Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 2 de febreiro de 2022 Páx. 7080

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de San Cibrao das Viñas

ANUNCIO de aprobación do texto do convenio urbanístico con Aceites Abril, S.L. para a modificación número 7 do Plan xeral de ordenación municipal.

O Pleno Municipal, en sesión extraordinaria do 23 de decembro de 2021, por maioría de dez votos a favor, sendo trece os concelleiros que legalmente forman a Corporación municipal, adoptou o seguinte acordo relacionado coa aprobación da modificación núm. 7 do Plan xeral de ordenación municipal de San Cibrao das Viñas no ámbito do polígono industrial David Ferrer Garrido, para a mellora do sistema xeral de espazos libres SE-P 6-3 subscrito con Aceites Abril, S.L., publícase este para o seu xeral coñecemento, de conformidade co artigo 403.1 do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, aprobado mediante o Decreto 143/2016, do 22 de setembro:

«Primeiro. Aprobar e ratificar o texto definitivo do convenio urbanístico descrito nos antecedentes e obrante no expediente nos termos en que foi redactado.

Segundo. Notificar e emprazar a persoa ou persoas interesadas, para os efectos de que se asine o convenio urbanístico arriba referenciado, nun prazo de quince días desde a notificación da aprobación do texto definitivo.

Transcorrido este prazo sen que o convenio fose asinado, quedará sen efecto.

Terceiro. Publicar o texto íntegro do convenio, xunto co seu acordo de aprobación, no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Anotar o nome do convenio no Rexistro de convenios urbanísticos do concello e custodiar un exemplar completo do seu texto definitivo e de toda a súa documentación anexa no arquivo administrativo municipal.

Quinto. Inscribir o contido do convenio subscrito no Rexistro da Propiedade de Ourense nos termos previstos na lexislación hipotecaria.

Sexto. No seu caso, remitir electronicamente copia do convenio, acompañada da correspondente memoria xustificativa, ao rexistro telemático do Tribunal de Contas».

Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, pode interpor alternativamente recurso de reposición potestativo ante este Concello, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación do presente anuncio, de conformidade cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; ou ben interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Se se optase por interpor o recurso de reposición potestativo non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo ata que aquel sexa resolto expresamente ou se produciu a súa desestimación por silencio. Todo iso sen prexuízo de que poida interpor vostede calquera outro recurso que puidese considerar máis conveniente ao seu dereito.

San Cibrao das Viñas, 11 de xaneiro de 2022

Manuel Pedro Fernández Moreiras
Alcalde

ANEXO I

Texto do convenio

Convenio de plan para a modificación nº 7 do Plan xeral de ordenación municipal de San Cibrao das Viñas no ámbito do polígono industrial David Ferrer Garrido, para a mellora do Sistema xeral de espazos libres SE-P 6_3

San Cibrao das Viñas, 10 de xaneiro de 2022

Reunidos

Dunha parte, Manuel Pedro Fernández Moreiras, na súa condición de alcalde-presidente do Concello de San Cibrao das Viñas, e M. Isabel Colmenero Veloso, na súa condición de secretaria do mesmo concello e en exercicio das funcións atribuídas tanto polo punto 1.a) do artigo 92 bis da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, como polo punto 3.2.i) do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional; ambos os dous con domicilio para os efectos do presente documento na praza da Constitución, 1, Camiño Laxedo, 9, 32911 San Cibrao das Viñas, Ourense.

Doutra, Luís Pérez Canal e Jorge Pérez Canal, ambos os dous actuando en representación da mercantil Aceites Abril, S.L., titular do NIF B-32218356, na súa condición de conselleiros delegados dela e con domicilio para todos os efectos no polígono industrial San Cibrao das Viñas, C/6, N18, 32901 San Cibrao das Viñas, Ourense.

Os reunidos, recoñécense reciprocamente, no concepto das súas respectivas intervencións, capacidade legal suficiente para obrigarse en virtude do presente convenio de planeamento, e para ese efecto,

Expoñen:

I. Que no ámbito do polígono industrial de San Cibrao das Viñas existe, na súa zona central, unha zona verde pública na contorna do Regato de Pazos, calificada como Sistema xeral de espazos libres SE-P 6_3. Unha das partes deste sistema xeral, na súa fronte desde a Rúa 6, é totalmente impracticable polas súas condicións topográficas, de tal maneira que existe unha parte del que non cumpre coas condicións de accesibilidade que determina a lexislación urbanística vixente. De aí, xorde a necesidade de modificar a configuración espacial deste sistema, co obxectivo de mellorar a ordenación do PXOM.

