarase un GALP coordinador, que será o socio cuxo papel e responsabilidades inclúen a dirección e coordinación da preparación e implementación do proxecto, así como do seguimento e comunicación dos obxectivos conseguidos. Será a canle de comunicación coa Administración para proporcionar a información sobre o seguimento do proxecto e logros acadados.

5. No caso de que un ou más GALP galegos cooperen nun proxecto fóra do ámbito territorial da Comunidade Autónoma, un destes GALP terá que realizar as funcións de coordinador a nivel galego.

6. Cada un dos GALP galegos participantes no acordo terá a condición de beneficiario, asumindo as obrigas establecidas no artigo 8.

Artigo 8. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. Os beneficiarios deberán:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, con cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, na orde de convocatoria ou demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a comprobación documental e material do mesmo.

b) O beneficiario manterá os investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos durante un período mínimo de 5 anos desde o último pagamento efectuado pola Consellería do Mar.

c) Xustificar o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención, conforme ao establecido nesta orde.

d) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento no que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Comunicarlle á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foi concedida a axuda de que se trate.

g) No caso de axudas concedidas a bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura e no rexistro público correspondente o importe de subvención concedida e o período durante o cal os bens subvencionados quedan adscritos ao fin concreto recollido na subvención.

h) Dispoñer dos libros contables e dun sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas coa axuda, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, durante un mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, de acordo co establecido no artigo 136 do Regulamento (UE; EURATOM) nº 966/2012.

j) Independentemente do sistema establecido para a xustificación da subvención, deberán manterse a disposición da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, os documentos xustificativos relativos aos gastos subvencionados ata o 31 de decembro de 2023, salvo que o prazo que resulte do establecido no artigo 140 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 sexa distinto. Neste caso comunicarse coa antelación suficiente.

k) Os documentos conservaranse ou ben en forma de orixinais ou de copias compulsadas de orixinais, ou ben en soporte de datos comunmente aceptados, en especial versións electrónicas de documentos orixinais ou documentos existentes unicamente en versión electrónica.

l) Darlle a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), nos termos establecidos no artigo 115 e anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e do capítulo II do Regulamento (UE) nº 821/2014.

m) No caso de proxectos conxuntos, os beneficiarios deberán ratificar ante a Consellería do Mar o acordo de colaboración para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.

n) Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 10.1 do Regulamento (UE) nº 508/2014, durante todo período de execución da operación e durante un período de cinco anos despois da realización do pagamento final ao beneficiario. Así, no caso de detectarse infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, e de conformidade co artigo 135 do Regulamento nº 966/2012, poderase proceder á recuperación da axuda aboada indebidamente.

Artigo 9. Persoas e/ou entidades colaboradoras dun proxecto de cooperación

Nun proxecto de cooperación poden colaborar as entidades locais, fundacións, asociacións, entidades económicas ou empresarios individuais e, en xeral, calquera persoa física ou entidade con personalidade xurídica que manifeste o seu interese para contribuír ao desenvolvemento do proxecto.

Artigo 10. Gastos subvencionables

1. As accións e proxectos previstos ao abeiro desta orde débense corresponder con accións subvencionables segundo o disposto no Regulamento (UE) nº 508/2014 e a súa normativa de aplicación e desenvolvemento.

2. Os gastos subvencionables son os custos efectivamente asumidos polo perceptor dunha subvención e que se axustan aos seguintes requisitos xerais:

a) Que fosen pagados pola persoa beneficiaria con anterioridade á finalización do prazo de xustificación, e responden de maneira indubitada á natureza da operación subvencionada.

b) Que se consignasen no orzamento estimado total do proxecto.

c) Que sexan necesarios para a execución das actuacións obxecto da subvención.

d) Que sexan identificables e verificables, en particular que consten na contabilidade do beneficiario e se inscribiran de acordo coas normas contables e de conformidade coas prácticas contables habituais do beneficiario en materia de gastos.

e) Que cumpran co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.

f) Que sexan razoables e xustificados, e cumpran co principio de boa xestión financeira, en especial no referente á economía e relación custo/eficacia.

