Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 3 de febreiro de 2022 Páx. 7339

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 12 de xaneiro de 2022, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción e se declaran, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, as instalacións eléctricas no concello de Verín (expediente IN407A 2021/122-3).

Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. (en adiante, UFD), co CIF A63222533, e domicilio social na avenida San Luis, 77, 28033 Madrid, sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas sitas no concello de Verín, resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 1.9.2021, UFD solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas que se inclúen no proxecto de execución denominado proyecto para LMT, CTC e RBT Ábedes (Verín), asinado o 5.2.2021 polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez, colexiado núm. 2233 do Coeticor, quen acredita a súa habilitación e competencia mediante declaración responsable da data sinalada, que se vai desenvolver en Ábedes, concello de Verín, cun orzamento de 74.917,09 € e que prevé a execución das instalacións que teñen as características técnicas que se detallan a seguir:

– LMTS desde novo apoio de celosía metálica de tipo C 16/1000-H35-CA, para intercalar na LMTA VII804 entre o elemento de manobra XS 32HY78 e a derivada a CT 32CJZ9, de 26 m de lonxitude en condutor tipo RHZ1-2 OL 12/20 kV, 3 (1×240 Al), con orixe no paso A/S no novo apoio 6×1, proxectado C 16/1000-H35 da LMT VII808 e final no CT proxectado; retensado de condutor existente entre os apoios número 6 e número 8.

– Centro de transformación prefabricado compacto (CT), con manobra exterior e envolvente de formigón de tipo 2L1P TC, de 250 kVA de potencia aparente, con R/T 20.000/400-230 V e illante en aceite mineral.

Segundo. A solicitude someteuse a información pública mediante Resolución do 7 de setembro de 2021 desta xefatura territorial, que foi publicada no DOG do 29 de setembro e no xornal La Región de Ourense do 17.9.2021. Ademais, a documentación que foi sometida a información pública estivo tamén á disposición no portal da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación durante o prazo regulamentario, en aplicación dos artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Dentro do prazo establecido para iso foron presentadas as seguintes alegacións, que foron trasladadas ao promotor, UFD:

– Laura Barros Bahamonde, en resumo, solicita a denegación da utilidade pública para o proxecto e indica que o proxecto incumpre a normativa urbanística que cita, polo que a nova LMT debe ser proxectada en subterráneo; que se desprace a LMT actual sen xustificación e que a súa propiedade afectada debe de ser considerada como soar edificable. Non está de acordo coas medicións da afección e que aquela impedirá calquera posibilidade de aproveitamento urbanístico da parcela afectada. Ademais, solicita que de manterse o trazado da liña aérea se modifique para non afectar terreos con cualificación de solo urbano de núcleo tradicional ou soterrar o trazado. De manterse o trazado, solicita a expropiación da totalidade da parcela que se vería, segundo indica, privada da condición de soar.

– José Miguel Vaamonde Garrido, en resumo, alega que existe erro na titularidade da propiedade afectada polo presente expediente de reforma da LMT en Ábedes e que a situación do transformador proxectado impide a entrada ao predio, polo que solicita que se corrixan as titularidades de xeito que se exclúan como propietarios os herdeiros de Claudia Fernández Fernández, xa que o predio unicamente é seu, e que se proceda a modificar o proxecto de forma que se dispoña dunha entrada á parcela.

Terceiro. Para cumprir co trámite previsto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e co artigo 146 no relativo á utilidade pública, foron remitidas as correspondentes separatas técnicas do proxecto aos seguintes organismos e/ou empresas: Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Concello de Verín e Telefónica de España, S.A.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Esta xefatura territorial é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma Galega en materia de industria, enerxía e minas, no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e co citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Segundo. Foron cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no capítulo II do título VII do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria, do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Dentro do trámite de condicionados con outros organismos afectados, citado no antecedente de feito terceiro desta resolución, consta no expediente a aceptación de UFD ao condicionado imposto por Telefónica de España, S.A. e tamén dentro do prazo establecido para iso, tanto a AXI como o Concello de Verín non manifestaron nada en contra do proxecto, polo que se entende que amosan a súa conformidade á autorización da instalación conforme o sinalado no proxecto de execución.

Terceiro. Á vista do proxecto, das alegacións presentadas, da contestación realizada pola empresa eléctrica solicitante e da lexislación de aplicación, cómpre manifestar o seguinte:

Non se poden estimar as alegacións presentadas por Laura Barros Bahamonde, xa que no relativo á declaración de utilidade pública para o proxecto, esta vén recoñecida para instalacións de distribución eléctrica, como a presente, polo artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, cumprindo para iso a empresa cos requisitos que recolle o artigo 55 da mencionada norma. A liña eléctrica aérea existente non é obxecto deste proxecto, o cal, ao contrario do que menciona a alegante, non prevé ningunha liña eléctrica en aéreo, xa que a acometida ao CT proxectado realízase precisamente en subterráneo. Na tramitación do expediente figura a comunicación realizada ao Concello, como competente en materia urbanística, coa achega da correspondente separata técnica do proxecto, sen que no prazo establecido para iso se manifestase en contra daquel, polo que tal e como se recolle nos artigos 127, 131 e 146 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, debemos entender que non existe ningunha obxección pola súa parte dentro das materias da súa competencia.

Tampouco procede estimar a solicitude de expropiación total do predio xa que a superficie de ocupación e as servidumes xa existentes dentro da finca, incluída a servidume da actual liña eléctrica en aéreo existente na parcela e que en todo caso se debe respectar, non alteran as condicións fundamentais de explotación daquela. Ademais, cos datos obrantes no expediente IN407A 2021/122-3 non resulta probado de forma suficiente que as afeccións derivadas do proxecto a trámite fagan antieconómica a explotación ou conservación do predio, condición que se sinala como imprescindible no artigo 152 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, para ter en conta a dita solicitude.

Con respecto ao alegado por José Miguel Vaamonde Garrido cómpre indicar que a exacta definición dos bens e dos dereitos afectados, así como a comprobación da titularidade da finca, será realizada sobre o terreo no momento do levantamento das actas previas á ocupación, trámite para o cal serán citados os afectados, facendo mención aos actuais aproveitamentos e aos demais datos que han servir, xunto coas follas de aprecio que presenten as partes, para que o Xurado de Expropiación de Galicia adopte a resolución do correspondente prezo xusto.

Esta xefatura territorial, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro. Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción ás devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

Que polo representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, se dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daquelas fincas que figuran no anexo da resolución de información pública do proxecto.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 12 de xaneiro de 2022

Pablo Fernández Vila
Xefe territorial de Ourense