II. Que Aceites Abril, S.L. é titular das leiras situadas na Rúa 6 do polígono industrial San Cibrao das Viñas con números de referencia catastral 7624006NG9872S e predio 1 da matriz 7624005NG9872N proveniente da escritura de segregación outorgada o 19 de agosto de 2021 ante María Teresa Fernández Carreira, notaria do Ilustre Colexio Notarial de Galicia, e baixo o número de protocolo dous mil setenta e cinco. Detállanse graficamente a continuación:

missing image file

Sitúase entre elas, como se desprende da imaxe adxunta, a zona verde impracticable detallada no expositivo I, cun ancho aproximado de 10 m.

III. Máis aló de calquera necesidade estratéxica ou mercantil da sociedade asinante, prima sobre todo iso o interese público da zona á hora de propoñer ambas as partes a sinatura deste convenio destinado á modificación da configuración espacial que máis adiante se detallará. Interese que pode verse atendido grazas ás potestades urbanísticas das corporacións municipais e sobre o cal se pronuncia o propio Tribunal Supremo, referindo que «a potestade de planeamento, aínda sendo discrecional, circunscríbese a un fin concreto: a satisfacción do interese público» (STS 18-10-2012 [RC 1408/2010].

Na parte oeste das parcelas transcorre a zona verde antes destacada que conta cunha lonxitude aproximada de 550 m, cuxos únicos accesos son contrapostos e afastados, dificultando a entrada a viandantes e traballadores da zona. En si, o que con esta modificación se pon sobre a mesa é facer moito máis accesible esta zona verde, fomentando o seu uso e desfrute ao conseguir crear un acceso fácil para o público xeral, que poderá desfrutar do seu valor paisaxístico ata agora desaproveitado.

Ademais, as condicións nas cales esta zona verde se faga accesible, permitirán tamén o cómodo acceso de maquinaria de conservación.

IV. Todo este tipo de actuacións veñen enmarcadas na propia normativa estatal e autonómica buscando tamén, entre outras cousas e máis alá do interese xeral antes xustificado, «(…) a localización de actividades económicas xeradoras de emprego estable (…)», tal e como se desprende neste caso do principio de desenvolvemento territorial e urbano sostible recollido no artigo 3 do Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana.

Nos propios plans e obxectivos de desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia e a través da Axenda de Competitividade Galicia Industria 4.0, atopámonos coa necesidade dun afán colaborativo das administracións públicas no desenvolvemento do tecido produtivo galego, pretendendo optimizar dentro dos factores territoriais de competitividade o solo industrial e a propia normativa reguladora, para que todo iso non poña trabas ao desenvolvemento da actividade industrial.

Un dos obxectivos clave desta axenda é estimular unha maior dimensión das empresas, creando unha contorna adecuada para que a industria galega alcance unha dimensión que lle permita por si mesma competir con vantaxe no mercado global.

Seguindo o exposto, os beneficios para a poboación e o interese xeral tamén derivarán da expansión industrial que Aceites Abril, S.L., empresa familiar e de recoñecido compromiso coa comunidade, poida levar a cabo grazas a esta nova configuración proposta na modificación do PXOM, onde en concordancia coas condicións urbanísticas vixentes poderá proxectar a construción de novas instalacións que permitan o crecemento e mellora da súa actividade produtiva; xa que este terreo constitúe a única oportunidade de expansión razoable a nivel loxístico e produtivo dadas as condicións que rodean a actual planta da empresa.

A actuación de implantación considérase unha actuación estratéxica que en si mesma trascende os límites do termo municipal de San Cibrao das Viñas, propiciando a implementación de novas actividades produtivas que proporcionarán solidez á estrutura urbana do municipio e fortalecerán a súa estrutura socioeconómica.

Como se adiantaba, a realidade física dos terreos anteriormente identificados, dado o sistema xeral de zonas verdes que transcorre entre eles e que actualmente non beneficia o interese xeral, representa un escollo á expansión planeada, que podería liquidarse a través destes medios que a Administración posúe para levar a cabo actuacións negociadoras que, satisfacendo sempre e en primeiro lugar o interese público, fagan tamén viable o crecemento empresarial desde o punto de vista dos investimentos que se van acometer e dos aproveitamentos a obter.

V. Pola súa banda, a lexislación sobre o solo prevé, ademais da posibilidade de modificar puntualmente un plan urbanístico vixente (art. 83 LSG 2016), como anteriormente se adiantou; a posibilidade de mellorar a ordenación, adecuándoa ao desenvolvemento urbanístico racional e fundamentando iso en razóns de interese público debidamente xustificadas; sempre de forma acorde cos límites de sustentabilidade, cos estándares de calidade de vida e cohesión social, e coas normas de calidade ambiental e paisaxística.