3. Os investimentos para os cales se solicita a axuda non se poderán iniciar antes da data de presentación da solicitude da axuda.

4. Gastos preparatorios:

a) Enténdese por gastos preparatorios os que se destinan a facilitar a busca de posibles socios e a apoiar a preparación dunha acción común. Son accións que preceden o proxecto de cooperación e inclúen os gastos ocasionados desde a data de presentación da solicitude de axuda ata a data da aceptación.

Estos gastos terán que identificarse claramente no orzamento dos proxectos e na xustificación de gastos, e non poderán superar o 30 % do custo total do proxecto.

b) Consideraranse gastos preparatorios subvencionables os gastos referidos ás seguintes actividades:

1º. Actuacións organizativas, asistencia a reunións, análises previas e elaboración de anteproxectos de cooperación.

2º. Procura de socios participantes e creación e mantemento dunha ferramenta ad hoc. Gastos de subscrición do acordo ou convenio de cooperación e/ou de constitución da estrutura xurídica común.

3º. Promoción de colaboracións externas que, como universidades, organizacións non gobernamentais, etc., acheguen coñecementos, experiencia, recursos técnicos, entre outros, á cooperación entre os territorios.

4º. Programas de formación específica en materia de cooperación.

5º. Recompilación e divulgación de boas prácticas en materia de cooperación.

6º. Gastos de viaxes e estadías para reunións e contactos de cara á posta en marcha do proxecto.

7º. Asesoramento contable, xurídico e fiscal.

8º. Gastos de interpretación e tradución.

9º. Material audiovisual e promocional e de asistencia telemática.

10º. Contratación temporal de persoal experto.

11º. Gastos de garantía bancaria.

12º. Estudos de viabilidade, seguimento e control, proxectos técnicos ou profesionais.

c) Os gastos preparatorios dun proxecto de cooperación poderán estimarse elixibles no caso de que, por causas debidamente xustificadas, o proxecto de cooperación non chegue a materializarse ou implantarse. Neste caso, o grupo enviará ao órgano instrutor un informe do proxecto que deberá incluír información completa das causas ou circunstancias que imposibilitaron a súa implantación.

5. Os grupos beneficiarios de proxectos de cooperación poderán subcontratar totalmente a execución destes, segundo o disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Gastos non subvencionables

1. Para os efectos do disposto nesta orde, os seguintes gastos non serán subvencionables:

a) O IVE, excepto cando non sexa recuperable e sexa custeado de forma efectiva e definitiva por beneficiarios que non teña a condición de suxeito pasivo, de acordo coa definición do artigo 13 punto 1, parágrafo primeiro da Directiva 2006/112/CE do Consello, do 28 de novembro de 2006 relativa ao sistema común do imposto sobre o valor engadido.

b) Os gastos xerais e de funcionamento dos GALP participantes.

c) Os regalos e as atencións protocolarias ou de representación.

d) Os xuros debedores e outros gastos financeiros.

e) A adquisición de terreos non edificados e terreos edificados por un custo superior ao 10 % do gasto total subvencionable.

f) As recargas e sancións administrativas e penais, así como os gastos dos procedementos xudiciais.

g) O custo dos elementos de transporte que non estean directamente relacionados coa operación.

h) As compras de materiais e equipamentos usados.

i) Os gastos de reparacións, conservación, funcionamento e mantemento dos bens e equipamentos. Os gastos orixinados por unha mera reposición dos anteriores salvo que a nova adquisición corresponda a investimentos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento.

j) Os gastos de constitución e primeiro establecemento dunha sociedade, agás os derivados da creación dunha estrutura común entre os socios do proxecto de cooperación.

k) As obras non vinculadas co proxecto, de investimento en vivendas, comedores, obras de embelecemento, equipos de recreo e similares.