No suposto concreto ha de significarse, sumado ás razóns previamente expostas, a concorrencia de catro eixos ou factores claramente diferenciados que, por si mesmos, son xeradores de interese e beneficio público. Trátase de factores socioeconómicos, sociodemográficos, socioculturais (educativos/formativos) e socioambientais.

Factores socioeconómicos desde a perspectiva do cumprimento do mandato constitucional de promover e fomentar as condicións favorables para o progreso económico, a modernización e o desenvolvemento de todos os sectores económicos, ou a procura do pleno emprego; tendo en conta que a actuación proposta suporía a implantación e a expansión da actividade produtiva de Aceites Abril, S.L., o que levaría a un importantísimo impulso económico non só para o municipio de San Cibrao das Viñas, senón tamén para toda a súa área de influencia, tanto dunha forma directa (pola propia actuación en si, dadas as necesidades que xere nun primeiro momento pola súa execución e posteriormente pola propia actividade que se desenvolva nela), como indirecta (debido ao impacto positivo nos servizos da zona). Han de significarse tamén as sinerxías que co sector primario se desenvolvan polo fomento do cultivo de oliveira que esta empresa leva a cabo en Galicia.

Factores sociodemográficos, tendo en conta que a promoción da modificación proposta significará a creación de emprego directo, o que non só contribuirá a minorar o elevado índice de envellecemento da poboación, senón que tamén terá un importante impacto no incremento da natalidade e, por tanto, no crecemento demográfico do termo municipal, fomentando o incremento do valioso capital que o factor humano constitúe.

Polo que respecta á concorrencia de concretos factores socioculturais, estes concorren desde unha dobre perspectiva: a educativa/formativa, posto que nos encontramos ante o desenvolvemento dunha actuación de promoción empresarial do sector industrial, cunha vertente de investigación e desenvolvemento, e de fomento da dieta saudable mediterránea a través da cultura da alimentación; e a estritamente cultural, posto que ha de significarse a posta en valor dun sector olivareiro que a empresa Aceites Abril, S.L. está a fomentar e rescatando dos libros de historia.

Por último, pero non menos importante, ha de sinalarse a presenza de factores socioambientais, tendo en conta que a actuación proposta non só conseguirá a integración funcional e a interacción paisaxística coa contorna, senón que se procederá á posta en valor de aspectos ambientais, buscando a forma de integrar un novo espazo de zonas verdes que verdadeiramente mellore a calidade de vida dos habitantes e que permita o efectivo uso dunha zona desaproveitada e con gran valor paisaxístico, e esta é unha das obrigacións principais que á mercantil se imporá con respecto ao acordo.

Sen ningunha dúbida, o citado convenio resulta de grande importancia para o interese xeral, tal e como se explica nos parágrafos anteriores, por canto a modificación mellorará a capacidade loxística do solo industrial e facilitará en primeiro lugar o aproveitamento dunha zona verde con gran valor paisaxístico e en última instancia, cumprindo con todos o obxectivo e os principios marcados pola Administración, fomentando a consolidación e o crecemento dunha empresa xa asentada na zona.

A modificación proposta é de todo coherente cos instrumentos de ordenación existentes, mellorando en gran medida a súa disposición e utilidade.

VI. Considerando ambas as partes a conveniencia de adoptar as medidas pertinentes para a consecución dos obxectivos anteriormente esbozados; e de acordo co disposto nos artigos 2.3, 165 e seguintes da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante LSG 2016) así como nos artigos 2.3, 398 e seguintes do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante RLSG 2016); subscriben o presente convenio urbanístico de plan, suxeito ás seguintes

Cláusulas:

Primeira. Obxecto

En atención aos antecedentes expostos, o obxecto deste convenio urbanístico é establecer os termos de colaboración entre o Concello de San Cibrao das Viñas e Aceites Abril, S.L. para o mellor e máis eficaz desenvolvemento da actividade urbanística no concernente á modificación do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de San Cibrao das Viñas, delimitando e ordenando detalladamente unha permuta entre ambos os asinantes, de maneira que sexa viable a transformación urbanística do devandito solo e se posibilite en última instancia a expansión e o desenvolvemento por parte de Aceites Abril, S.L. nunhas condicións óptimas.

Segunda. Presentación

A permuta entre ambos os asinantes, enmarcada dentro da modificación nº 7 do Plan xeral de ordenación municipal de San Cibrao das Viñas no ámbito do polígono industrial David Ferrer Garrido, para a mellora do Sistema xeral de espazos libres SE-P 6_3, formularase e rexerase polo exposto a continuación e serán obxecto dela as porcións de terreo público e privado que se detallan.