l) A urbanización que non estea relacionada coa actividade do proxecto que se pretende financiar.

m) As contribucións en especie.

n) A transferencia da propiedade dunha empresa.

o) Adquisición de elementos e todo tipo de bens pagados en efectivo.

p) Os custos indirectos.

q) Contratación de servizos de profesionais externos e asesoramento con traballadores dalgunhas das entidades beneficiarias do proxecto.

r) Contratación entre beneficiarios para levar a cabo actividades ou servizos no proxecto, nin autofacturación.

s) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable, que non estea relacionado coa posta en marcha ou execución do proxecto ou coa estratexia do GALP.

Artigo 12. Contía das axudas

O grado de financiamento dos proxectos interrexionais ou transnacionais ao abeiro da correspondente EDLP para operacións que se leven a cabo en virtude do título V, capítulo III do Regulamento (UE) nº 508/2013, será o seguinte:

a) A porcentaxe de axuda máxima para proxectos ascenderá ao 50 % do gasto subvencionable total da operación.

b) A porcentaxe de axuda máxima poderá ascender ao 100 % do gasto subvencionable total da operación cando a operación responda aos seguintes criterios: beneficiario colectivo e ofrecer acceso público aos seus resultados.

c) Nos proxectos que se amparen no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 del Tratado a las axudas de minimis (D.O. L352, do 24.12.2013), aplicaranse as porcentaxes anteriores e limitaranse a un máximo de 200.000,00 € por promotor durante un período de tres exercicios fiscais.

Artigo 13. Compatibilidade das axudas

1. As axudas recollidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda, subvención ou recurso público e privado, sempre que o mesmo gasto ou investimento non teñan financiamento parcial ou total procedente doutro fondo EIE ou instrumento financeiro comunitario, nin polo mesmo fondo conforme a un programa ou medida diferente e, ademais, que o importe acumulado das axudas non exceda o custo da actividade subvencionada.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os devanditos límites, procederase por resolución do órgano concedente á minoración da axuda concedida.

3. Os beneficiarios deberán comunicar por escrito a obtención de calquera outra axuda e deberán achegar, de ser o caso, a resolución de concesión.

Artigo 14. Criterios de selección

1. Estas axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva, para o cal os proxectos presentados valoraranse de acordo cos criterios establecidos no punto 2 do presente artigo.

2. Para superar o proceso de selección os candidatos deberán obter un mínimo de 100 puntos, sobre un total de 200 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

a) A implicación dos socios necesarios para a posta en marcha dos proxectos. Máximo 30 puntos.

1º. Proxectos de cooperación entre GALP de Galicia: en función do número de socios. Máximo 30 puntos.

2º. No caso dos proxectos de cooperación con grupos doutras comunidades autónomas e/ou cooperación transnacional, e en función do número de socios:

i. Cooperación interterritorial con grupos doutras comunidades autónomas. Máximo 20 puntos.

ii. Cooperación transnacional. Máximo 20 puntos.

b) A capacidade dos beneficiarios para executar o proxecto. Máximo 20 puntos.

c) O proxecto describe claramente o grupo a que está destinado e as entidades que van participar/colaborar na súa implementación. Máximo 15 puntos.

d) Articulación do proxecto en relación coas EDLP dos grupos galegos participantes. Obxectivos estratéxicos da estratexia do GALP aos que contribúe o proxecto. Máximo 30 puntos.

e) Orzamento axeitado e coherente co cronograma e as actividades que se van realizar. Máximo 20 puntos.

f) A descrición clara e lóxica das actividades formuladas e do valor engadido da cooperación. Máximo 20 puntos.

g) Incidencia sobre os sectores de mulleres e mozos/as. Máximo 20 puntos.

i. Porcentaxe das actuacións do proxecto dirixidas a mulleres. Máximo 10 puntos.

ii. Porcentaxe das actuacións do proxecto dirixidas a mozos/as. Máximo 10 puntos.

h) Fomentar o crecemento azul, en particular a través do turismo costeiro e marítimo. Máximo 20 puntos.

i) No caso de proxectos transnacionais, e en relación co persoal á disposición do proxecto, acreditar o coñecemento de máis dun idioma oficial da UE ou da lingua de orixe do país socio. Máximo 10 puntos.

j) Recursos locais involucrados nos proxectos (patrimonio, infraestruturas, produtos ou servizos locais). Máximo 15 puntos.

CAPÍTULO II

Procedemento de concesión das axudas

Artigo 15. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 16. Solicitudes

1. As solicitudes irán dirixidas á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e axustaranse ao modelo que figura como anexo I.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante; se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas, ou polo GALP coordinador, de ser o caso.

4. Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que contén esta e na que se fan constar os seguintes puntos:

a) Que cumpren os requisitos para obter a condición de entidade beneficiara, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Que non se encontran en ningún dos supostos establecidos no punto 1 do artigo 10 do Regulamento (UE) núm. 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, é dicir:

1º. Non ter cometido infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou o artigo 90.1 do Regulamento (CE) nº 1224/2009.

2º. Non ter estado involucrada na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDR da Unión, recollida no artigo 40.3 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou de buques que enarboren pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, segundo se establece no seu artigo 33.

3º. Non ter cometido infraccións graves da política pesqueira común (PPC).

4º. Non ter cometido fraude no marco do Fondo Europeo de Pesca (FEP) ou do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

c) Non ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

d) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

e) Incluirase a información sobre as axudas de minimis cubertas polo Regulamento (UE) 1407/2013 ou por outros regulamentos de minimis, recibidas durante o exercicio fiscal correspondente e sobre os dous exercicios fiscais anteriores, de ser o caso.

f) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir co proxecto para o cal se solicita a axuda.

Artigo 17. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1. Certificación do órgano competente na cal se especifique o acordo polo que se lle concede autorización para facer a solicitude ao asinante dela. Se actua en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

2. Certificación do órgano competente na cal se acredite o desempeño actual do cargo.

3. Proxecto para o cal se solicita a subvención, que deberá conter, polo menos:

a) Memoria e orzamento que conteña unha descrición do proxecto conforme os modelos que figuran na páxina web http://mar.xunta.gal

b) No caso de que o proxecto se poida desenvolver por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas independentemente.

c) Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, no que o IVE deberá constar por separado e acompañarase da documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma...).

d) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa xustificación ou, de ser o caso, coa solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. As ofertas presentadas deben coincidir en conceptos para facilitar a comparación entre elas.

4. O acordo de cooperación subscrito con anterioridade á solicitude da axuda por todos os grupos participantes no proxecto de cooperación, que terá o contido mínimo establecido no artigo 6.2.

5. Acreditación do IVE soportado non recuperable polo promotor, se é o caso. Aquelas persoas que estean exentas do IVE deberán xustificar esta circunstancia mediante a presentación da documentación/circunstancia acreditativa da dita exención.

6. Proxecto técnico de execución, se é necesario. En actuacións sobre inmobles, presentarase un proxecto básico ou un anteproxecto valorado que permita unha definición exacta da intervención que se vai realizar e o seu custo, ademais de acreditar a dispoñibilidade sobre o inmoble en cuestión.

7. No caso de que o proxecto o requira, o promotor deberá acreditar a capacidade legal do uso ou desfrute ou propiedade dos bens relacionados no proxecto.

8. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación do punto 5 por cada un dos solicitantes, e ademais, engadirase:

a) Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

b) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

c) Declaración responsable de cada unha das entidades, de acordo co anexo II.