Por unha banda, a superficie SE-0 6_3 propiedade do Concello, actualmente impracticable, e que conecta o viario da Rúa 6 coa zona de espazos verdes, cunha superficie estimada de 1.548,40 m2 e un ancho aproximado de 10 m.

missing image file

Doutro lado, dentro dos límites da actual parcela de Aceites Abril, S.L. e identificada como predio 1 da matriz 7624005NG9872N, destácase a superficie privada obxecto de cesión na permuta, cun estimado de 1.549,06 m2.

Esta permuta de superficies levaría a transformar esta porción do sistema xeral de zonas verdes de dominio público nun terreo de uso privativo, en favor de Aceites Abril, S.L., dotándoo coas mesmas condicións urbanísticas coas que conta a actual propiedade da mercantil e parcelas lindeiras; e a constituírse un ben demanial, de uso público, na zona norte da parcela, o cal lindaría co soar propiedade de Servizos Externos Algar, S.L. (B-70024872), identificado como predio 2 da matriz 7624005NG9872N.

En definitiva, este instrumento de planeamento levará a cabo unha reorganización física das parcelas titularidade de Aceites Abril, S.L. ao modificar a disposición do fragmento de zona verde que separa ambasas dúas, para a súa incorporación futura como unha única parcela e pensado todo iso para beneficio do interese público da zona. Este instrumento conterá, ademais, as determinacións xurídicas necesarias para que se adxudique a Aceites Abril, S.L. a parte de terreo obxecto de permuta; con iso poderase realizar posteriormente a inscrición rexistral das titularidades modificadas.

Estímase unha equidade na valoración dos bens obxecto de permuta, sen prexuízo dos compromisos engadidos que a mercantil adquira á sinatura deste documento e aqueles que lle sexan atribuídos a través da modificación do plan xeral presentada.

Terceira. Compromisos de Aceites Abril, S.L.

Tendo en conta o interese público que debe enmarcar este tipo de acordos, a mercantil comprométese a acondicionar a parte deste sistema xeral que se entregue ao Concello e que resulte da permuta, coa principal finalidade de facela transitable a veciños, traballadores, visitantes e maquinaria de conservación, permitindo así o uso e o goce da zona verde situada ao oeste da parcela, fomentando desta forma a calidade de vida e paisaxística da zona.

A execución deste acondicionamento rexerase polas condicións pactadas e detalladas na pertinente modificación.

Aceites Abril, S.L. comprométese a levar a cabo todas as súas actuacións enmarcándoas na boa fe contractual e a traballar sobre este proxecto tendo como obxectivo primordial o interese público da zona.

Aceites Abril, S.L. presentará por iniciativa propia a debida proposta de modificación do plan xeral, na que se detallarán pormenorizadamente todas as cuestións técnicas sobre as actuacións que leven a cabo.

Aceites Abril, S.L. comprométese, ademais, a destinar o espazo adquirido a través da permuta ás actividades que lle son propias polo seu obxecto social, e continuar desta forma coa súa expansión e desenvolvemento en consonancia cos obxectivos e eixes primordiais declarados no expositivo deste texto.

Cuarta. Compromisos da corporación local

O Concello de San Cibrao das Viñas comprométese a tramitar a modificación de conformidade cos obxectivos e criterios contidos no presente convenio, favorecendo e facilitando as condicións da permuta e antepoñendo sempre e en todo momento o interese xeral.

O Concello levará a cabo os oportunos trámites destinados a favorecer a agrupación do futuro terreo privativo coa parcela actual da mercantil, sen prexuízo todo iso dos deberes administrativos que lle sexan exixibles a esta.

Quinta. Impostos e gastos

Todos os impostos e gastos de publicidade que se devindiquen como consecuencia da tramitación deste convenio, serán asumidos por Aceites Abril, S.L.

Sexta. Réxime xurídico do presente convenio

Este convenio urbanístico regúlase polo disposto nos artigos 165 e seguintes da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia, así como polos artigos 398 e seguintes do Decreto 143/2016, de 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia. As estipulaciones contidas nel teñen o efecto de vincular as partes para a iniciativa e tramitación do pertinente procedemento.

Conforme o establecido no artigo 168.2 LSG e no artigo 401.3 RLSG, este convenio incluirase, para a súa información pública, como anexo ao documento de modificación puntual do Plan xeral de ordenación.

A suspensión de licenzas, en caso de ser acordada, así como as súas excepcións, atenderán ao disposto no artigo 86 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

E en proba de conformidade, as partes asinan o presente convenio urbanístico, no lugar e data ut supra.