9. Outra documentación que sexa necesaria ou adecuada para a correcta valoración do proxecto presentado.

10. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

11. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

12. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

13. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

14. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

15. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

16. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 18. Documentación mínima

Sen prexuízo do disposto no artigo 17, a presentación da seguinte documentación considerarase mínimo imprescindible para a tramitación das solicitudes:

a) Anexo I de solicitude da axuda.

b) Memoria e orzamento.

c) Acordo de cooperación.

Non serán admitidas aquelas solicitudes en que se aprecie a ausencia desta documentación. Nestes casos emitirase resolución de inadmisión da solicitude.

Artigo 19. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a entidade solicitante se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) Certificación de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, de cada entidade solicitante.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social de cada entidade solicitante.

f) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia de cada entidade solicitante.

g) Concesións de subvencións e axudas.

h) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Resolución de concesión doutra axuda para a mesma finalidade concedida pola Xunta de Galicia, de ser o caso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

3. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 20. Tramitación dos procedementos de concesión das axudas

O procedemento de concesión das axudas terá as seguintes fases:

1. Instrución.

2. Selección e propostas.

3. Concesión.

Artigo 21. Fase de instrución

1. O órgano encargado da ordenación e instrución do procedemento de selección de candidatos a grupos de acción local será o Servizo de Desenvolvemento das Zonas de Pesca, que realizará, de oficio, cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

2. Se a solicitude non reúne todos os requisitos das bases reguladoras requirirase o interesado para que, no prazo de dez (10) días, emende as deficiencias, consonte o disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, coa indicación de que, se non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Non se aplicará o disposto no parágrafo anterior ás solicitudes que non veñan acompañadas da documentación mínima imprescindible para a tramitación sinalada no artigo 18.

3. O órgano instrutor clasificará as solicitudes de acordo cos criterios fixados nas bases da convocatoria.

Artigo 22. Comisión de Avaliación

1. Unha vez completos os expedientes, serán remitidos a unha Comisión de Avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará. A Comisión de Avaliación emitirá un informe co resultado da selección e realizará a proposta de concesión ao órgano concedente.

2. A persoa titular da Consellería do Mar designará un comité de selección que estará integrado por:

a) Presidente/a, que será a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

b) Vogais: 2 representantes pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

c) Vogais: 2 representantes pola totalidade das xefaturas territoriais da Consellería do Mar.

Un dos/das vogais da Comisión realizará as funcións de secretario/a da Comisión.

A Comisión poderá actuar asistida polas persoas asesoras que xulgue conveniente.

3. O funcionamento deste comité está sometido ás normas dos órganos colexiados recollidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de autonómico de Galicia.

En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros da Comisión poderán ser substituídos por quen designe a presidencia.

4. A creación do comité de selección de candidatos e EDLP non xerará incremento das consignacións orzamentarias do órgano con competencias en materia de pesca.

Artigo 23. Lista de reserva

1. A Comisión de Valoración establecerá unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria, non acaden a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito.

2. De resultar incrementado o crédito dispoñible en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, o órgano instrutor emitirá informe sobre a procedencia de utilizar a lista de reserva.

Artigo 24. Resolución

1. Á vista da proposta de resolución, o órgano competente emitirá resolución motivada pola que se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas.

2. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar, quen poderá delegar a dita competencia.

3. A resolución de concesión emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de catro (4) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. De non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución en que se terán en conta as solicitudes que formen parte da listaxe de reserva a que se refire o artigo 23 desta orde.

Artigo 25. Aceptación

As persoas interesadas terán un prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución de concesión da axuda para comunicar a aceptación ou rexeitamento expreso nas condicións expresadas nela. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tácitamente aceptada a axuda.

Artigo 26. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 27. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 28. Modificación da resolución e posibilidade de prórrogas

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, obtención concorrente doutras subvencións e axudas, incumprimento dos prazos de realización das obras, modificacións que afecten o proxecto, variación do orzamento aprobado ou calquera outro aspecto que afecte un aspecto substancial da resolución de concesión poderá dar lugar á súa modificación ou á súa revogación.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do interesado, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade ou modificación proposta estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

b) Que a modificación non cause prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención ou a non selección do proxecto na concesión inicial.

d) Que a modificación non supoña un incremento do orzamento ou da porcentaxe de axuda.

3. No caso de axudas para financiar investimentos ou gastos de distinta natureza, a execución deberá axustarse á distribución dos conceptos do investimento acordado na resolución de concesión. No obstante, sen necesidade de instar o procedemento de modificación da subvención e sempre que exista causa xustificada e non se altere o obxecto e finalidade da axuda, na xustificación das partidas poderán ser admitidas compensación dos importes duns conceptos cos de outros, ata un 15 % do investimento.

Estas variacións, en ningún caso, poderán poderán supoñer un incremento dos límites porcentuais previstos neste réxime de axudas.

4. No suposto de que o beneficiario considere que non pode rematar o proxecto ou cumprir os compromisos dentro do prazo sinalado na resolución de concesión da axuda, poderá, ata un mes antes de rematar o prazo de xustificación, solicitar prórroga, expoñendo as razóns polas que non pode cumprir co devandito prazo, e presentando unha memoria onde se especifique o grao de realización da actividade subvencionada e o novo cronograma de actuacións.

O órgano concedente ditará resolución pola que se aprobe ou denegue a prórroga solicitada. No caso de que sexa aprobada, non poderá exceder da metade do tempo inicialmente concedido nin prorrogarse máis alá da anualidade 2022. O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

CAPÍTULO III

Xestión e xustificación das axudas

Artigo 29. Xustificación

1. O GALP beneficiario deberá acreditar a realización do proxecto, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinaron a concesión da axuda.

2. Para isto, logo da execución do proxecto no prazo sinalado na resolución de concesión da axuda e con data limite o 30 de decembro de 2022, o GALP beneficiario presentará a seguinte documentación:

a) Escrito en que solicite o pagamento da axuda.

b) Memoria xustificativa da realización do proxecto con especial referencia aos obxectivos acadados.

c) Declaración responsable de axudas recibidas e solicitadas para o mesmo proxecto, segundo o anexo II.

d) Relación de facturas indicando número de factura, nome da empresa emisora e NIF, e importe total con desagregación do IVE.

e) Os pagamentos do investimento obxecto da axuda deberán realizarse de forma efectiva dentro do prazo de xustificación e acreditaranse mediante facturas dos gastos realizados, xunto cos xustificantes bancarios do pagamento das ditas facturas.

f) Certificacións acreditativas de estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, no caso de denegar expresamente o acceso á consulta.

g) Os permisos, as inscricións e/ou as licenzas requiridas para o tipo de actividade de que se trate deberán presentarse, como máis tarde, xunto coa última solicitude de pagamento.

h) Na xustificación da adquisición de maquinaria e equipamento deberase xuntar unha relación dos equipamentos subvencionados na cal conste marca, modelo e número de serie ou referencia equivalente para a súa identificación.

i) No caso de que o proxecto o requira, o promotor deberá acreditar a capacidade legal do uso e disfrute ou propiedade dos bens relacionados co expediente durante o período mínimo equivalente ao que se vai exixir a permanencia do investimento. A acreditación deberá realizarse mediante escritura pública de compra venda ou certificado do rexistro da propiedade, ou mediante contrato de alugamento ou cesión ou concesión administrativa.

j) No caso de bens inscritibles nun rexistro público, deberá achegarse a documentación acreditativa de que se fai constar a afectación do ben á subvención no rexistro correspondente, como máis tarde, xunto coa última solicitude de pagamento.

3. Os servizos correspondentes da Consellería do Mar emitirán certificado sobre o grao de realización do investimento, así como da súa adecuación, tanto ao proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda como aos xustificantes de gasto presentados.

4. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos librados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

Artigo 30. Pagamento

O pagamento das axudas efectuarao a Consellería do Mar unha vez xustificada de forma documental e material a realización do obxecto da subvención e a elixibilidade do gasto.

No caso de que o investimento sexa xustificado por menor contía que o considerado como subvencionable inicialmente, poderase minorar a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración non afecte aspectos fundamentais do proxecto e que non supoña unha realización deficiente deste.

Artigo 31. Pagamentos parciais

1. Poderán realizarse xustificacións parciais a medida que se vaian executando as accións subvencionadas. Os pagamentos parciais non poderán superar o 80 % da axuda e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada. Os pagamentos están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados neste artigo.

Non se considerará que un pagamento é parcial cando comprenda a totalidade da subvención correspondente a unha fase do proxecto susceptible de producir efectos independentes, sempre que así se recolla expresamente na resolución de concesión.

2. Por resolución motivada do órgano concedente, e logo de solicitude dos interesados, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50 % da subvención naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados neste artigo.

3. Garantías:

a) Será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos parciais, nos seguintes supostos:

1º. Anticipos que superen o importe de 18.000,00 euros.

2º. Pagamentos parciais cando a contía da subvención exceda dos 18.000,00 euros.

Estes importes anteriores enténdense referidos á cantidade acumulada dos pagamentos realizados, parcial e/ou anticipadamente.

b) A garantía constituirase mediante presentación de aval solidario de entidade de crédito, que deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou que se anticipen, de conformidade co disposto no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepto nos casos previstos no artigo 65.4 dese decreto. O aval será depositado na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia.

As garantías serán liberadas despois de que se comprobe a realización do proxecto ou das accións independentes que o compoñan.

4. O importe conxunto dos pagamentos parciais e anticipados que, de ser o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80 % da subvención concedida.

Artigo 32. Verificación posterior ao pagamento da axuda

A Consellería do Mar realizará os controis oportunos para verificar que a acción subvencionada non teña unha modificación fundamental das establecidas no artigo 71 do Regulamento (UE) 1303/2013, nos cinco ou tres anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda, segundo o caso.

Artigo 33. Recursos

1. As resolucións, expresas ou presuntas, que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a conselleira do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

2. Contra estas bases reguladoras, cuxa aprobación pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira do Mar no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, tamén se poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 34. Reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento e/ou procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda concedida e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos sinalados no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, o importe para reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación de posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Procederá a declaración de perda do dereito de cobramento da totalidade ou parte da subvención concedida e, se for o caso, o reintegro das cantidades indebidas cobradas cando a persoa beneficiaria modifique a actividade que se vaia desenvolver declarada na solicitude e na memoria do proxecto, sen contar coa aprobación previa establecida no artigo 28 desta orde.

b) Procederá o reintegro total da axuda concedida no caso de incumprir coa obrigación indicada no artigo 8.2.e) da presente orde, relativa a comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que sexan incompatibles.

c) O incumprimento da obrigación establecida no artigo 8.2.e) desta orde, relativa a comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que fosen compatibles, dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento de acordo co artigo 23 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) O incumprimento do mantemento dun sistema de contabilidade separado ou unha codificación contable adecuada, segundo o establecido no artigo 8.2.h) desta orde dará lugar ao reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

e) O incumprimento das obrigacións en materia de publicidade, establecidas no artigo 8.2.l) da presente orde, dará lugar a un reintegro do 2 % da axuda concedida.

2. Para o citado procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 35. Infraccións e sancións

As actuacións dos beneficiarios en relacións coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 36. Consentimentos e autorizacións

De conformidade co artigo 17.1.b) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 37. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 38. Loita contra a fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os devanditos feitos en coñecemento do Servizo nacional de coordinación antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo devandito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo, que se pode consultar no enderezo web: http://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Artigo 39. Publicidade

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 15 da Lei de subvencións de Galicia e no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (https://www.xunta.gal/mar) a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas.

Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, deberase transmitir á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria e para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2022

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file